Coñecín a Jean Ridoux nas aforas de París. Foi na celebración do Congreso Internacional de Teachers for Peace, o segundo encontro no que participabamos despois de Bonn, en 1985. Contrariamente ó anterior, ó que asistimos María Uxía Rivas e máis eu, á capital francesa mandamos unha ampla delegación. Alí estivemos con Calo Iglesias, Lois Trigo, Marosa Gómez, Anxos Rodríguez, a verdade xa non sei si esquezo a algunha persoa. O certo é que ibamos cunha intencionalidade clara. Por unha banda, incorporarnos activamente á rede internacional. Pola outra, propor a Santiago de Compostela como posible sede dun futuro Congreso Europeo de Educación para a Paz.
Jean Ridoux xa era daquela un gran personaxe. Pasaba dos 60 anos, cando nós rondabamos os 30. Exercía como un patriarca. Lideraba o Movemento pola Paz francés coa axuda de varias persoas como Raoul Alonso, de familia española. E tiña especial interese na nosa participación. Sabía de nós por Horst Betghe, un profesor e pacifista alemán, de Hamburgo, organizador dos congresos de Copenhague e Bonn anteriores e co que establecimos unha boa amizade. Dicía de nós, cando nos presentaba, que eramos "patriotas galicianos", a súa forma de interpretar o noso galeguismo, a ollos alemáns, obviamente.
Jean Ridoux gozaba xa daquela dunha merecida fama. Era o fundador da Asociación Francesa e da Comisión Nacional de Educación para o Desarmamento. Presidíu a apertura do Congreso en París, en recoñecemento á súa longa traxectoria pacifista, con ecos que chegaban de moi lonxe, da súa vinculación coa resistencia francesa á ocupación alemana, da súa adscripción á xuventude patriótica e á Liga Francesa de Albergues Xuvenís, da súa detención por varios anos e da súa liberación, como París, en 1944.
A súa militancia pacifista forxouse sobre todo a partir da oposición á intervención francesa en Vietnam, considerada unha guerra colonial. Nese momento abandona o exército francés e volve á vida civil como capitán honorario. Destacouse tamén pola organización da solidariedade co pobo arxeliano.
Foi logo nomeado secretario do Movemento pola Paz parisino e en 1974 funda a Comisión Nacional de Educación para o Desarmamento.
Nos anos '80 promove a organización dos primeiros congresos internacionais de Educación para a Paz e se vincula, con entusiasmo, á idea da Cultura da Paz que impulsa na UNESCO, Federico Mayor Zaragoza.
Reticente inicialmente á nosa proposta de celebrar un Congreso Europeo en Santiago de Compostela, logo a apoia. Non so iso, ven e participa activamente en 1994 no que foi, sen dúbida algunha, o mellor e máis concorrido Congreso Europeo de Educación para a Paz celebrado ata hoxe, o único, por certo, con actas publicadas no libro "Por unha Europa de Paz, Multiétnica e Intercultural", coordinado, como o Congreso, polo noso compañeiro Calo Iglesias.
E volveu a Galicia moi recentemente, en decembro pasado, con motivo do FORO 2010. Estaba xa moi velliño, aínda que conservaba esa fortaleza espiritual da súa rica e vivaz biografía. Tiña 87 anos. Cando entrou no Plenario pedín para el un forte aplauso de recoñecemento e gratitude que os case que mil asistentes seguiron con fermosa xenerosidade.
Co final de Agosto, Jean Ridoux deixounos para sempre. A súa memoria, o seu exemplo, seguirán nas persoas que tivemos a honra de coñecelo. Descanse en paz, nunca mellor dito, este educador, referencia internacional, pacifista comprometido coa cultura da paz, do entendemento e da concordia.
No hay comentarios:
Publicar un comentario