O informe negativo da Comisión
Provincial de Patrimonio de A Coruña sobre a Declaración de Ben de Interese Cultural (BIC) para o convento de Santo Antonio de Herbón, en Padrón,
significa, de facto, abalar as
presións exercidas por algúns veciños e polo alcalde. Tamén evidencia un cambio
radical da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia pois,
ata Xaneiro deste ano, mantivo unha posición entusiasta e favorable ó BIC.
A
iniciativa de solicitar a declaración de BIC foi promovida polo Seminario Galego de Educación para a Paz,
a Asociación Galega de Amigos do Camiño
de Santiago, a Sociedade Cooperativa
Viravolta e a Fundación Convento de
Herbón. Tratábase de acceder ó financiamento a cargo do 1% cultural do Mº
de Fomento para rehabilitar uns espazos cedidos polos franciscanos para poñer
en marcha un Centro Internacional pola
Paz onde tería tamén unha sede externa a Cátedra UNESCO de Cultura de Paz e Dereitos Humanos da USC, o
futuro Centro UNESCO de Galicia, e a Fundación Cultura de Paz que preside Federico Mayor Zaragoza, comprometido -desde
hai anos- co proxecto e ó que doaría unha parte moi substancial da súa
biblioteca e documentación persoal. Sería un Centro con Salón de Actos, Sala de
Exposicións Permanente (base dun futuro Museo
da Paz), aulas, Biblioteca e Videoteca, para ofertar a colexios e
institutos, ONGs e un lugar de encontro internacional sobre paz e dereitos
humanos.
A Asociación de Amigos do Camiño pretendía
instalar non só un Albergue de Peregrinos, que xa mantén na actualidade, senón
un Centro de Estudios Xacobeos. Pola
súa parte, a Sociedade Cooperativa
Viravolta establecería unha Casa de
Acollida para nenos en situación de risco e de exclusión social.
O
proxecto de rehabilitación e de execución de obra, magnífico, o fixo un
arquitecto galego de prestixio, Pedro de
Llano e no documento xustificativo participaron catedráticos ben
recoñecidos.
Desde
finais de 2009 estivemos pulando por esta iniciativa, de enorme interese para
Padrón e para Galicia, ata que, en Outubro de 2011, entreguei persoalmente toda
a documentación necesaria en Madrid, no Mº de Fomento, que daquela aínda
presidía Xosé Blanco. Había un
acordo absoluto na adecuación do proxecto ó 1% cultural e comprometemos
700.000€ para a rehabilitación de Herbón e a posta en marcha do Lar da Paz.
Ata
aquel momento, Patrimonio, o seu Director, José
Manuel Rey Pichel, e a súa
Subdirectora, María Diz, cos seus
propios técnicos, apoiaban de maneira entusiasta o proxecto, de feito, en
Outubro de 2011 aproban a incoación do expediente de declaración de BIC (DOG,
31 de Outubro, 2011). Nada menos que a propia Universidade de Santiago de
Compostela e o Consello da Cultura Galega emiten informes favorables.
Que pasou entón para que esta sintonía
empezara a desafinar?
Caciquismo
de manual. Nada novo en Galicia, máxime cando se quere avanzar na protección do
medio natural ou cultural. Por iniciativa dalgún veciño con intereses
particulares preto do convento, con expectativas de negocio, e a colaboración incomprensible
da alcaldía, o 23 de Xaneiro, convócase unha Asemblea “popular”, nunca mellor
dito, á que non se invita ás partes promotoras da iniciativa. Nesa reunión, o propio
Alcalde, nunha actitude de enorme irresponsabilidade alerta á veciñanza dos
perigos da declaración BIC para Herbón, que
si non van poder mover unha pedra sen permiso, que si terán que ocultar os
invernadoiros con tullas, que Patrimonio terá que autorizar previamente
calquera modificación... Alí mesmo anuncia alegacións do Concello contra do
BIC, un mes fora de prazo, e tamén a recollida de sinaturas na parroquia. Neste
ambiente enrarecido, en Herbón, empezan as ameazas contra do convento e o seu
prior, Roberto Freire, contra a Asociación Sementar, chamadas
telefónicas, envelenamento dunha cadela dos franciscanos... caciquismo de manual.
E
recolléronse sinaturas, moitas que non son de Herbón, outras que non saben
exactamente o que piden, e entréganse en Patrimonio. É certo qie non se pide a
paralización do BIC pero, coa boca pequena e coas actuacións, ese é o obxectivo
principal. As presións institucionais (e políticas) do Alcalde non paran.
Visitas á Comisión Provincial, á Dirección Xeral,
especialmente para impedir o perímetro de especial protección (uns 150 metros) arredor da
muralla do convento, unha medida que foi imposta unilateralmente por Patrimonio
e que non estaba (nin está) na solicitude de BIC.
Mentres
vémonos co Alcalde en varias ocasións co ánimo de introducir racionalidade e
buscar a mediación de Patrimonio, mesmo pedimos unha reunión, por escrito, nas
dependencias da Xunta, para chegar a un acordo. E Patrimonio,
sorprendentemente, inhíbese.
Ata o
2 de Maio pasado. Ese día, o propio Director Xeral
en persoa, e o Alcalde de Padrón, presionan á Comisión Provincial e forzan unha
votación contraria ó BIC. Tan só Carlos
Amoedo Souto, vogal da Comisión Territorial de Patrimonio Histórico, en
representación da Universidade de A Coruña, resiste as presións e emite un voto particular que merece ser
coñecido, pois describe, con rigor, todo o que pasou ata hoxe.
Non
deixa de sorprender que persoas de prestixio recoñecido, defensoras inequívocas
do noso patrimonio, aceptasen as argumentacións manifestadas na reunión para
emitir informe desfavorable alegando, ¡que casualidade!, enfrontamentos
veciñais ou posibles interferencias na explotación económica do pemento?.
En
realidade, son cada vez máis as opinións que manifestan, pública e privadamente
que, detrás de todo este asunto, acochan escuros intereses inmobiliarios, para
Herbón e a súa contorna.
A
Dirección Xeral de Patrimonio
decidirá en breve. Confiemos en que sexa a favor do noso patrimonio e da nosa
cultura... si non é así, quero anunciar, desde xa, que recorreremos, que
demandaremos da maioría política no Concello de Padrón (pois o alcalde goberna
en minoría) actuacións coherentes e claras en favor do BIC, pediremos a
mediación do Consello da Cultura e da Universidade de Santiago... pois nin
Padrón, nin Galicia, poden permitirse semellante disparate.
No hay comentarios:
Publicar un comentario