Quen o
diría!, como pasa o tempo!. Ou mellor
dito, pasamos nós por el, case sen darnos conta. En moitas ocasións
preguntáronme pola idade do profesor Mayor
Zaragoza. Cando contestaba, a incredulidade do interlocutor víaselle nos
ollos, moi difícil de ocultar. A el mesmo tentei sacarlle o secreto que, como
catedrático de bioquímica, sospeitaba que gardaba celosamente. Non fun quen.
Algún antioxidante natural, en doses pequenas, coa comida. Pouco máis. A
verdade, sempre pensei que era a vainilla…
O lía con puntualidade
nos números de El Correo da UNESCO,
nas súas editoriais, sabía da súa biografía, da fundación, con Severo Ochoa, do Instituto de Bioloxía
Molecular, da promoción do Plan Nacional de Prevención da Subnormalidade, e da
súa carreira política, ministro, deputado, eurodeputado… e coñecino
persoalmente no ano 2000. Viña de rematar, por vontade propia, o seu segundo
mandato como Director Xeral da UNESCO. Volvía a Madrid. Deixara unha pegada
extraordinaria na institución que el cualificaba, con frecuencia, como a intelectualidade da ONU. Pero, sobre
todo, deixaba unha responsabilidade que o cambiou a el para sempre. A súa
maneira de entender o mundo, de achegarse ás persoas, ós educadores e ás
educadoras, ós grandes problemas da humanidade, xa non foi o mesmo, logo do seu
paso pola Praza de Fontenoy en París. No 2000, precisamente, fundou a Fundación Cultura de Paz, e asinou un
Convenio de Colaboración co Seminario
Galego de Educación para a Paz. En 2004, decidiu que foramos a súa
delegación en Galicia, xunto con Madrid e Barcelona. E a partir de aí, unha
amizade crecente, gratitude e xenerosidade a mans cheas.
Probablemente
o seu logro máis coñecido ten que ver coa Declaración
Universal da Cultura da Paz, a que conseguiu aprobar, por sorpresa, na
Asemblea Xeral en 1999. Un tema que viña de longo, desde Yamoussoukro, en Costa de Marfil, no corazón de África, dez anos
antes, aquel congreso internacional sobre a
paz na mente dos homes, que desenvolvía a extraordinaria Carta Constituínte
da UNESCO, aquela que cita ó profeta Isaías
cando di: “Das súas espadas farán reixas
de arados e das súas lanzas, fouces. Non alzarán a espada uns contra outros,
nin se prepararán para a guerra…
Conta o
profesor Mayor que cando chegou a Oxford por primeira vez para traballar co
Premio Nobel de Química, Hans Krebs,
atopou que o lema daquel Condado era “Sapere
aude”, atrévete a saber. Cando
regresou descubrira que, tan importante como atreverse a saber era saber atreverse porque, efectivamente,
saber sen atreverse a contalo, calar, a procesión dos caladiños, o silencio dos
que podendo (e debendo) falar calan é, como dicía o Mahatma Gandhi, aínda máis
atroz que as persoas malas.
Para Federico Mayor, a expresión suprema da
cultura é o comportamento cotiá, e os dereitos humanos o noso referente ético
universal, porque a guerra e a violencia, como afirmaba o Manifesto de Sevilla de 1986, logo asumido pola UNESCO, non son fatalidades biolóxicas. Para o
profesor Mayor, a aprendizaxe da
democracia é a pedagoxía da paz.
Calquera estado
democrático, respectuoso coas persoas que como Federico Mayor Zaragoza acadaron o máximo nivel electivo no ámbito
internacional, debera ser un ben a protexer, a ter en consideración, a
escoitar, a coidar, a promover. Nada máis lonxe da realidade. O actual goberno,
como o de Aznar no pasado, o
consideraron como un inimigo, alguén a quen ocultar, un estorbo. Obsesión banal
tendo en conta a súa grandeza humana, profesional e política.
A UNESCO,
polo contrario, faralle unha homenaxe, polo seu 80 aniversario, o vindeiro día
3 de Febreiro en París, nun Simposio
Internacional sobre Cultura de Paz, coa participación da actual Directora
Xeral, Irina Bokova, de Amadou Mahtar M’Bow, o predecesor de
Mayor Zaragoza no cargo, de Lula da Silva, Mary Robinson, Kofi Annan… ou Boutros Boutros Galli, entre
outros dos máis grandes. E ali estaremos, compartindo cariño, afecto e gratitude,
Trasladareille os nosos parabéns e o desexo de que cumpra moitos máis, coa
mesma lucidez e grandeza. Parabéns a voçé, profesor Mayor, e moitas grazas por permitirnos
gozar da súa sabiduría e amizade.
No hay comentarios:
Publicar un comentario