Benvidas, benvidos, amigas e amigos

A paz é o camiño, e facemos camiño ó andar. A paz é un descubrimento, non unha conquista, dicía, Raimon Panikkar. A guerra e a violencia non son fatalidades biolóxicas. Aprendemos a ser violentos. Por iso temos que "desaprender" para ser pacíficos, que non submisos, nin súbditos, nin mansos. Federico Mayor Zaragoza di que a aprendizaxe da democracia é a pedagoxía da paz. E María Zambrano afirmaba que a paz é moito máis que unha toma de postura, é unha auténtica revolución, un modo de vivir, un modo de habitar o planeta, un modo de ser persoa.
A paz como cultura...

8 jul. 2014

Grazas, conselleiro Abad, que Dios se lo pague...

     



    Unha representante dun dos colexios privados segregadores por razón de sexo apresurouse a manifestar publicamente que a sentenza do Tribunal Supremo, a que anula os concertos con diñeiro público a cinco colexios, catro deles do Opus Dei, en Galicia, incluído o dela, aqueles que practican a chamada "educación diferenciada", non terá efecto algún. Os cartos xa están cobrados e o ano que ven a LOMCE blinda este modelo educativo. Polo mesmo, no Pazo de San Caetano, tranquilidade absoluta. Os seus intereses están ben garantidos, aquí por Vázquez Abad, alá polo ministro da wertgoña.

     Peñarredonda, Montespiño, Aloya, Las Acacias e Montecastelo transmiten ecos de montañas nevadas, inaccesibles para a maioría, fortalezas confesionais para alumnos e alumnas modélicos, espellos de Deus na terra, uniformados, con aires aristocráticos, protexidos da plebe e inmunes ó contaxio das clases subalternas...



     E non pasa nada. Para este fenómeno de Conselleiro resbálalle a sentenza do Tribunal Supremo. Claro que a acata, como non, faltaría máis, sobre todo si non implica cambio algún. Desde logo que non afecta, para nada, á súa política e vocación privatizadora e confesional, sectaria, de concertar, con diñeiro público, de todas e de todos (en plena marea demoledora de profesorado e recursos da escola pública) a centros que separan nenos e nenas, polo seu propio ben... 

  E así veñen trampeando coa xustiza desde 2009, porque xa houbo sentenzas anteriores na mesma liña e unha, escandalosa, do TSXG, que avalaba os concertos e a financiación pública dun modelo educativo de elite. Por iso a CIG Ensino, con bo criterio, apelou e gañou. Esta práctica resulta, para o Supremo, ilegal, máis Jesús Vázquez Abad, segue. Como si chovera...




 Quedáronse cos cartos que Jesús Vázquez graciosamente transferiu ás súas arcas privadas e benditas, ilegalmente, pero nin dimite el, por coherencia e dignidade, nin Feijóo o cesa. Todo o contrario, o felicita por tan eficiente traballo, para iso está, para favorecer os intereses da patronal privada fundamentalista, a que cobra por todo, por diante e por detrás, a que exclúe por razón de clase, de etnia, e tamén por sexo, a que vulnera a Declaración Universal dos Dereitos Humanos e a propia Constitución española, cada día, nos seus centros de elite, para pijos con aires de grandeza que se benefician do diñeiro das clases baixas e medias, da xente do común, deses sectores sociais que nunca poderán entrar nos seus centros privados fortaleza, eses que están pechados a cal e canto para as clases populares, para os inmigrantes, para os xitanos, mais que gozan da confianza e protección de Vázquez Abad e de Wert. Para eles blindaron a LOMCE, e coa LOMCE seguirán a cobrar, relixiosamente, o seu concerto, diga o que diga o Supremo, e non pasa nada, nada de nada, ate que os corramos a votos. Non devolverán os cartos cobrados ilegalmente. Tampouco os poñerá o Conselleiro Abad do seu peto, e o ano que ven, como si nada pasara, seguirán a cobrar o concerto, por obra e graza de Jesús Vázquez e de Wert, agora si, con toda a legalidade, pero sen lexitimidade algunha. E así seguirán, mentres os deixemos...



No hay comentarios:

Publicar un comentario