COMPROMISOXGALICIA é un novo referente político e está en construción, está por rematar, non debemos esquecelo. Non temos o ramo posto, aínda non houbo alboroque. Estamos a poñer os piares, e esta nova forza política a estamos construíndo entre todas e todos, por abaixo, por arriba, arredor, polas beiras, polo centro, interactivamente, en rede…
Compartimos, con tantas galegas e galegos, a necesidade e a urxencia dunha nova forza política, pero sobre todo, desexamos outra cultura política, outras formas e maneiras de acción política, novas, distintas, das que vemos a cotío no Parlamento Galego e fora del.
Unha forza política asentada, antes que nada, en principios éticos, en valores, sen os cales todo o demais perde o seu sentido, convértese en retórica política, palabrería oca.
Cando falamos de valores, non estamos a referirnos ós valores do mercado ou dE bolsa, pensamos nos valores cívicos e democráticos, os valores de cidadanía, aqueles que consagrou magnificamente a Declaración Universal dos Dereitos Humanos de 1948, iso que algúns chaman tamén as virtudes cívicas e laicas que veñen a nós desde a Ilustración, de cando deixamos de ser súbditos e pasamos a ser cidadás, aínda que algúns pretendan levarnos, outra vez, á subordinación.
Referímonos ós valores democráticos, ises que tanto custou garantir e que hoxe están profundamente amenazados: a dignidade, a liberdade, a xustiza, a solidariedade, a paz, a nonviolencia, a honestidade, a decencia política, porque sen estes valores, a acción política apodrece, deixa de ter o seu sentido.
Como reiteramos na Educación para a Paz: “Evitar contradiccións entre o que dicimos e o que facemos” iso é a coherencia política.
Queremos ser unha cooperativa política, moi lonxe da competitividade política e social máis propia da guerra fría. Estamos e queremos respostar ás necesidades e demandas da cidadanía galega do século XXI, cooperativamente, en colaboración, en rede, facendo iso que chamamos traballo cooperativo, sumando, colaborando, para multiplicar.
E cales son os valores da cooperación política?
A axuda mutua, o ben común, o esforzo propio, a responsabilidade, o compromiso cos demais, o COMPROMISO X GALICIA.
Stéphane Hessel, ese mozo de 95 anos, hai case que dous anos xa, nun panfleto titulado “Indignádevos”, libro publicado en galego cun prólogo magnífico de Manolo Rivas, “A nova conquista do pan”, dounos unha lección maxistral a todas e a todos, e inspirou a revolta indignada. Dixo: É tempo de acción, de participación, de non resignarse. É tempo dunha democracia xenuína. Tempo de mobilizarse, de ser actores e non só espectadores impasibles, progresivamente uniformados, gregarizados, obedientes…
COMPROMISOXGALICIA, aséntase, sobre todo, en dous piares básicos, as profundas conviccións galeguistas e a vontade transformadora.
Recollemos as achegas tanto do galeguismo político como do soberanismo cívico, do progresismo e da esquerda renovadora, a cultura da paz e do pacifismo, a xustiza social, os dereitos humanos e dos pobos, o ecoloxismo político, a economía solidaria, e a radicalidade democrática, e aquí, neste espazo amplo e plural sentímonos cómodos, todas as forzas que compoñen hoxe CxG, como a maioría da sociedade galega se sinte amparada nesta ampla definición política. E a esa inmensa maioría nos diriximos, con vocación de goberno.
Compartimos tamén esa imperiosa necesidade de rexeneración política, queremos contar e non ser contados cada catro anos, como a maioría da sociedade. Ese é o espazo sociolóxico e electoral a quen queremos dirixirnos, a maioría social, con quen queremos construír e asinar este COMPROMISO, comprometidos, comprometidas co país, coa súa xente, coa súa lingua, coa súa cultura, co seu extraordinario patrimonio natural, paisaxístico, histórico, artístico… tan ameazado, e coa igualdade entre homes e mulleres, un Compromiso con Galicia, cos seus dereitos individuais e colectivos, coa transformación social, en beneficio do 99%. Con fondas raíces no país e coas ponlas abertas ó mundo, prestando toda a nosa atención ó que acontece, pensando globalmente, actuando localmente, con esa universalidade tan moderna que tiña o galeguismo histórico.
Pasaron os tempos da indignación, aínda que as causas da mesma persistan, pero lembrade, tan só se indigna quen ten dignidade.
Temos que coller o país entre as mans, de todas e de todos, porque estamos diante dunha crise sistémica, non só nunha época de cambios, senón nun cambio de época. O neoliberalismo non da máis de si.
Seguen a morrer diariamente máis de 60.000 persoas de fame. Mentres, sen ruborizarnos, seguimos a gastar máis de 4.000 millóns de dólares ó día en armamento. A esperanza de vida, en Galicia, no Canadá ou en Alemaña supera os 80 anos. Na maior parte de Africa esa esperanza de vida redúcese á metade.
Esta economía de guerra, depredadora da natureza, non ten futuro. Con estas prioridades nunca poderemos cumprir cos Obxectivos do Milenio. Cústanos a todas e a todos, 1 millón de euros diarios a nosa presenza militar no exterior, mentres a maioría da poboación camiña pola senda dos recortes, da pobreza e da exclusión progresiva.
A democracia, tal e como a coñecemos, coas súas limitacións, coas súas carencias, está sendo secuestrada diante dos nosos ollos. As institucións supranacionais, a UE, O G7, o G8, o G20, o FMI, o Banco Mundial, son hoxe instrumentos ó servizo dos intereses dunha minoría, por iso defenden a desregulamentación máxima da economía, a ausencia de controis, de fiscalización, e manteñen os paraísos fiscais ó tempo que toleran ou alentan o tráfico de capitais, de armas, de drogas ou de persoas.
Europa, secuestrada, ó servizo dos mercados e dos mercaderes, dos bancos e dos acredores, decide rescatarse a si mesma, ós estados máis endebedados, poñendo a economía e os intereses dos banqueiros por riba das persoas e da xente do común. Esta é, probablemente, a maior contradición na que vivimos. Son os traballadores e as clases medias as que financian, os que financiamos, a recapitalización da banca e unha saída da crise en beneficio exclusivo dos que a crearon, por iso escoitamos tanto o de que isto non é unha crise, é unha estafa, unha magnífica escusa para dar por finiquitado o Estado de Benestar.
Queremos máis democracia e mellor democracia, Boaventura de Sousa Santos fala de “Democratizar a democracia”, aquí está a base do que defendemos, a radicalidade democrática, as listas abertas, a elección do candidato ou candidata en primarias abertas á cidadanía, a limitación de mandatos, a exclusividade dos cargos públicos, a firmeza e a exemplaridade coas persoas imputadas, a intolerancia cero con que mete a man na caixa ou se beneficia do seu cargo político.
Federico Mayor Zaragoza, con frecuencia, conta esta histor¡a verídica. Dominique Lapierre, hai anos, levoulle algo de diñeiro recollido a Teresa de Calcuta, era moi pouco, e díxolle: Non puidemos xuntar máis. Xa sei que isto é como unha pinga no océano… e a nai Teresa respostoulle. Si, pero sen esa pinga, o océano a botaría en falla…
Burke non o dixera mellor cando afirmaba: “Mágoa que por pensar que podían facer pouco, non fixeron nada”
Pois por iso mesmo, Galicia está tamén nunha encrucillada. COMPROMISOXGALICIA fai propio aquel vello lema do Mahatma Gandhi cando berraba “Actúa. Se ti o cambio”.
No hay comentarios:
Publicar un comentario