No 10 Aniversario da guerra de Iraq
Pondremos flores
en el ánima de los fusiles.
Y ramos
en los cañones...
Federico Mayor Zaragoza
Hai dez anos, cos idus de Marzo, o complexo militar
industrial, tal e como o denominara Dwight
Eisenhower diante de Kennedy na
súa toma de posesión como presidente, aquel poder indeterminado que agrupaba a
poderosísimas compañías norteamericanas e multinacionais e que, segundo a súa
ben fundada opinión de militar laureado, era “o único por riba do presidente dos EE.UU”, conseguiu impoñer, unha
vez máis, o seu criterio máis belicista cunha guerra impulsada por estes mercaderes
da morte.
Moitas persoas lembran,
non esquecen, a minuciosa preparación propagandística, a sistemática mentira, a
reiterada e amplificada mentira, con aquela posta en escena, máis propia da Cortiña de Fume, de Barry Levinson, operación
liberdade iraquí, Collin Powell
na ONU, coas súas imaxes trucadas, a foto das Azores con Bush, Blair, Aznar e o anfitrión Barroso, a impotencia dos inspectores Blix e El Albaradei,
incapaces de frear aquel delirio reiterando a inexistencia de armas de
destrución masiva en poder de Saddam
Hussein.
E aquelas terribles
imaxes nocturnas en cor verde sobre fondo negro, dos bombardeos, cos Tomahawks
saíndo dos barcos norteamericanos con destino a Bagdad, as armas “intelixentes”
deseñadas para facer o maior dano posible, especialmente, na poboación civil,
mulleres, nenos, anciáns, co ánimo de “levar
a Iraq á idade de pedra”.
Foi tal a indignación, a
rabia, que millóns de persoas de ben, en todo o planeta, decidiron saír á rúa
nunha mobilización global como nunca acontecera. No estado español e en Galicia,
particularmente, as manifestacións da Coordinadora Galega pola Paz foron só comparables ás do Prestige
e Nunca
Máis. Tódalas forzas políticas galegas, coa única excepción do PP,
sindicatos, ONGs, a sociedade civil en pé
de paz conseguiron crear as condicións para un cambio necesario no goberno
da Xunta.
Pasaron moitos anos, nada
menos que 10, e tantas cousas... Iraq está hoxe máis lonxe da paz e da
democracia, os custes daquel delirio belicista norteamericano, iniciado logo do
11 de Setembro de 2001, en Afganistán,
leváronnos tamén a onde estamos hoxe, porque no tema armamentístico, si que
vivimos por riba das nosas posibilidades,
máis de 4.000 millóns de dólares, cada día, hoxe tamén, sen rubor, como si
nada, e persisten as violacións dos dereitos humanos, as torturas, Guantánamo,
e a violencia sectaria en toda a rexión, mentres o negocio das amapolas en
Afganistán florece como se nada, e os propietarios dos pozos petrolíferos, de
toda a rexión, incluída Libia, xa sabemos en mans de quen están, non máis sangue por petróleo.
Iraq foi, e segue sendo,
o conflito máis caro desde a II Guerra Mundial, en palabras de Joseph E. Striglitz, máis de 3 billóns
de dólares, case que 2 millóns de persoas desprazadas, 200.000 civís
asasinados, 2 millóns de viúvas, e a violencia sectaria, unha guerra civil encuberta,
segue cobrándose vidas, cada día. Un destrozo humano, económico e
medioambiental sen precedentes. E un negocio, un extraordinario negocio para os
mercaderes da morte.
O dixemos moitas veces, a
guerra é o fracaso da política. O gasto militar mundial resulta un permanente
insulto á intelixencia humana, uns días de aforro armamentístico darían para
atender as necesidades universais máis imperiosas en saúde e nutrición. O dicía
moi ben José Saramago “Tecnoloxía para a morte 100, pensamento 0” . A guerra non é nunca a solución. A guerra é o
problema. Abolila é un imperativo moral. Xulgar ós culpables de crimes contra
da Humanidade, un dereito que non prescribe.
A guerra é o territorio
onde medran os odios, as exclusións, a afirmación propia e do propio a través
da negación dos outros. E os gastos militares son, probablemente, o máis
poderoso freo ó desenvolvemento humano. O comercio de armas, como o de mulleres
ou de drogas, segue a xerar beneficios astronómicos ocultos nos paraísos
fiscais, eses que ían ser pechados coa refundación do capitalismo...
Esta montaxe e
encarnizamento militar armamentístico séguese vendendo como a panacea da
seguridade dos pobos. Sen embargo, son cada vez máis persoas as que perciben,
en todo o mundo, que o sistema armamentístico non asegura nada, agás o
beneficio privado dunha minoría, esa mesma minoría á que serven tan ben os mandados, os gobernos dos mandados
que diría Martiño Noriega, eses que
son quen de xustificar calquera cousa, aínda a mesma barbarie, si a impoñen os
mercados e os mercaderes, tamén os da morte.
Cando reiteramos que co
que costa un submarino nuclear, por exemplo, se podería pagar un programa
completo de vacinación para todos os nenos e nenas do mundo, acúsannos de
demagogos. Polo contrario, gastar 3 billóns de dólares na guerra de Iraq foi
unha proba de sensatez, unha inversión de futuro, unha liberación. Malditas
guerras!!!.
No hay comentarios:
Publicar un comentario