Nacín
en Santiago de Compostela, no primeiro da Rúa da Troia nº 15, un 14 de
Xaneiro de 1953. Son o maior de 7 irmáns. Alí vivín ate os 18 anos. Estudiei a Primaria e a Secundaria
en Santiago. Din que un é de onde fai o Bacharelato, pois tamén. Son, polo mesmo, un picheleiro, orgulloso de selo. Tamén son fillo, neto e bizneto de poleiras,
que tiveron posto na Praza de Abastos ate a súa xubilación. Meu pai traballou
en FINSA desde os 12 anos. Por ambas partes temos precedentes de mestres e
mestras, particularmente, o meu abó, José María Dios Busto, represaliado logo
da guerra civil.
Estudiei Maxisterio en Santiago (1973-1976) e
entrei a traballar como Mestre por
oposición en 1976. Durante a etapa universitaria militei en Larga Marcha, un grupúsculo esquerdista do que gardo moi bos amigos e recordos. Posteriormente fixen a licenciatura
en Xeografía e Historia, tamén en Santiago, e realicei os cursos de Doutoramento en Estudios Contemporáneos. Preparei a tese con Xusto Beramendi, O Lume da Nación, pero decidín non presentala, sobre as orixes do sindicalismo nacionalista, no que participei moi activamente pero que agora vexo con moita lonxanía...
Desde 1976
exercín como docente en diversos
colexios (Portomouro, Santa Brígida, nas Palmas de Gran Canaria, desprazado
forzoso, logo dunha protesta que gañamos para tódolos que viñeron despois; en Catoira, Trazo e finalmente no IES de Cacheiras), ate que no ano 2013 accedín á
xubilación anticipada ós ’60. Estou casado, teño unha filla e unha neta coa que estou, como abó, entusiasmado. Vivo
no barrio de San Pedro.
Durante todo este tempo tiven tres
grandes preocupacións (e sobre todo, ocupacións), a educación, o activismo sindical
e nos movementos sociais, e o pacifismo.
Nos anos ’70 e ‘80 participei
activamente nos movementos de oposición
á Dictadura, no sindicalismo
estudiantil, en formacións políticas de esquerda, Información Obreira, Partido do Traballo, e contribuín a crear e
consolidar o sindicalismo nacionalista galego, na CXTG primeiro, na
Interesindical logo e, finalmente, na CIG, tanto no Ensino como no ámbito
Confederal. Fun Secretario Xeral do Sindicato Galego do Ensino e a
Investigación da CXTG, e logo formei parte das Executivas da Intersindical
Galega (INTG) e da CIG. Tamén participei na constitución da Internacional da
Educación (IE) en Estocolmo. Fun membro do Consello
Escolar de Galicia e do Consello
Escolar do Estado, durante dúas lexislaturas, representando ó profesorado
galego.
A miña última militancia partidaria foi
en Esquerda Galega, a mediados dos anos ’80, e logo co 15M
(2011), case que 30 anos despois, sentinme directamente interpelado para axudar a cambiar as vellas formas de facer política polo que
decidín volver a militancia partidaria, primeiro no proceso Ben Común, logo na creación do Espazo Ecosocialista Galego e en AGE.
En Decembro de 1985 promovín e fundei o Seminario Galego de Educación para a Paz
(www.sgep.org), do que formo parte e, desde
o ano 2000, son o seu Presidente. Como membro do SGEP participei na fundación
da Coordinadora Galega de ONGDs, da Coordinadora Galega pola Paz ou da Iniciativa polos Dereitos Humanos, así
como no Movemento Internacional de Educación para a Paz (Teachers for Peace), na rede Trascend, no Chamado pola Paz da Haia,
ou no Foro Social Mundial (FSM) e no
movemento altermundista desde Porto Alegre, especialmente, no Foro Mundial de Educación (FME), do que
formo parte, no seu Secretariado Internacional. Xunto con outras organizacións,
promovín a constitución e a celebración do I
Foro Social Galego en Santiago.
Como Educador para a Paz fun
Vicepresidente da Conferencia Mundial
para a Paz, a Sustentabilidade e o Desenvolvemento que co apoio da ONU e da
UNESCO tivo lugar en Compostela en 2005 e presidín, nese marco, o Congreso Mundial de Educación e Cultura de
Paz coa presencia de varios Premios Nobel da Paz.
Recibín o Premio “Fagamos as paces”
concedido polo Instituto Internacional Catalán per la Pau da Generalitat de Catalunya polo
documental “En son de paz” en 2001.
Participei de maneira moi activa na
redacción do Plan Integral de Mellora da
Convivencia Escolar de Galicia e na creación do Observatorio Galego da Convivencia Escolar en 2007, co goberno
bipartito.
Coordinei o ciclo de Diálogos para a Paz e os Diálogos Altermundialistas en 2007 e
2008 e o Foro 2010 con tres
congresos internacionais durante o mes de decembro dese ano en Compostela,
entre eles, o Foro Mundial de Educación
Temático sobre Cultura de Paz.
Son autor de numerosas Unidades Didácticas, Artigos, Documentais,
Libros de Texto, Ensaio, sobre educación e cultura de paz, que poden
consultarse na páxina web do SGEP.
En 2002 recibín o Premio á Promoción de Conductas Tolerantes por unha experiencia educativa
co alumnado realizada no CPI de Trazo titulada “Educar para a paz, globalmente”
Son vicepresidente
da Cátedra UNESCO de Cultura de Paz e Dereitos Humanos da USC, creada en
2010 e que ten como Presidente de Honra a Federico Mayor Zaragoza. Nese ano promovimos tamén a elaboración dun Proxecto de Lei de Fomento da Cultura de Paz de Galicia
que presentamos no Parlamento Galego co apoio do propio profesor Mayor e a directora xeral da UNESCO, Irina Bokova. Coa maioría absoluta do PP durme nun caixón...
En 2011 fun nomeado por Angel Gabilondo membro
do Observatorio Estatal da Convivencia
Escolar, no cupo de personalidades de recoñecido prestixio, órgano logo
suprimido polo Partido Popular.
Desde o 2013 presido a Asociación Española de
Investigación para a Paz (AIPAZ), rede que agrupa á practica totalidade dos
centros e institutos de educación e de investigación para a paz do Estado.
Por ningún destes cargos de representación percibín ou percibo remuneración algunha. Vivo e vivín sempre do meu salario como mestre e agora coa pensión de xubilación.
Na lexislatura da infamia, que está a
piques de rematar, entrei a formar parte activa de COMPOSTELA ABERTA participando nas súas asembleas e debates, sendo un dos seus coportavoces. Colaborei na redacción do seu Manifesto Fundacional, dos seus Principios de Funcionamento, e na campaña
“Que
Concello Queres”, no Código
Ético e no Regulamento de Primaria
Abertas. Comparto, polo mesmo, os seus obxectivos e a idea de empoderar á
cidadanía para auditar e limpar o Concello de podremia e indignidade. Por iso,
e para iso, presento a miña candidatura para as Eleccións Municipais de Maio, para axudar a Martiño Noriega a gañar as Eleccións.
Creo nas Primarias Abertas á Cidadanía, na democracia directa para elexir, para escoller ás mellores persoas, na capacidade da xente para ordenar a lista de candidatos e candidatas, con independencia da súa adscrición, por iso presentei a miña candidatura, libremente, como cidadá, sen paraugas e sen rede, como persoa individual, a mesma fórmula que usei para incorporarme, desde o principio, a COMPOSTELA ABERTA.
Confío en que, liderados por Martiño Noriega, o día 23 de Marzo, COMPOSTELA ABERTA,proclame, proclamemos, o mellor equipo de goberno para frear ó PP e botalos, democraticamente, do Concello, a facer a súa propia rexeneración democrática, nos bancos da oposición.
Lembra que para votar, nas Primarias, necesitas inscribirte antes do día 19 en:
Moitas grazas e adiante!!!.
No hay comentarios:
Publicar un comentario