Benvidas, benvidos, amigas e amigos

A paz é o camiño, e facemos camiño ó andar. A paz é un descubrimento, non unha conquista, dicía, Raimon Panikkar. A guerra e a violencia non son fatalidades biolóxicas. Aprendemos a ser violentos. Por iso temos que "desaprender" para ser pacíficos, que non submisos, nin súbditos, nin mansos. Federico Mayor Zaragoza di que a aprendizaxe da democracia é a pedagoxía da paz. E María Zambrano afirmaba que a paz é moito máis que unha toma de postura, é unha auténtica revolución, un modo de vivir, un modo de habitar o planeta, un modo de ser persoa.
A paz como cultura...

29 mar 2013

Aínda temos memoria...

   Os que nacemos alá polos anos '50 sabemos ben do que falamos, por experiencia propia, en carne viva, cada día, a cada instante, a omnipresencia permanente do medo e do pecado, a manipulación, o adoutrinamento do nacional catolicismo, a segregación, o totalitarismo relixioso, ata o empacho, dentro e fora das aulas, en todas partes, na familia, no catecismo, na escola, nas rúas, sempre e en todo lugar.
    Fomos bautizados, confirmados, fixemos a comuñón... e os que estudamos en colexios relixiosos, ademais, catolicismo obrigatorio, misa, confesión, mes de María, exercicios espirituais, procesións, mércores de cinza, congregantes, cofrades, altares nos pupitres, temor de Deus, e miles de horas de sermóns, cánticos, santo adalid, pange lingua, tantum ergo, como suspira la cierva...cesta e evanxeo, concurso de coñecementos do antigo e novo testamento, adaptación do popular concurso da tele cesta y puntos.
      A fartura foi tanta que fomos moitos os que, cando tivemos oportunidade, e uso de razón verdadeiro,  o deixamos. A sobredose fora tal que quedamos completamente inmunizados, cargados de antídotos, cheos.
       Para un cativo como eu, na levítica Compostela dos anos '50, non digamos nos '40, a relixión católica o invadía todo. Nada escapaba ó control daquel ollo que todo o vía. Os curas e as monxas cos seus hábitos formaban parte da paisaxe habitual da cidade. O Seminario Maior, en San Martiño Pinario, a carón da miña casa, enchido de vocacións, tanto que foi preciso facer en Belvís o Seminario Menor. Chegaban aspirantes de tódolos currunchos do país. 
      Daquela, o Seminario Maior era tamén o patio dos nosos xogos. O campo de fútbol estaba moi preto dos cortellos con enormes porcos, aínda os estou vendo e escoitando, ó pe de San Francisco. Os rapaces moviámonos polos baixos como se fosen os da nosa casa. Dos Xardíns, en Praterías, iamos polos seus pasillos, claustros e corredores, ata a Porta da Pena. Nos baixos do Seminario descubrimos pianos vellos, estandartes e mobiliario arruinado, santos e virxes apolillados, e na igrexa de San Martiño, viño de misa na sacristía, que probamos. Fomos monaguillos, portadores de estandartes, coleccionamos vales para sorteos cada domingo na catequese, e aguantamos, unha, mil veces, un millón, letanías e sermóns.
       A aprendizaxe relixiosa empezaba ben cedo. No meu caso, coas monxas de San Paio, onde ía da man da miña tía Pilar. Logo ó Colexio La Salle de San Roque, primaria, secundaria e preu, dise pronto, aulas sempre presididas por simboloxía relixiosa, por suposto, mestres "hermanos" na súa maioría, con algunha excepción, moi poucas daquela. Capela nos baixos, visita semanal, confesión, penitencia, eucaristía... e os domingos, catequese no Seminario.
        Ben sei que a moitos, todo isto, fíxolles moito ben. Así o din aínda hoxe. Debo recoñecer que a min, polo contrario, marcoume moito, foi un exceso. Demasiado empacho, pasoume tamén co fígado de bacallau... 
        O cardeal Quiroga Palacios pasaba, cada día, con pouco séquito mais con toda a súa enormidade, por diante da miña casa, na Troia, camiño da catedral. O seu anel granado brillaba na distancia. Os días que non tiñamos escola os cativos deixabamos de xogar ó fútbol na rúa e corriamos a bicarlle a man a súa magnificencia. Acariciaba as nosas cabezas e reiteraba, con voz ronca, ser buenos, apartaos del mal...
           O adoutrinamento relixioso era sistemático, permanente, dentro e fora das escolas. O medo, o terror ó inferno, non era un recurso literario, nin sequera unha metáfora, estaba interiorizado, sobre todo, naquelas cuestións relacionadas coa entreperna, de pensamento e de obra.  A segregación dos sexos nas escolas, daquela, non era unha opción nos centros relixiosos, mesmo nos públicos, aínda lembro o instituto feminino, o Rosalía de Castro hoxe, e o masculino, en Mazarelos, onde está a Facultade de Filosofía. Aquela política imposta pretendía protexernos, polo noso ben, do maligno que rondaba sempre, acochado, para condenarnos eternamente.
         Cando chega a Semana  máis Santa do ano coa profusión de manifestacións de fervor popular, utilización política e mediática, especialmente cando goberna a dereita, a de sempre, rememoro aquel empacho e sinto que non foramos  quen de separar a igrexa do estado, como corresponde a unha sociedade moderna e democrática, desde o respecto polas crenzas relixiosas privadas de cada quen, tamén daqueles que non as temos, sobre a base da laicidade, da ética pública, das virtudes de cidadanía, sen discriminacións para coas outras crenzas e sen privilexios económicos.
          Cando vexo a sectas relixiosas ultraconservadoras  que fan gala do seu ideario segregador, con diñeiro público, e escoito a líderes políticos ultracentristas falar de adoutrinamento cando ensinamos Cidadanía e Dereitos Humanos nas escolas, de acordo con tódalas recomendacións da UE, da UNESCO e das Nacións Unidas, sinto noxo. Cando leo os borradores da nova lei de educación impulsada polo Sr. Wert, a LOMCE, que Jesús Vázquez Abad apoia con entusiasmo, parece mentira, segregadora, centralista, anacrónica, non só lembro as reválidas, senón tamén aqueles tempos de adoutrinamento e manipulación que identifico co cheiro a incenso que aborrezo.
          
     
         
         

1 comentario:

  1. Ai, canta razón levas.
    Eu nacín nos sesenta pero tamén me tocóu algo de ese ambiente. Tamén aborrezo dende nena o cheiro a incienso. E dame medo o xiro ó pasado hacia o que queren que vaiamos. E máis medo, e vergoña, toda a xente que apoia esta situación.
    Teño un fillo de catorce anos e non deixaréi que o medo me cale a boca nin me pare os pés na loita contra esta desfeita.
    Grazas polas tuas sabias verbas.
    Saúde.

    ResponderEliminar