CONVIVENCIA POLICIAL
Manuel Dios Diz
Xa sei que leva
varios anos en funcionamento. Trátase da Comisión de Seguimento do Plan
Director de Convivencia e Seguridade Escolar que preside o Delegado do Goberno
en Galicia, Samuel Juárez. En
realidade ten un nome máis alongado, "Plan
Director para la
Convivencia y Mejora de la Seguridad en Centros
Educativos y sus entornos". Agora din que participaron moitos colexios
e institutos no curso pasado, as cifras concretas que presentan nesta nova que
publican os medios son máis de 18.000 alumnos, 1.120 profesores e 1.117 pais.
Sen embargo, noutra
reportaxe propagandística similar, en Setembro de 2013, hai catro meses, co comezo do curso escolar, indicaban que foran exactamente 678 centros escolares
e algo máis de 80.000 alumnos e alumnas e case que 5.000 pais, nais e titores.
Parece que a Samuel Juárez báilanlle as cifras.
Entre as
actividades máis demandadas, daquela e hoxe, estiveron as charlas de prevención
do acoso en Internet e nas redes sociais (ciberacoso), fomento da convivencia
escolar, bandas xuvenís, prevención da violencia en xeral. Por suposto non
esquezo a vixianza e seguridade nos arredores dos colexios e institutos, a
actividade máis propia da
policía nacional e a garda civil.
Debo recoñecer que cando vin as imaxes da Comisión de Seguimento do Plan na TVG e os uniformes da policía e da garda civil, na reunón e tamén nos colexios e institutos, deume un certo arrepío.
Poño por diante que comparto que os corpos e forzas de seguridade do estado fagan labores de vixianza nos arredores dos centros escolares para garantir a protección dos cativos e cativas, combater a delincuencia ou o tráfico ou venda de substancias prohibidas. Sen dúbida é un dos seus cometidos. Vaia polo tanto o meu recoñecemento e gratitude.
Agora ben. Non sei a que ven poñer en relación estas medidas de protección coa convivencia escolar. Sinceramente, non o entendo. A educación nos colexios e nos institutos é responsabilidade principal do profesorado. Tamén nos asuntos relacionados coa convivencia e a súa mellora. Polo mesmo, a prevención das violencias, do acoso ou do ciberacoso, a conflitividade, son unha competencia interna de cada centro educativo, ten que figurar, e figura, no seu plan de centro, no seu proxecto educativo e, nomeadamente, nos Plans de Convivencia.
Por que entón o interese en vincular churras con merinas?. A convivencia coa seguridade nos arredores dos centros?. O profesorado cos policías e gardas civís?. Haberá quen diga: “xa están aquí os esquerdistas de sempre e os seus prexuízos contra das forzas policiais”. Ou, “son cousas dos buenistas que todo o arranxan con pombas e globos”... Pois non, o fan porque poden facelo, para iso teñen maioría absoluta, e porque é a súa opción ideolóxica, e o publicitan, reiteradamente, cada tres ou catro meses, na súa televisión e nos medios máis afíns, aínda que as cifras sexan abertamente contradictorias. Pero a cuestión non está nos datos que aportan.
A dereita política, de maneira especial a galega, tradicional e conservadora onde as haxa, lei e orde, cando atopa un problema, tende a vincular a súa solución coa policía, co exército ou coa garda civil, restricción de dereitos e liberdades, a excepción, vai no seu ADN, lei de seguridade, lei de seguridade privada, reforma da lei do aborto, recortes e máis recortes, nos nosos petos e nos nosos dereitos.
O Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Jesús Vázquez Abad, probablemente o máis activo demoledor da educación pública en Galicia, da súa lingua e cultura, desde logo o peor da historia da autonomía galega, é un experto en leis, sentenzas, mellor dito, en pasalas polo forro, e en declinar responsabilidades, pasándollas sempre a outros. E en temas de convivencia escolar un auténtico inútil. Perdón pola dureza. Tan pronto como chegou ó goberno da Xunta de Galicia, ignorou e ocultou todo o que nesta materia tiñamos avanzado, fundamentalmente, o Plan Integral de Mellora da Convivencia Escolar, asinado por máis de 40 entidades representativas da comunidade educativa, ou os Plans de Convivencia de Centro e o Observatorio Galego da Convivencia Escolar. No seu lugar, aprobou unha lei de autoridade, sen acordo algún, sen escoitar a ninguén, e meteu pola porta gateira, especialidade de Abad, a famosa enquisa ós pais e nais sobre o galego, recorrida e sentenciada como ilegal. Logo preparou un Protocolo, como nel ben sendo habitual, sen falar con ninguén, sen apoio de ninguén, sen escoitar a ninguén, para detectar e actuar, en 12 días!!! diante dun caso manifesto de acoso escolar e trasladando toda a responsabilidade ós centros.
E no tema que nos ocupa, a convivencia escolar, parece que si, que a Jesús Vázquez Abad, a música militar, si que o sabe levantar, a mala reputación de Paco Ibáñez, adaptación do poema magnífico de Georges Brassens. Por iso non sorprende o Plan Director da Comisión de Seguimento presidida por Samuel Juárez, uniformes, policías, gardas civís, non só para coidar a seguridade fora dos colexios e dos institutos. Tamén dentro. Charlas uniformadas para falarlles ó alumnado de violencia, convivencia, acoso ou ciberacoso. Acaso non existen en Galicia entidades suficientes na sociedade civil para abordar estes asuntos nos colexios e institutos?. Non resulta moito máis axeitado que o tratamento destas realidades as aborde profesorado especializado?. Non temos no mundo académico e universitario persoas expertas nestas materias?.
No hay comentarios:
Publicar un comentario