SAÚDO E
BENVIDA NO ACTO DE ESPAZO ECOGALEGUISTA
25.02.12
Síntome
especialmente honrado e agradecido por escollerme para saudar e dar a benvida a
todas as persoas de ben que estades hoxe aquí para botar a andar o ESPAZO ECOGALEGUISTA.
O fago
con cariño, con ilusión, e cos mellores desexos de ánimo e de éxito nesta
difícil andaina que comeza, como toda grande camiñada, cun primeiro paso.
Non é
fácil significarse nestes tempos escuros pero, sen dúbida, resulta non só
necesario senón imprescindible. Estamos fartos de silencios. Por iso, os máis
sinceros parabéns ás persoas que deches o paso, sempre delicado, de aparecer
publicamente como promotores e promotoras desta modesta iniciativa. E a todas
aquelas que quixeches acompañarnos hoxe aquí, en Compostela. Moitas grazas.
A
verdade é que non sei moi ben por que pensaches en min para facer esta primeira
intervención introductoria, de benvida e de saúdo.
Quizais
pola miña traxectoria política, aínda que non é moi distinta á de tantas
persoas da miña xeración. Poden variar os momentos e mesmo as siglas, pero
chegamos á política por imperativo cívico, na loita antifranquista, pola
democracia e as liberdades, sobre todo. E iso, por moito tempo, era e foi a
esquerda transformadora, política e social. Sentímonos certamente orgullosos
daquela herdanza aínda que non tanto dos resultados, sendo moi importantes,
arrastran eivas.
No meu caso, primeiro no movemento
estudantil, en Larga Marcha, por certo, nunha ocasión vin unha pintada que
poñía, en Ramírez, “Vuelve Larga Marcha” e doume un palpito. Logo sorrín
tranquilo. Eu non a pintara...
Logo en Información Obreira, en Vigo, para ter,
posteriormente, un papel moi activo no Partido do Traballo, na UPG (un ano), e
en Esquerda Galega, a miña última militancia política.
Quizais
pensaches en min polo meu pasado sindical, como dicía, no movemento estudantil,
nos Comités de Curso, primeiro, e logo no nacemento do sindicalismo
nacionalista galego, ¡tan difícil, tan custoso!, ¡tan ilusionante!. De maneira
moi destacada, como sabedes moitos, na CXTG e na CIG, tanto no ensino como a
nivel confederal, ata mediados dos anos ’90, en que definitivamente o deixei,
en verdade, moi canso, esgotado, diría.
Ou
quizais algúns valoredes o meu traballo no movemento pacifista, coa fundación e
desenvolvemento do Seminario Galego de Educación para a Paz e o seu papel na
Coordinadora Galega pola Paz e noutros movementos sociais, particularmente, no
Foro Social Galego ou no Foro Mundial de Educación, adscrito, como sabedes, ó
Foro Social Mundial, a expresión máis recoñecible do “Outro mundo posible” que
soñamos.
A
verdade é que non o sei moi ben por que teño eu que abrir este acto. Quizais
por todo a un tempo.
Ou
simplemente porque non había outro, pola idade, porque un xa perdeu o pelo
nisto, ou... ¡que sei eu!, por ser picheleiro de pura cepa, de aquí ó lado, da
Rúa da Troia.
En
calquera caso, permitídeme que volo agradeza e que en nome da Comisión
Promotora do Espazo Ecogaleguista, traslade a todas e todos este mesmo
agradecemento e os mellores desexos de que teñamos unha boa xornada, chea de
lucidez, de rigor, de esperanza, para sentar as bases dun proxecto que permita,
e nos permita a moitos e a moitas, recuperar a ilusión e a paixón pola POLÍTICA
con maiúsculas.
Compartimos
un profundo amor por Galicia, pola súa xente, pola nosa lingua e cultura, por
iso, reivindicámonos galeguistas e do galeguismo, conectamos firmemente con
aquel pensamento e tradición política, fortemente transformador e anovador na
súa época, e defendemos un galeguismo para o século XXI, por iso
autoproclamámonos neogaleguistas.
E temos
o corazón na esquerda, non o acochamos, ese é o noso centro de gravidade, son
sentimos vergoña en proclamalo, desa tradición vimos e nela queremos estar. Iso
si, con vocación maioritaria, non testemuñal, galega e internacional, coas
raíces nesta terra e neste tempo, coas ponlas, as follas e os froitos, abertos
ó mundo enteiro. Na esquerda actuante, transformadora, crítica, asentada nos
movementos sociais, en máxico equilibrio con eles, acción social, e acción
institucional, integrada nos novos e nos novísimos movementos sociais, no
feminismo, no ecoloxismo, no pacifismo, e no 15 M , na demanda dunha
democracia xenuína, onde a xente conte, non só sexa contada, cada catro anos,
actuando, intervindo, sen paternalismos, sen instrumentalizacións,
radicalmente, na profundación democrática.
Desde a
Cultura da Paz e a NonViolencia, na defensa dos dereitos civís e democráticos,
do republicanismo e a laicidade. Porque a Cultura da Paz non é só educar para a
paz, os dereitos humanos e a democracia, o que en si mesmo é un auténtico
programa político, senón tamén a superación da exclusión e a pobreza, o diálogo
intercultural, a prevención da paz e a resolución pacífica dos conflitos, a
construción dunha auténtica convivencia democrática.
Non
queremos ser un partido tradicional, non nos valen as ferramentas clásicas.
Compartimos tamén un profundo desencanto co existente mais pretendemos sumar,
para multiplicar, e non restar. Queremos facer políticas transversais, non
tanxenciais á nosa sociedade, sen fundamentalismos, axudar, facilitar,
favorecer, acordos amplos e consensos, alternativas plurais, abertas,
anovadoras, xuntar para ser efectivos, para recuperar a esperanza e a ilusión
de tantos desafectos. Con todos, contra ninguén. O noso adversario político, o
noso único adversario político é a dereita e os seus modelos autoritarios e
retrógrados, regresivos no económico e nos dereitos sociais, profundamente
antigalegos. Á dereita política é a quen temos que vencer politicamente,
convencendo ó electorado, á maioría da sociedade galega, por iso non chega cun
decálogo magnífico de obxectivos políticos. Temos que ser quen de encher cada
punto do decálogo con medidas políticas concretas que conecten co sentir
maioritario da nosa poboación. Ese é o noso maior desafío.
O
Espazo Ecogaleguista ten vocación unificadora, para iso nacemos, como parte
integrante da Iniciativa Ben Común, con quen compartimos obxectivos de
renovación, con eles, e con outras formacións
e persoas, compartimos actividade
social, e con todos queremos confluír.
A este proxecto vimos adicando
esforzos nos últimos tempos, con esa finalidade estivemos a facer presentacións
nas comarcas, para iso nace Espazo Ecogaleguista, para tender pontes, para
desfacer muros e valados, desde a esquerda, desde o galeguismo, cos movementos
sociais, para toda a sociedade.
Quixerea rematar cunha historia, desas que contamos de cando en vez. Nunha reunión con persoas moi
doctas, catedráticos a maioría, hai tempo, tentabamos explicar a importancia da
colaboración, da interdisciplinariedade, das equipas, do traballo cooperativo.
De repende unha voz poderosa dixo “Nunca
se víu a un aguia real voar en bandada”... anímovos a soñar co poder das aguias
reais se voasen en bandada.
Benvidos,
benvidas, e bo traballo.
No hay comentarios:
Publicar un comentario