A reforma de Wert:
Innecesaria, anacrónica e centralista
Manuel Dios Diz
A
primeira reflexión que se me ocorre sobre a nova lei de educación, a promovida
polo ministro Wert, é que, nos termos en que se propón, no fondo
e na forma, resulta completamente innecesaria.
Efectivamente, parece unha cortiña de
fume para tentar distraer a atención do debate social e as numerosas
protestas contra dos drásticos recortes que o PP está propiciando,
aceleradamente, cunha caída dos indicadores de calidade, sobre todo, polo
incremento de ratios na secundaria e a non renovación de miles de profesores e
profesoras co incremento da carga horaria lectiva, amen da supresión de
servizos de atención, reforzos, etc.
No
caso de Galicia son centos (sobre 800 segundo os sindicatos) os docentes que
pasaron xa ó paro, con todo o que conleva tal situación, para eles e as súas
familias. Nunca antes acontecera algo similar e o mérito vai todo para Jesús Vázquez Abad, sen dúbida, o peor
conselleiro de educación da democracia, aquel que pasará á historia da nosa
autonomía non só por ser o que mais, e con máis saña, atentou contra da nosa
lingua e cultura, senón tamén, o que, desobedecendo -con coñecemento de causa-
ó Tribunal Supremo, seguiu
financiando a educación concertada que segrega por sexos, noutras palabras, ó Opus Dei, sen rubor algún, facendo
méritos para que Feijóo o premie
como primeiro candidato por Ourense, como o seu mellor hooligan. Quen o ía a dicir... pero sobre todo, por levar á ruína,
o sufrimento e a desesperación, a moitas persoas e familias, en moitos casos
hipotecadas de por vida, con crueldade.
Innecesaria, ademais, porque somos o
Estado que máis reformas educativas puxo en marcha en menor tempo. Nisto si que
somos campións do mundo. E maioritariamente sen acordo, sen consenso, por
imposición. Así, desde que aprobamos a Constitución de 1978, ata hoxe, sae
aproximadamente a unha media dunha lei
de educación por cada dous anos e medio. Vaia marca!. Lamentable, para a
educación e para toda a comunidade educativa, para o país enteiro, si temos en
conta que necesitamos uns doce anos para avaliar -con rigor- os resultados
dunha reforma educativa.
Pero
é que ademais, esta nova lei (Wert
non ía a ser menos) fíxose sen debate social algún, sen acordo, nin político
nin social nin tampouco educativo. Compre lembrar aquí ó admirado ministro Angel Gabilondo quen tentou, sen éxito,
precisamente pola intransixencia do PP, un acordo educativo que introducira
serenidade e sosego nos centros escolares por moitos anos. Estivo a punto de
acadalo pero os intereses electorais, ó final, frustraron tan meritoria
intención que reclamaba todo o sector a voces.
Claro
que necesitamos mellorar os resultados académicos do alumnado, atallar o
absentismo, diminuír o fracaso escolar e social…, os docentes o sabemos mellor
que ninguén. Como tamén somos conscientes de que as melloras da calidade non son sempre cuestión de recursos,
evidentemente. Sen embargo, calquera sabe que unha reforma educativa non se fai contra o profesorado e contra a
comunidade educativa. O máis torpe dos ministros debera coñecer esta obviedade:
que as escolas e os institutos non
cambian a golpe de Boletín Oficial do Estado ou de Diario Oficial de
Galicia. E noito menos si, previamente, sometemos á profesión docente a unha
denigración xeral inxusta, a recortes económicos moi relevantes en salarios de
por si moi baixos, suprimimos pagas extras, empeoramos notablemente as súas
condicións laborais ou aplicamos un recorte drástico de financiación. Un conxunto de medidas regresivas que van,
precisamente, na dirección contraria á mellora da calidade. Particularmente
o anuncio do que aínda está por vir, é dicir, a diminución significativa da
porcentaxe do PIB que España dedica a educación, contra todas as recomendacións
internacionais. A verdade é que, neste aspecto, nunca chegamos ó 6% do PIB,
suxerido e aplicado por moitos países do noso entorno desde hai anos.
Quedámonos, no mellor momento, moi cerca do 5%. Agora, coas novas medidas,
baixaremos ó 3,9% do PIB, unha caída libre que nos leva a principios dos anos
'80 en recursos destinados á educación.
E
mentres isto acontece, seguimos a financiar (despilfarrar sería mellor dicir)
recursos escasos subvencionando a colexios sectarios e de elite como os do Opus Dei (5 deles en Galicia) que segregan
por sexo, vulnerando deliberadamente as sentencias recorrentes do Tribunal Supremo e blindando, na propia
lei, tal práctica de financiación privada con fondos públicos para os seus
amigos. ¿Onde queda aquilo de respetar as decisións xudiciais, o imperativo
legal?. O PP ten uns principios, como Groucho,
pero os cambia si non interesan... Nada novo si observamos o que fan co rescate
da banca privada ó tempo que abandonan á súa sorte á maioría, todo moi
cristián...
E
seguimos a manter a financiación pública do ensino concertado, incrementando as
subvencións en tempos de crise, e o profesorado de relixión, e a catequese nos
centros escolares... mentres que suprimimos a Educación para a Cidadanía e os Dereitos Humanos por...
¡adoutrinadora!. Vivir para ver...
A
segunda reflexión é que a reforma educativa aprobada no consello de ministros
resulta anacrónica, non só polo que
vimos de comentar, porque nos retrotrae ó pasado, a modelos superados en todo o
mundo, senón que desprende, ó lela, un tufo a incenso e a formación do espírito
nacional que tira para atrás, a un neoliberalismo do máis rancio, con continuas
apelacións á competitividade, ós mercados, á segregación do alumnado a idades
máis temperás, ó desvío dos que cargan con máis dificultades cara outros
itinerarios de fracaso, retomando as vellas aspiracións da dereita en relación
cun modelo equitativo recoñecido internacionalmente. Demasiado equitativo. Moi
igualitario. Xa está ben de que os fillos de un calquera podan ir á universidade.
Onde se viu tal cousa?
Trátase
de eliminar, canto antes, ós que estorban, para dedicarse, tamén, canto antes,
ós excelentes, é dicir, ós fillos e fillas dos sectores económica e
culturalmente máis favorecidos, tanta igualdade de oportunidades para que?, xa
está ben de tanto igualitarismo...
Terceira
reflexión. Claro que se trata dunha lei centralista
por moito que Wert se empeñe en
desmentilo ou en utilizar eufemismos para disimulalo. O artigo dedicado ó currículo
o afirma categoricamente. "Corresponderá
ó goberno o establecemento e definición das competencias básicas de cada ensino
e dos criterios para a súa avaliación e a fixación dos contidos comúns
necesarios para a adquisición das competencias básicas". Non tardaron
un minuto as autoridades educativas vascas e catalás en denuncialo. O noso
conselleiro, polo contrario, está encantado con reducir as nosas competencias,
aquelas que el está obrigado a defender por lei, as que figuran no Estatuto de Autonomía de Galicia. Vaia
papeliño. Tanto os criterios de avaliación e as características xerais das
probas de 2º e 6º de Primaria como as de 2º e 4º da ESO serán fixadas polo
goberno central e aplicadas e cualificadas por especialistas externos a cada
centro educativo. E outra proba máis de avaliación final do Bacharelato, máis
madeira, tamén competencia do goberno central.
Probablemente
Wert soñe con aqueles anos nos que
el era estudante e añore tempos pasados de exames e reválidas, de exclusión dos
máis, de segregación sexual, de represión e incenso, de leite en polvo e queixo
americano... A súa reforma camiña cara as montañas
nevadas, bandeiras ó vento…
Unha
auténtica wertgoña…
Manuel Dios Diz é mestre, licenciado en
Xe ografía e Historia, profesor de
Sociais no IES de Cacheiras (Teo), presidente e fundador do Seminario Galego de
Educación para a Paz.
No hay comentarios:
Publicar un comentario