Benvidas, benvidos, amigas e amigos

A paz é o camiño, e facemos camiño ó andar. A paz é un descubrimento, non unha conquista, dicía, Raimon Panikkar. A guerra e a violencia non son fatalidades biolóxicas. Aprendemos a ser violentos. Por iso temos que "desaprender" para ser pacíficos, que non submisos, nin súbditos, nin mansos. Federico Mayor Zaragoza di que a aprendizaxe da democracia é a pedagoxía da paz. E María Zambrano afirmaba que a paz é moito máis que unha toma de postura, é unha auténtica revolución, un modo de vivir, un modo de habitar o planeta, un modo de ser persoa.
A paz como cultura...

5 may 2011

En solidariedade con Garzón.

      
(Texto da intervención no acto de onte en Compostela, na presentación do libro: "La solidaridad con el juez Garzón", coordinado polo Ex- Fiscal Xeral Anticorrupción, D. Carlos Jiménez Villarejo).

       Amigas e amigos, compañeiros e compañeiras de mesa, D. Carlos Jiménez Villarejo, coordinador do libro que nos convoca, Dª Carme Durán, coordinadora da Plataforma Galicia con Garzón que axudamos a constituír, D. Ricardo González, director da Editorial El Páramo, que fai posible esta obra e D. Enrique León, avogado.

        En calidade de Presidente do Seminario Galego de Educación para a Paz e director da Fundación Cultura de Paz en Galicia, quixera que as miñas primeiras palabras sexan para manifestar que vivimos tempos cargados de cinismo e de hipocresía, de dobre moral, en relación coa Xustiza.

        Sen dúbida que o principal protagonista deste acto, D. Carlos Jiménez Villarejo, se referirá con moita máis autoridade que eu a este asunto que nos preocupa, en relación co xuiz Baltasar Garzón Real pero tamén ós últimos acontecementos, a execución extraxudicial dunha persoa, por moi criminal que sexa, ordeada nada menos que por un Premio Nobel da Paz.

        D. Carlos Jiménez Villarejo, para quen non o sepa, foi opositor antifranquista, cofundador da asociación Xustiza Democrática, sufríu persecución pola súa defensa inquebrantable dos dereitos humanos e entre 1995 e 2003 foi Fiscal Especial Anticorrupción.

        Nos últimos anos tense destacado na defensa da Lei de Memoria Histórica, no apoio ás víctimas no sumario contra os crimes do franquismo e, de maneira moi activa, na defensa do xuiz Baltasar Garzón Real. Nesa defensa ten manifestado publicamente que na cacería contra o citado xuiz, os maxistrados que o investigan, téñense constituído na actual expresión do fascismo español.

        Colaborador de ATTAC, apoia a iniciativa da Tasa Tobin sobre as transaccións financieiras internacionais e contra dos paraísos fiscais.

        D. Carlos Jiménez Villarejo, moitas grazas pro acompañarnos neste acto que, no fondo, é un acto de apoio e en solidariedade con Baltasar Garzón, un máis, dos moitos que se veñen celebrando, nacional e internacionalmente, e que seguirán, sen dúbida, porque na súa defensa, estamos a defender un outro modelo de xustiza, tal e como as distintas plataformas de apoio ao xuiz Garzón proclaman.

        A presenza do Seminario Galego de Educación para a Paz na Plataforma Galicia con Garzón non debera sorprender a ninguén.
        Estamos ahí desde o principio, somos membros fundadores e impulsore desta Plataforma da que é portavoz o escritor Manolo Rivas, tamén Premio Portapaz. Coñecemos persoalmente a Garzón, o nombramos tamén Premio Portapaz e Socio de Honra do Seminario o mesmo ano en que decidíu ordear a busca e captura do dictador Pinochet que propiciou a súa detención en Londres. Pero antes, Garzón, marcou unpunto e aparte na persecución do narcotráfico en Galicia, coa operación Nécora, él é o responsable de que destacadísimos narcos galegos sigan hoxe entre reixas.  

        Tivo tamén, como sabedes, un papel moi relevante nas investigacións polo caso GAL, falemos claro, terrorismo de estado. Os que aplaudiron as súas actuacións no caso GAL, a persecución dese terrorismo que se organizou nas cloacas do estado, son os mesmos que hoxe aplauden a execución extraxudicial de Osama Bin Laden. Cousas veredes.

        E na persecución do terrorismo de ETA, Garzón, tamén tivo un papel destacadísimo, sobre todo, para desmontar os apoios económicos e sociais do terrorismo.

        Pero, sen dúbida, as súas investigacións sobre o caso Gurtel e os crimes do franquismo, están na orixe da cacería á que está sendo sometido e que o ten levado a unha suspensión cautelar e a traballar de asesor do Tribunal Penal Internacional onde pode seguir promovendo as súas ideas sobre a xustiza universal.

        Por todo elo, porque somos agradecidos, porque temos (e Galicia enteira ten) unha débeda de gratitude con Garzón, estamos aquí.

        Moitas grazas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario