Benvidas, benvidos, amigas e amigos

A paz é o camiño, e facemos camiño ó andar. A paz é un descubrimento, non unha conquista, dicía, Raimon Panikkar. A guerra e a violencia non son fatalidades biolóxicas. Aprendemos a ser violentos. Por iso temos que "desaprender" para ser pacíficos, que non submisos, nin súbditos, nin mansos. Federico Mayor Zaragoza di que a aprendizaxe da democracia é a pedagoxía da paz. E María Zambrano afirmaba que a paz é moito máis que unha toma de postura, é unha auténtica revolución, un modo de vivir, un modo de habitar o planeta, un modo de ser persoa.
A paz como cultura...

7 nov 2014

AIPAZ E A CUESTIÓN CATALÁ (A Paco Muñoz, in memoriam)

   

Na segunda ringleira, empezando pola esquerda, Paco Muñoz, in memoriam...


   O titular diste post, sei que se di así, AIPAZ e a cuestión catalá, é o que a Xunta Directiva de AIPAZ, a rede de centros, institutos e persoas que investigan e educan para a paz no conxunto do Estado, decidiu para facer pública unha Declaración Institucional a moi poucos días do 9N (podedes lela enteira máis abaixo e na web de AIPAZ: www.aipaz.org).




   Debemos comentar aquí que moi pouco foi o interese que espertou nos grandes medios de comunicación, particularmente, en Galicia. A quen vai interesar o que opinen académicos, investigadores, centros e institutos que levan practicamente 30 anos traballando na análise de conflictos e na súa transformación pacífica en España, algúns deles, por certo, con gran recoñecemento internacional?. Probablemente a ninguén, moito menos, si se posiciona a favor do dereito a decidir, si critica a actitude do goberno central, si pide reformas constitucionais ou si promove o diálogo, o entendemento e a concordia. Vaia plasta!. Pouco espectáculo mediático á vista, menos tratamento informativo. E a liberdade de expresión?. Bueno, xa se sabe, depende...

   En calquera caso, o texto que finalmente fixemos público onte vén de lonxe. Está completo a continuación. Hai aproximadamente un ano, con motivo da Asemblea que AIPAZ realiza anualmente en distintos lugares de España, en Barcelona foi a última, as organizacións catalás, coincidiron en demandar da nosa rede unha definición sobre un conflito que tiñamos diante dos nosos narices, na nosa propia casa, e sobre o que, ata o momento, non nos pronunciamos colectivamente.

   E decidimos abordalo, con calma, con acougo, con prudencia, tendo en conta que era a primeira vez que AIPAZ -como tal- procuraba unificar criterios, desde a diversidade, sobre un asunto complexo, con moitas arestas, que nos interpelaba, racional e emocionalmente. Foron varias as persoas que aportaron documentos con visións diferentes, desde ámbitos e enfoques distintos do problema. Viçens Fisas, Jordi Armadans e Pere Ortega, polos centros cataláns, trasladáronnos a súa particular visión do conflito. Pola súa banda, Carmen Magallón, desde Zaragoza, Martín Rodríguez, desde Valladolid ou Paco Muñoz, desde Granada, completaron os relatos anteriores que viñan con un marcado acento catalán, como é lóxico.



   Acordamos facer unha xornada de traballo colectiva que tivo lugar finalmente o pasado 18 de Outubro, no Ateneo de Madrid (canta historia atesoura aquel espazo!) dos centros de investigación e as persoas que quixeron acompañarnos, sobre a base dos documentos citados e co ánimo de facer, si era posible, unha síntese. Non era fácil, debemos recoñecelo. As sensibilidades eran moi plurais, algunhas estaban moi a flor de pel. Tratábase de reflexionar e debater aberta e sinceramente, co corazón na man, e así o fixemos, durante todo o día, comida por medio, no medio dun ambiente moi cordial e cariñoso como é habitual, por outra parte, en AIPAZ.

   Cada autor, cada autora, dos citados, tiveron a oportunidade de defender a súa visión, cada centro a de completar ou discrepar sobre os argumentos presentados, moi respectuosamente, e ao final, como non, encargamos ao Presidente, un servidor, a papeleta de tratar de unificar, na diversidade, o reflexionado durante horas. Así o fixen, desde a miña propia sensibilidade, como galego de nación e galeguista, mais tendo moi presente a pluralidade e diversidade de AIPAZ, procurando que todas e todos nos atopásemos cómodos coa declaración institucional acordada.

   Pero non foi todo. Desde o pasado día 18 de Outubro e ata o Xoves 6 de Novembro, data na que decidimos facer pública a Declaración Institucional, aquel borrador percorreu os centros e as persoas, fixéronse matizacións, correccións finais, apuntes valiosos, para facela definitiva e co acordo -unánime- da Xunta Directiva.

   Quixera dedicarlle a Declaración a Paco Muñoz, membro da dirección de AIPAZ, do Instituto de Paz e Conflitos da Universidade de Granada, un dos seus históricos fundadores, que aportou a este debate, como a tantos outros, a súa propia visión desde a paz imperfecta e cosmopolita que nos traía, acaramelada, gustosa, desde o seu Albayzín máis querido. e fermoso. Alí deixounos para sempre o pasado día 23 de Outubro, cinco días logo de reflexionar connosco no Ateneo madrileño sobre Cataluña. Foi así, de súpeto, unha perda terrible que aínda non asimilamos e que nos ten a todas as persoas de AIPAZ abatidas.

   Vai por ti, Paco...



1 comentario:

  1. Las votaciones de hoy 9Nov.serán un éxito,la magnífica campaña publicitaria llevada a cabo por la Generalitat,TV3,ERC,ANC,Omnium....y la gente desea dar su opinión y en una crisis de 7 años,será un jornada festiva y los independistas y secesionistas,tienen todo a su favor....nadie les ha explicado los pros o contras de esa secesión ,pero todo será una Arcadia feliz y un camino a Itaca....los errores de Rajoy y Mas son increíbles.de todas formas a partir del 10 Nov.tendrán que negociar,y con la Constitución por delante,Mas ya sabe el resultado y su único motivo ganar tiempo para ir a las elecciones anticipadas,pues el referéndum que él desea es imposible en el marco actual.

    ResponderEliminar