Veño de ver (e de ler) unha magnífica entrevista na Vanguardia coa Premio Nobel da Paz (1991) birmana, Aung San Suu Kyi, liberada do seu arresto domiciliario no pasado mes de Novembro. Ten moito que ver coa personalidade doutro referente vivo da Cultura da Paz, Nelson Mandela. Cando falamos disto sempre destacamos catro grandes bases teóricas: o movemento da nonviolencia, a pedagoxía máis anovadora, as máis importantes declaracións internacionais e a investigación para a paz. Sen embargo, esquecemos as aportacións, tan visibles, de grandes personalidades, premios nobel ou non, seres humanos fantásticos, capaces de esquecer o sufrimento pasado, a dureza terrible das súas vidas, para construír, para tender pontes, para liberar e liberarnos "do medo e da miseria".
Ambos, Mandela e Suu Kyi, teñen vidas paralelas. Ambos persiguen os mesmos obxectivos, desde a palabra, desde o pensamento, desde o exemplo. Madiva xa tivo a oportunidade de poñelo en práctica no seu país. A Nobel birmana segue esperando a súa. Pero apunta na mesma dirección.
Na entrevista amosa unha humildade e unha forza extraordinarias, detrás dun corpo que parece feble, menudo. As súas ideas, compartidas, non deixan lugar a dúbidas: "Non quero que os birmanos dependan de min, quero que dependan deles mesmos"
A Liga Nacional para a Democracia é o seu partido. O seu liderado está baseado nun prestixio recoñecido, case que santificado, pola súa persistencia na defensa da democracia e os dereitos humanos. O ditador birmano Than Shwe (veremos canto tempo resiste) non tolera nin siquera escoitar o nome de Aung San Suu Kyi, por iso, en Myanmar (Birmania) xa a coñecen como a Dama (the Lady), unha personaxe de película que quere rodar Luc Besson.
O budismo a sustenta, ela mesma o recoñece, o aplica ó seu pensamento político: "As nosas palabras deben provocar armonía entre os seres, ser amables e beneficiosas".
Critica a cultura do medo porque nos paraliza e di "canto máis medo tes, menos vale a túa vida".
Existen moitos intereses detrás da cultura do medo, os medios, as pantallas, asustan, fannos interiorizar medo e inseguridade. Amedrentados deixamos de ser libres, renunciamos a ser protagonistas, somos meros espectadores de historias que outros deseñan por nós, facémonos silenciosos, silenciados, cómplices.
Democracia, nonviolencia, inversión en servizos sociais (educación e sanidade), di que non traballa para ser presidenta ou primeira ministra senón para axudar a construír a democracia, a unidade e a paz. Non sinte que sacrificara a súa vida persoal, nin siquera que sufrira máis que miles de presos políticos que seguen nas cadeas birmanas. Non ten nada do que queixarse. Síntese unha muller máis, comprometida coa democracia, como tantas outras. Predica a reconciliación nacional como o medio para acadar o progreso, a estabilidade e a paz.
É un deses premios nobel que nos reconfortan. Confiemos en que teña pronto a súa oportunidade, a Mandela birmana. Sorte, a necesitará, e apoios internacionais...
No hay comentarios:
Publicar un comentario