Benvidas, benvidos, amigas e amigos
A paz é o camiño, e facemos camiño ó andar. A paz é un descubrimento, non unha conquista, dicía, Raimon Panikkar. A guerra e a violencia non son fatalidades biolóxicas. Aprendemos a ser violentos. Por iso temos que "desaprender" para ser pacíficos, que non submisos, nin súbditos, nin mansos. Federico Mayor Zaragoza di que a aprendizaxe da democracia é a pedagoxía da paz. E María Zambrano afirmaba que a paz é moito máis que unha toma de postura, é unha auténtica revolución, un modo de vivir, un modo de habitar o planeta, un modo de ser persoa.
A paz como cultura...
13 mar 2019
10 sept 2018
UN CURSO NOVO…
Lembro -con
certa nostalxia- o comezo de cada novo curso escolar. Inquietude, preocupación,
ilusión, esperanza, nerviosismo, caras novas… sensacións mixturadas coa renovación anual e o rexuvenecemento que produce acoller quendas de rapaces e rapazas novos, profesorado, novidades…
que aproveitamos para comentar, claro, xunto co verán que se vai.
Hoxe, xa
xubilado, quen o diría, vexo e sinto este momento dunha maneira ben distinta, con
responsabilidades e olladas diferentes, cunha perspectiva nova cando estou a piques de afrontar
o último curso dun mandato iniciado en maio de 2015 cando Compostela Aberta se
convertíu na forza política máis votada en Santiago.
As miñas
preocupacións desde a Concellaría de Educación e Cidadanía son outras. Certo
que comparto os desexos de mellora da calidade educativa con tódolos sectores e
suxeitos do complexo proceso que coñecemos como ensino-aprendizaxe. Sen
embargo, as competencias reais dun Concello -en materia educativa- son e están
moi limitadas. Ás veces, con bóa intención, tendemos a confundir as
responsabilidades e demandamos melloras infraestructurais que son lóxicas nunha
rede de centros que ten xa moitos anos e, polo mesmo, responden a modelos que están,
certamente, obsoletos. Por iso recoñecemos que os espazos non son os que
realmente necesitamos no século XXI, salóns de actos e de usos múltiples,
parques infantís, comedores, aulas, laboratorios, medios técnicos e
tecnolóxicos, ratios axeitadas, profesorado especialista e unha organización escolar máis acorde coas demandas actuais… a pesares dos
esforzos que se fan e que recoñecemos. Pero non son suficientes. Sabeo ben a comunidade educativa. Mais a competencia para
ter centros destas características corresponde integramente á Xunta de Galicia,
dona e señora das competencias plenas en materia de educación.
Os concellos,
nas súas limitacións, orzamentarias e competenciais, abordamos o mantemento das instalacións, non os
investimentos nas infraestructuras citadas, polo mesmo, non podemos intervir en
asuntos alleos aínda que, ás veces, vémonos na obriga de facelo, directamente
ou en colaboración coa Consellería, porque sentimos e queremos mellorar a
calidade, na medida das nosas posibilidades.
Con todo, os
recursos que dedicamos ó mantemento dos centros escolares, nos últimos anos en Santiago,
son moi relevantes, insuficientes, desde logo, pero debemos valorar o esforzo
que significa, de diñeiro público destinado a reparar parques infantís, aulas,
fachadas, baños, carpinteiría de aluminio, pavillóns deportivos escolares e demais instalacións,
algo máis de 400.000€, só nos coles, que de maneira sostida no tempo vimos dedicando,
alomenos, desde 2015, xunto con axudas que tramitamos desde os Servizos
Sociais, para comedor e material, que multiplicamos exponencialmente como nunca
se fixera neste concello.
Ademais atendemos
puntualmente tódalas urxencias e as emerxencias que acontecen diariamente nunha
rede de centros moi numerosa, complexa e variada, non sabedes cantas, 3 escolas infantís
municipais, outras 4 consorciadas que tamén mantemos, 3 escolas unitarias, 13
colexios de Primaria, unha Escola Municipal de Música, o Centro de
Interpretación do Medio Rural de A Portela en Figueiras, ou o Espazo Educativo
e de Lecer “María Miramontes” coa Ludoteca de As Fontiñas. O que significa o seguimento de numerosos contratos de mantemento que van desde gas e electricidade, auga e as súas
condicións, ate as alarmas e os extintores, pasando polos elevadores, a limpeza
e a conserxeiría, as reparacións eléctricas, entre outras. Temas
imprescindibles para que o servizo público educativo sexa da máxima calidade.
Asegurar que
todos estes elementos, empresas, espazos, funcionen, ó día, cada día do curso
escolar, non é unha tarefa doada, desde un Departamento como o de Educación e
Cidadanía que, para as persoas que coñecen a súa realidade interna, arrastra
dificultades de persoal e de medios, especialmente pola conxugación de
circunstancias inesperadas, excepcionais, que afectaron e conmocionaron profundamente o seu
funcionamento ordinario, en particular desde hai máis dun ano.
Con todo,
apoiaremos proxectos e programas novos, algúns ampliados, como o “Vivir e
Coñecer Santiago”, o Roteiro Funerario polos cemiterios de Compostela, os
Concertos Didácticos, a Campaña de Animación á Lectura e os Premios de Albums
Ilustrados, ou os Educa Compostela, as celebracións do Día dos Dereitos Humanos
ou o Escolar pola Paz, ou o Europeo da Música, o Festival Intercentros de
Teatro ou o Festival de Danza. A finais deste mes colaboraremos cunha inédita Mariña
Seca na Praza do Obradoiro, de Embarcacións Tradicionais Galegas, cun folleto divulgativo
e un programa de visitas escolares…
E poremos en
marcha, neste curso, un Plan de Igualdade nas Escolas Infantís e un Programa de Educación Afectivo
Sexual naqueles centros que o desexen. E procuraremos convocar os órganos de
participación, o Consello Escolar da Infancia, o de Convivencia Escolar e o
Consello Escolar Municipal.
Tamén editaremos novas Unidades Didácticas que se sumarán ó amplo catálogo de
publicacións do Departamento, unha titulada "In Memoriam", para traballar no Roteiro Funerario, outra sobre o Pórtico
da Gloria e unha terceira sobre María Miramontes.
Non quixera deixar de parabenizar a tódolos axentes educativos, e o fago con ilusión
renovada neste novo curso, cos mellores desexos para as equipas directivas, tan
importantes no funcionamento eficaz dos centros, ó profesorado, ás familias, ó
alumnado, ó persoal non docente, para que, conxunta e colaborativamente,
eduquemos, eduquemos, eduquemos, máis e mellor, cada día, tódolos días, coa
ilusión, alegría e esperanza do primeiro.
20 ene 2018
30 de Xaneiro, Día Escolar da Nonviolencia e da Paz
No 70 Aniversario da morte de Gandhi
(1948-2018)
Construíndo cultura de paz
Manuel Dios Diz
Xa estamos a uns poucos días do 30 de Xaneiro de 2018, unha data marcada no calendario escolar, nos respectivos Plans de Centro, e que moitos colexios e institutos celebran como unha expresión máis do traballo que realizan, durante todo o ano, na prevención das violencias, a resolución pacífica dos conflictos, a mediación, ou a mellora da convivencia, porque é precisamente, na cotidianeidade, onde construímos a Cultura da Paz, pasiño a pasiño, moitas veces de maneira calada, diariamente, antes que en ningún outro lugar, na familia, o espazo privilexado e primeiro onde educamos, e transmitimos, coa nosa conducta e comportamento, os valores e as virtudes cívicas e democráticas envoltas co cariño, o coidado, os afectos e as emocións.
A escola reforza aquelas aprendizaxes no mellor dos casos. Noutras, por desgraza, está obrigada a corrixir hábitos e conductas erradas, violentas, discriminatorias, abusivas, que o alumnado porta na súa respectiva mochila, no seu disco duro. Por iso, nistes casos, resulta tan importante desaprender…
Esta labor, sabémolo ben, non se fai con discursos, con sermóns, por suposto tampouco coa famosa “labazada a tempo”. Por sorte, nos últimos anos, temos aprendido moito, a neurociencia ten aportado novidades relevantes, sabemos moito máis da educación afectivo emocional, do exemplo, porque os nenos e as nenas, o alumnado aprende dos comportamentos que observa, que mama, que vive, cada día, tódolos días, a cada instante.
Desde a sociedade civil, os movementos de renovación pedagóxica, moito máis que as administracións públicas, debemos recoñecelo, veñen aportando reflexións, recursos didácticos, metodoloxías novas, para educar para a paz e os dereitos humanos e que hoxe están moi accesibles coas novas tecnoloxías da información e a comunicación, nas redes sociais, tamén en papel, como son os contos, o teatro tradicional, o teatro de sombras, o cinema, a prensa, a publicidade…, recursos didácticos abundantes e de calidade cos que traballar nas aulas e nas respectivas materias ou nas titorías.
Neste ano, no 2018, cúmprese o 70 Aniversario da morte violenta do Mahatma Gandhi (1948-2018), o mesmo ano no que as Nacións Unidas aprobaron a Declaración Universal dos Dereitos Humanos, cun mundo aínda conmocionado polo horror da guerra e do holocausto. Precisamente, tamén é unha proposta das Nacións Unidas, todo este ano estará dedicado a analizar as causas e as consecuencias do Holocausto. Existen numerosos materiais para apoiar esta aprendizaxe. No Departamento de Educación e Cidadanía do Concello de Santiago de Compostela editamos e distribuimos no curso pasado a Unidade Didáctica da Opera Infantil “Brundibár”, de Hans Krasa, que representamos no Teatro Principal, unha guía moi útil elaborada polas profesoras Mercedes Blanco e Adela T. Maroño, que recomendamos para esta tarefa.
E como celebración deste día, para animar a construír cidadanía democrática, pacífica e tolerante, en todo momento, na familia e na escola, faremos un acto conmemorativo coas tres escolas infantís municipais, un Pleno con alumnado do CEIP de Vite e un Concerto na Escola Municipal de Música, tamén para recoñecer a aquel profesorado que coa súa dedicación constante, fai, educa e aprende, cultura, cultura de paz.
Manuel Dios Diz é Concelleiro de Educación e Cidadanía en Santiago de Compostela.
25 ago 2016
Algo máis sobre os comedores escolares
Estou a piques de comezar o meu segundo curso académico á
fronte da Concellaría de Educación e Cidadanía no goberno municipal de
Compostela Aberta e, de novo, o servizo de madrugadores e de comedores
escolares convértese no asunto principal do departamento pola súa trascendencia
pública e política.
Que está pasando realmente? Poderán os pais e as nais
levar tranquilamente aos seus cativos e cativas ao comedor do seu cole o día 12
de setembro? Asegura o concello o servizo coas debidas garantías? Mellorará a
calidade? Canto custará o comedor? Estas e outras preguntas similares son as
que se están a facer hoxe moitas familias en Compostela, aproximadamente as 800
que teñen nenos e nenas xantando diariamente nos nove colexios con comedor de
xestión municipal.
Empezo por reiterar que os comedores escolares non son
una competencia municipal. Durante moitos anos foi a propia Consellería de
Educación a que os xestionou todos e logo, por pouco tempo, algunhas ANPAS
asumiron esa competencia. Certo que aínda quedan na nosa cidade comedores xestionados
directamente, e con moito éxito, polos pais e as nais. É o caso do López
Ferreiro, con cociña propia; o Pío XII, con cátering de SERUNION desde hai
anos; ou o de Lamas de Abade, cun convenio coa Escola de Hostalería. No resto,
nove colexios, o comedor é xestionado desde o Concello, en virtude dun Convenio
polo que a Consellería cede a súa competencia e aporta uns fondos, que por
certo non son suficientes.
En diversas ocasións, coincido nisto coas ANPAS e cos
sindicatos, manifestei que debería ser a Consellería de Educación e Ordenación
Universitaria quen asumira de novo, plena e integramente, una competencia que
lle é propia. Sigo a pensar o mesmo.
Pero mentres non sexa así, o goberno municipal e eu mesmo
estamos obrigados a cumprir o principio de legalidade e a garantir a libre
concorrencia nas adxudicacións. Temos que respectar os procedementos regrados,
os seus tempos e garantías, á hora de licitar entre as empresas que libremente
participan nun concurso público e aberto para xestionar o servizo de
madrugadores e de comedores escolares. Iso fixemos o curso pasado e vimos de
facelo de novo para o que está a piques de empezar. Xa sei que hai concellos
como o de Valencia nos que as
adxudicacións as decidía “a xefa”. Aquí non. Os pregos, resultado de varias
conversas previas coa comunidade educativa, foron elaborados polos técnicos do
Concello e son públicos. Calquera pode consultalos na web municipal, comparalos
cos pregos anteriores ou cos que aprobou a Xunta para os comedores escolares
que xestiona, e tirar conclusións. O procedemento de adxudicación contrólao
unha Mesa de Contratación na que están representados todos os grupos políticos,
os técnicos, e os servizos xurídicos e económicos municipais. É a Mesa quen
propón adxudicar o servizo á empresa gañadora, a aquela que ten máis puntos.
Neste caso, a máxima puntuación posible era de 142 puntos, e deles un máximo de
50 estaban vinculados á oferta económica. O resto tiñan en conta aspectos
administrativos, educativos e de calidade.
Ao último concurso público e aberto concorreron tres
empresas. En Ferrol foron dúas. A que obtivo maior puntuación, aquí, en Ferrol,
e na maioría dos colexios da Xunta, foi Serunión quen, no noso caso, viña
prestando xa o servizo. Como non pode ser doutra maneira, a Mesa de
Contratación propuxo adxudicar o servizo a esta empresa, e logo a Xunta de
Goberno local así o aprobou. Previamente, o responsable xurídico do Concello asegurou
na propia mesa que non había impedimento legal algún para adxudicarlle o servizo a
Serunión, nin motivos para apartar á empresa do procedemento. O Goberno non
pode negarlle a adxudicación a unha empresa que é a máis valorada segundo
criterios técnicos. Iso tería un nome...
Para o goberno de CA e para este concelleiro, o comedor
escolar é un servizo educativo complementario de carácter esencial, compensador
de desigualdades, favorecedor da conciliación da vida familiar e laboral, e un
espazo de aprendizaxe de valores e hábitos alimenticios saúdables. Por iso facemos
un enorme esforzo económico para melloralo con diñeiro público, de todos e de
todas. Duplicamos as bolsas de comedor. No curso pasado investimos, que non
gastamos, 169.000 euros neste tipo de axudas, para as familias que máis o
necesitan. Beneficiáronse aproximadamente 300. Para o curso que vai comezar esa
cantidade aínda se incrementou máis e nos orzamentos municipais reservamos unha
partida de 360.000 euros que será para bolsas de comedor, adquisición de
material escolar e realización de actividades extraescolares.
A axuda que aporta a Consellería en virtude do convenio
de delegación de competencias é de 53.400€, insuficiente para minorar os prezos
finais que terán que pagar as familias polo servizo de comedor. Por iso, o
Concello fai unha achega con fondos propios de 59.000€ máis, que deixa o prezo
final do menú en 4,50 euros. Está xusto na media dos comedores escolares do
conxunto do Estado.
A
suba con respecto ao curso pasado é de 1,57€, un incremento que se explica
polas moitas melloras que vai ter o servizo e que foron incorporadas ao prego
de condicións do concurso tal e como se falou e se acordou coa comunidade
educativa.
Unha desas
melloras ten que ver co horario dos monitores, factor esencial de calidade.
Agora cobrarán a media hora que traballaban antes de iniciarse o servizo de
comedor para ter todo ben preparado antes da chegada dos nenos, e terán máis
tempo para atendelos porque tamén se engade máis tempo para limpar e recoller
as instalacións unha vez finalizado o xantar.
Unha experta nutricionista da Universidade de Vigo será
garante das condicións alimentarias e estará a disposición dos centros, das
familias e do propio departamento de Educación, para asegurar a calidade, o
número e a variedade dos menús, as frecuencias, o equilibrio entre verduras,
froitas, legumes, carne e peixe, a estrutura dos menús ou as mesmas receitas.
Unha novidade que moi poucos comedores no Estado teñen, e que tamén custa cartos.
Melloramos significativamente os mecanismos de control e
seguimento do servizo. Ademais dos controis hixiénico-sanitarios preceptivos,
das reunións semanais do departamento cos
coordinadores de cada comedor e coa empresa, crearemos una mesa
tripartita trimestral formada por representantes da federación de ANPAS, a
empresa e o departamento de Educación do concello. Faremos tamén, por primeira
vez, una auditoría externa.
Limitamos e reducimos a distancia máxima das cociñas de
elaboración dos menús dos centros escolares a un máximo de 180 quilómetros, de
acordo cos servizos de contratación. Nos comedores que xestiona a Xunta, o
límite situouse en 200 quilómetros.
Eliminamos os policarbonatos plásticos da vaixela, que
substituímos por vidro temperado, unha medida que era demandada polos pais e
nais e que agora é de obrigado cumprimento.
Aseguramos e incrementamos a formación do persoal de
comedores cun curso de 100 horas sobre un programa esencialmente educativo
establecido como obrigatorio no propio prego.
Melloramos con aplicacións informáticas, tablets e smartphones,
a información e a relación das familias cos coordinadores, a empresa e o
departamento de Educación.
E por último, os electrodomésticos que antes eran una
mellora voluntaria, agora fanse obrigatorios, están no propio prego, e a
empresa ten que asegurar a súa reposición e renovación.
Todas e cada una das medidas citadas, melloran
significativamente a calidade do servizo e teñen, obviamente, una repercusión
económica significativa no prezo final.
Sobre o modelo futuro de comedores escolares
comprometémonos a abrir un debate participado neste curso, non antes, cos pais
e as nais, coa comunidade educativa, co persoal, con expertos, sindicatos,
MRPs, coñecendo outras experiencias, sen prexulgar alternativas, para que logo
o Goberno local poida tomar a decisión axeitada. E cumpriremos coa palabra
dada.
A quen lle interesa facer de todo isto un asunto de
confrontación política? A quen beneficia que os comedores escolares dos
colexios públicos municipais, e non outros, estean permanentemente nos medios? Alguén
sabe algo dos comedores escolares doutras cidades e vilas de Galicia? Dos que
funcionan nos colexios concertados? Aquí mesmo, dos que non son de xestión
municipal? Quizais a resposta a estas preguntas explique mellor o que está
acontecendo en Santiago.
En calquera caso, o noso deber fundamental é defender a
escola pública, a educación pública, os servizos públicos. O noso obxectivo é
mellorar a calidade dos comedores escolares, cos recursos que temos, e procurar
o mellor modelo de futuro, participadamente. A iso seguiremos adicando todos os
nosos esforzos. O ruído que o poñan outros...
7 jul 2016
Caso "Comedores"
Cando lin este tratamento
sentín un profundo malestar. Parecera que este asunto, o servizo de
madrugadores e de comedores escolares en nove dos trece colexios públicos de
Santiago de Compostela, pasara a converterse nun tema de gravidade similar ós
casos de corrupción política que se moven a diario polos xulgados de tantas
cidades. Nacía así un chamado “Caso
comedores” complementado con cualificativos como culebrón, problema, desastre, peor imposible, modelo de incompetencia,
incapacidade… adxectivos cargados de intencionalidade política.
Podería aplicarse aquí
aquel vello dito do mundo do xornalismo, “non
deixes que a realidade arruíne un bo titular”. Porque este “caso” do que se
fixeron eco ate no mesmo Parlamento Galego os voceiros do PP, que o sacaron en
canta tertulia participaban e como unha proba inequívoca da incapacidade
manifesta das Mareas, era pura ficción, como Breaking Bad.
Mentres todo isto
acontecía a realidade dos nove comedores escolares municipais que xestionamos
directamente desde o Concello era moi outra. O alumnado comía (e comeu) todos e
cada un dos días do curso escolar, con absoluta normalidade, case que 150.000
xantares. Algunhas persoas aínda o dubidan...
Certo que tardamos en
resolver o procedimento de licitación en concurso público case que seis meses.
En calquera caso, non máis que outras veces, porque están involucrados tres
negociados distintos: educación, contratación e intervención, que teñen os seus
tempos, as súas limitacións e as súas garantías, antes de chegar á Xunta de Goberno
local previo paso pola Mesa de Contratación onde están representados, ademais,
tódolos grupos políticos e os servizos xurídicos municipais. Foron efectivamente
seis meses, é verdade, pero tivemos que resolver non un senón tres
procedementos administrativos distintos e complexos, o primeiro de carácter público
e aberto, o segundo negociado e o terceiro de urxencia, nos que, en todos eles,
participaron varias empresas do sector, algunhas das cales renunciaron, mesmo
logo de resultar adxudicatarias, algo realmente insólito.
Estamos agora co procedemento de licitación do novo
contrato para o curso que ven, o 2016-2017. Confío en telo asinado en Agosto.
Están publicados os novos pregos no perfil do contratante, na web do Concello.
Alí figuran todos os requisitos, á vista de quen quera consultalos, pódense
comparar cos da Xunta. Melloramos a oferta económica e limitamos a súa
influencia global a algo máis dun terzo da puntuación, 50 puntos dun total
posible de 142. Incluímos as recomendacións dunha experta catedrática da
Universidade de Vigo en relación cos menús, valores nutricionais, rotación e
características. Haberá tamén un maior seguimento, máis exhaustivo aínda do
servizo, e unha auditoría trimestral, cunha mesa de control con representación
dos usuarios, da empresa adxudicataria e do concello. Limitamos a distancia
máxima das cociñas, a 180 Km , e incorporamos novas
medidas de promoción da saúde, hábitos alimentarios e tamén de coñecemento e
difusión do servizo entre toda a comunidade educativa. Moitas das melloras foron
suxeridas polas nais e os pais, as direccións dos centros, ou polos delegados
sindicais do persoal, logo das mesas de diálogo que mantivemos durante meses.
Pagamos, xa desde febreiro pasado, a media hora traballada e non percibida ate
aquel momento polo persoal. E entre as melloras demandadas figura a da
progresiva substitución da vaixela de plástico por vidro ou aceiro inoxidable,
entre outros aspectos.
Compre saber que en Santiago de Compostela temos hoxe
varios modelos diferentes de comedor escolar funcionando, polo mesmo temos onde
comparar, e dedicaremos o vindeiro curso a reflexionar participadamente sobre
os comedores que queremos para o futuro. Hainos que dependen da Xunta de
Galicia, por exemplo, o da Sionlla. Témolos con cociña propia e xestión directa
da ANPA, o López Ferreiro. De Cátering, xestionado tamén pola ANPA, no Pío XII,
ou o de Lamas de Abade que coordina a ANPA en colaboración coa Escola de
Hostalería. Ningún destes modelos estivo no foco mediático durante o curso
pasado, nin sequera o que xestionaba a mesma empresa Serunión. Nin os prezos,
nin as ratios, nin os menús, nin as temperaturas, nin a variedade, nada. Non
falemos dos comedores dos centros concertados. Silencio absoluto. Os únicos
problemas, segundo algúns medios, mira ti, estiveron nos nove comedores de
xestión municipal. Curioso.
Para rematar, no servizo de madrugadores e de
comedores escolares municipais de Santiago de Compostela, comen aproximadamente
800 rapaces e rapazas, dun total superior ós 10.000 alumnos. Polo tanto, son algo
menos do 10% do alumnado. Como vemos, a gran maioría vai comer ás súas casas,
coas súas familias. Son as nais e os pais os que financian o servizo de
madrugadores e de comedores escolares coas súas cotas, 2,93€ por xantar e día,
ate o de agora, cunha pequena axuda en concepto de subvención da Xunta de
Galicia, cada ano máis minguante. Compre salientar que desde que chegamos ó
goberno do Concello hai un ano, duplicamos as becas de comedor escolar. Os
novos prezos serán algo superiores, obviamente, ós existentes, pero en ningún
caso estarán por riba da media do conxunto do Estado. A calidade, xa se sabe,
temos que pagala.
Quixera rematar indicando que os comedores
escolares, con toda a súa importancia e sensibilidade, non deixan de ser un
asunto menor, cuantitativa e cualitativamente, nas competencias, funcións e
tarefas da Concellaría de Educación e Cidadanía do Concello de Santiago de
Compostela.
E claro que si, o servizo estará dispoñible, como
estivo este curso, para tódolos solicitantes no primeiro día de comedor
escolar, en Setembro, sen dúbida algunha.
4 may 2016
INTRUSOS
Cando un busca nun diccionario
a palabra “Intruso”, atópase con definicións como: persoa que entra nun lugar sen dereito, que forma parte dun ambiente
que non lle é propio, ou que ocupa un posto sen ter dereito a él.
Si un “académico de la lengua”
da Real Academia Española, como Félix de
Azúa Comella, doutor en Filosofía e Catedrático de Estética, ocupante da
cadeira H da citada institución desde 2015, e a quen se lle presupón mesura, atrévese
a arremeter contra dunha alcaldesa lexítima como Ada Colau, e non apela neste caso ó dereito ou á falla del para ser
titular daquela institución local senón que salienta a súa escasa formación
académica, algo moi grave está acontecendo, e non só na política.
Sostén Azúa que Ada Colau non
reune as titulacións suficientes como para representar á cidadanía de Barcelona
nun cargo de tanta responsabilidade ó que non se accede, como sabe o académico,
por oposición. Desde unha perspectiva certamente clasista, Azúa a está calificando
de intrusa, xa que, na súa opinión, estaría exercendo un cargo sen a
preparación necesaria. Obvio os insultos.
No caso de Santiago de
Compostela, a capital de Galicia, certos sectores sociais, tan poderosos e
influíntes como minoritarios, esas persoas que coñecemos pero que non teñen por
costume someterse ó escrutinio democrático (que si que mandan, o sei, e mandan
moito!), desde o minuto un iniciaron unha forte campaña de deslexitimación política
das persoas que sí recibimos o apoio maioritario da cidadanía nas eleccións
municipais de hai case que un ano. Para esa empresa contaron (e contan) co
apoio entusiasta dos que deciden no vello xornal da cidade (e da súa televisión
local) que non dubidan mesmo en entrar no persoal e familiar, valelles todo con
tal de facer dano, aínda a costa de diminuír a súa credibilidade.
As persoas que si fomos refrendadas
polas urnas, as que accedimos democraticamente ó Pazo de Raxoi (ou de Hanoi,
polas pólvoras e as bombas informativas que nos lanzan a cotío), as que
asumimos o goberno municipal por decisión maioritaria do Pleno da Corporación, como
a lista máis votada, Compostela Aberta,
a quen nunca tomaron realmente en serio, somos -desde aquela- “inexpertas”, “incapaces”,
“inútiles”, “pouco preparadas”… en definitiva, un desastre, unha calamidade, un
perigo público, unha maldición para a cidade, precisamente porque ocupamos un
espazo que, segundo eles, non nos é natural. Nin estabamos nos seus
pronósticos, nin formabamos parte do seu reducido grupo de intereses.
Non se trata tanto de que
acertemos ou cometamos erros, que seguro que o facemos como mortais que somos,
ou de que xestionemos ben, mal ou regular, tampouco de que representemos ou non
as súas crenzas particulares nos actos relixiosos, culturais ou nas súas parrandas,
trátase simple e llanamente de que somos uns intrusos, ocupamos altas responsabilidades
para as que non fomos educados, moi dignas tarefas para as que non estamos
preparados, nunha palabre, quédannos grandes! porque non temos a titulación,
orixe, ou clase… axeitadas. Por iso é polo que nos desprezan, para eles somos “pés negros, okupas, perros flauta, ociosos,
desocupados, marxinais, extremistas, radicais, 2.0”… estamos faltos do pedigree que eles acreditan e, precisamente
por iso, somos incapaces de resolver os problemas da cidade, comedores, fochancas, indixentes… mil
veces repetidos e publicados, asuntos que, como todo o mundo sabe, chegaron a
Santiago con Compostela Aberta e nunca antes existiran.
Ós intrusos, como ós bárbaros,
hai que expulsalos, polas boas ou polas malas. De aquí e de todas partes. Pero
para iso resulta imprescindible crear antes un clima axeitado, deslexitimando a
cotío, atacando persoal ou familiarmente para evidenciar un desastre que
anuncian, visibilizando un caos que inventan, insultando, inxuriando, mentindo,
culpando, para facernos cada día máis aborrecibles. Trátase de crear un inimigo,
como dicía Sam Keen, para logo
exterminalo.
E a cousa non vai a remitir, nin sequera
pagando o canon de rigor. Non é unicamente Compostela Aberta. Somos Marea, Marea Viva, Marea en Común, unha auténtica
ameaza. En realidade, a máis grande ameaza de cambio social, político e
xeracional en Galicia, como o é Podemos no
conxunto do Estado. Asumir, desde o seu punto de vista, que Galicia podería
perderse, que o PP non gobernara, que o caudal de diñeiro público que reciben en
axudas remate para sempre producelles un pánico atroz. Imaxinar unha Galicia
gobernada por quen tanto desprezan en Santiago de Compostela, Ferrol ou A
Coruña, dalles cefalalxia crónica.
Cando debatimos sobre as
ordenanzas fiscais en Santiago alegráronse moito de que a oposición tumbara a
proposta do equipo de goberno, mesmo perdendo varios millóns de euros para a
cidadanía de Compostela. Cando os orzamentos, apostaron publicamente por rexeitalos
e animaron a un acordo entre o PSOE e o PP, mais non foi posible. Agora
pretenden importar a capital de Galicia as vondades da Grosse Koalition pola que
suspiran, a que funciona en Europa, a do sentido común, a da sensatez, a da cordura
que nos non temos, a da crise do capital, a dos intereses corporativos, a dos
recortes económicos e de dereitos, a da expulsión dos inmigrantes e fuxidos das
guerras, a da exclusión dos máis desfavorecidos. Pretenden, sen rubor, favorecer
unha moción de censura contra Martiño
Noriega e facer a Agustín Hernández
outra vez alcalde, nesta ocasión, cos votos do PSOE de Paco Reyes. Atreverase?
Falamos do mesmo Agustín
Hernández que apoiou a Conde Roa, a Angel Currás, o que perdeu a maioría
absoluta hai un ano diante de Compostela Aberta, o que colleitou os peores
resultados da historia do PP en Santiago logo dunha lexislatura infame, o que
segue de portavoz municipal, dando leccións, e agora tamén na Deputación de A
Coruña.
No clima de confrontación
electoral permanente que vivimos no conxunto do Estado, lexislativas á vista e
autonómicas en Outono, cada organización política busca o mellor posto de
saída, e niso, Agustín Hernández é todo un experto. A clave definitiva a terá
Paco Reyes, pero tamén Sanchez Bugallo,
e quen mande no PSOE en Galicia, a opinión de Abel Caballero xa a coñecemos, está a paseala polo país adiante.
Non nos extrañemos entón que de
aquí en adiante, alomenos ate as eleccións autonómicas, a infamia e o mal medren,
escoitanse lexións de orcos que ouvean…
23 dic 2015
A modo de balance e boas festas
Pasaron xa 6 meses, fugazmente, como se nada, aínda non dou creto, seis meses!, desde aquel 13 de Xuño en que tomamos posesión na sesión plenaria do Concello de Santiago. Asumimos daquela o goberno municipal, como COMPOSTELA ABERTA, certo, en minoría, mais como a lista máis votada pola nosa cidadanía. Un goberno municipal con Martiño Noriega como alcalde, o home tranquilo. Foi, de verdade, un acto moi emotivo, con nervios, e como concelleiro electo máis antigo da nova Corporación entreguei o bastón de mando ó novo alcalde. Alguén fixo unha broma, "nada menos que das mans de Dios", de Manolo Dios, parecía un adianto da respectuosa laicidade coa que Compostela Aberta, a marea seca da capital de Galicia, concorreu ás eleccións municipais e decidiu actuar. Xa era hora...
A verdade é que desde aquela non tiven tempo para actualizar este blog. O retomo agora aínda que sexa simplemente para facer un pequeno balance.
O primeiro que quixera comentar é que os poderes máis influíntes da cidade, os que non dan a cara, aqueles que estaban acostumados a exercer o mando en praza sen ter que presentarse ás eleccións, non aceptaron de bo grao o trunfo de CA. Desde o minuto un, nada de 100 días de graza, empezaron cunha teimuda labor de descrédito, de deslexitimación, mesmo no persoal, como nunca acontecera. Nin sequera cando na lexislatura anterior do PP había motivos máis que sobrados para trasladar a crecente indignación cidadá á opinión pública. Cabería preguntarse por cantos titulares críticos mereceron Conde Róa ou Angel Currás. Razóns había máis que sobradas, tanto no ámbito privado como no público, para encher portadas e telexornais. Pero non o fixeron. Os mantiveron a salvo, ben protexidos, como nun santuario, claro, pagaban por elo, iso si, con diñeiro público, uno de los nuestros, porque -efectivamente- eran dos deles.
A nós seguen a vernos como intrusos, queren que nos sintamos como quen rouba un xoguete a un cativo, como auténticos salteadores de tumbas, uns desarrapados, uns "piés negros", infamia, pero de onde saíron?, preguntan, onde estaban antes?, si nunca os vimos nos "gallegos del año", nas medallas e nos saraos que montamos, nos cócteles e nas festas privadas, como é posible que non os tiveramos fichados?...
E para atacarnos válelles todo, verdade e mentira, persoal ou público, sen medida, mesmo atrevéndose a facer chistes cos nomes e apelidos, alcalde 2.0, ou co meu, que orixinais!, mesmo escribiron, para coñecemento público, que son ateo nunha covarde Tribuna "Libre" anónima titulada "Veleidades Laicistas" que non esquezo, de autoría oculta dun personaxe que prefiro non citar. Podería ter esixido unha rectificación pública, mesmo querelarme por falsidade, por vulneración de dereitos, os humanos, que garanten o dereito á intimidade, á honra, que protexen o non declarar sobre as propias crenzas. Pero xa postos a descobrirmonos, pois non, non son ateo, declárome agnóstico e respectuoso coa liberdade de conciencia, defensor da aconfesionalidade do Estado, un precepto constitucional básico tan violentado neste país, partidario da completa separación entre a igrexa e o estado, da distinción clara entre os comportamentos públicos e os privados dos cargos institucionais, algo elemental, que ven dos ideais ilustrados, bandeira e causa desde o século XVIII. Nisto, como en tantas outras cousas, por sorte, a cidadanía vai moi por diante dos partidos e dos medios, mesmo a propia Igrexa de Compostela está a anos luz por diante destes que tanto añoran o nacionalcatolicismo. Alá eles.
Pero volvamos ó balance, a salientar algunhas das iniciativas que puxemos en marcha na Concellaría de Educación e Cidadanía. A primeira, a propia denominación, unha maneira de reivindicar a materia suprimida de Educación para a Cidadanía e os Dereitos Humanos, tan necesaria!. Unha responsabilidade que ten competencias, as tradicionais de educación, reparación e mellora dos centros escolares públicos, así como sobre a construción da cidadanía, os valores democráticos, o republicanismo cívico, e sobre dereitos humanos.
Desde o primeiro momento quixemos recuperar o diálogo institucional, roto, logo de catro anos nos que pasaron pola concellaría ate 6 concelleiros/as de educación neste Concello, e falamos coas AMPAS, cos sindicatos, cos representantes dos traballadores e traballadoras, monitores de escolas infantís e comedores, visitamos os centros, reunímonos cos directores e directoras, e escoitamos, sobre todo escoitamos, activamente, tomando nota.
Recollemos en Madrid o premio de educación viaria a toda unha traxectoria de anos do Departamento de Educación que dirixe Xosé Manuel Rodríguez Abella. Celebramos, con moito éxito, o Día Europeo da Música, en Area Central, nas Praterías, con bandas e agrupacións de Galicia, coa Escola Municipal de Música e puxemos en marcha o Programa de Conciliación do Verán, abrimos dous centros con comedores para tódalas familias que o necesitaban, e co remate do curso, por primeira vez, recibimos no Salón Nobre de Raxoi ós mestres e mestras xubilados no curso 2014/2015, nunha cerimonia co alcalde, de recoñecemento e dignificación da profesión docente, unha iniciativa que manteremos e melloraremos no futuro.
O día 2 de Xullo dirixinme ó despacho do Secretario Xeral Técnico da Consellería, responsable de comedores, non levaba eu nin un mes no cargo, para reclamarlle o Convenio preceptivo para proceder a licitar o contrato de comedores escolares que caducaba en Setembro. Había meses que a concelleira do seu mesmo partido o viña reclamando, teño constancia escrita. Disto non falaron os medios. Comprometeuse conmigo a facilitarmo de inmediato pero aínda o mandou a finais de Xullo. Aprobámolo en Xunta de Goberno, asinouno o alcalde e quedamos á espera da sinatura do Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria para iniciar un procedemento aberto de concurso público. Foron probablemente os comedores escolares o asunto que máis tempo preocupou e ocupou a este edil nestes 6 meses, e aínda estamos con eles, logo de que o concurso público quedara deserto como consecuencia, fundamentalmente, dun prego de condicións moi rigoroso, tanto no económico como no educativo. A volta de vacacións de Nadal teremos unha nova adxudicataria. Compre resaltar que, contra a opinión publicada neste tempo, os comedores escolares funcionaron con total normalidade. Parecera que había moitos interesados en que non fose así. Teremos dous anos para reflexionar participadamente sobre o modelo que queremos de comedor escolar para o futuro, porque o actual, para min, está superado.
Visitei practicamente tódolos centros, varias escolas infantís, falei coas direccións, coa federación de ANPAS, puxemos en marcha un ambicioso Plan de Obras de Verán por valor de case que 400.000€ que conseguimos rematar en tempo e forma, antes do inicio do novo curso, como non sucedera anteriormente.
Démoslle pulo a convenios e acordos de colaboración, programas transversais que decaeran nos últimos anos, recibimos ós nenos e nenas saharauís do programa Vacacións en Paz, impulsamos proxectos de roteiros como o da Memoria ou o do Patrimonio Histórico Funerario, abrimos o departamento á cidadanía, recibimos a tódalas entidades que o solicitaron, numerosísimas en seis meses, de todo tipo, empresas, cooperativas, ecoloxistas, pacifistas, audiovisuais, educativas... atendemos ós medios de comunicación, e mesmo oficiei varias vodas civís, loxicamente, no Salón Nobre do Concello.
Co inicio do novo curso en Setembro fixemos un acto inaugural, con nenos e nenas do colexios, pais e nais, entidades, ONGs, na Sala Mozart do Auditorio, co Alcalde, e con Carlos Blanco, e música, da Escola Municipal (nunca se fixera) e coñecemos os recortes de profesorado, persoal complementario, na atención á diversidade, particularmente, no Colexio de Vite, e manifestámonos con eles para esixir da Consellería máis recursos.
No Programa Electoral de Compostela Aberta tiñamos en lugar moi preferente recuperar para uso público dous magníficos espazos educativos, a coñecida como Ludoteca de As Fontiñas, construída no curso 2005/2006, nunca aberta, e o Centro de Interpretación do Medio Rural na Portela en Figueiras, pechado en 2012. Desde o primeiro momento anunciei que non tería instalacións educativas pechadas. Busquei a financiación na Deputación Provincial para o Centro Educativo e de Lecer María Miramontes, con 97.000€ e A Portela con 125.000€.
Outro aspecto que propuxemos foi a elaboración participada dun Proxecto Educativo de Cidade. Reunín, por vez primeira, ós mellores especialistas da Facultade de Educación, coa súa Decana, e encargámoslle un documento de bases que teremos en Xaneiro, para debater sobre el durante todo o curso, co obxecto de aprobalo en Pleno no mes de Xuño, por acordo, para establecer os obxectivos educativos para o trienio 2016-2019. E reincorporámonos ós Programas de Cidades Patrimonio da Humanidade da UNESCO, Aula de Patrimonio para escolares que posibilitará o intercambio entre alumnado da ESO de Santiago de Compostela e Salamanca, así como ó de Cidades Educadoras, e á Rede Internacional de Mayors For Peace, alcaldes pola paz. Colaboramos na homenaxe a D. Francisco Giner de los Ríos, na casa que ocupou na súa visita a Santiago de Compostela, no antigo Hotel Suízo.
E entregamos o Premio Internacional Compostela, Despois da choiva, de Miguel Cerro, editado en tódalas linguas peninsulares, inglés e francés, en colaboración con Kalandraka, ó mellor libro ilustrado de literatura infantil e xuvenil no Pazo de Raxoi. E inauguramos cursos, exposicións, foros, emociona, apoiamos o xogo tradicional, os xoguetes educativos en galego, o programa Apego...
Presentamos o proxecto da nova Escola Infantil Municipal do Castiñeiriño, financiada pola Fundación Amancio Ortega, que estará aberta e en uso no próximo curso escolar.
Colaboramos co Seminario Galego de Educación para a Paz e coa Rede de Centros de Investigación para a Paz (AIPAZ) na realización dunhas xornadas sobre cultura de paz, seguridade e desarmamento en conmemoración do seu 30 Aniversario, e o Día Internacional dos Dereitos Humanos, cunha lectura pública, con alumnado dos colexios de Santiago.
Con ocasión das Festas de Nadal participamos activamente na súa realización, co Programa de Conciliación en dous colexios, As Fontiñas e Raiña Fabiola, diversos programas educativos e na posta en funcionamento do Carrusel gratuíto no Obradoiro, e asistimos ós festivais de varias escolas infantís.
Todo isto, simultaneando a concellaría de educación e cidadanía coa asistencia e participación na Deputación Provincial, plenos, comisións, xunta de portavoces e mesas de contratación. Por certo, porque non se di, sen adicación exclusiva, nin no concello nin na deputación... con horarios e axendas imposibles.
Para rematar, o levo ben, con moi bo ánimo, co sorriso nos beizos, e tamén co ventiño de cara da folla parroquial 0.0, a miña máis agradábel sorpresa de cada día... me encanta el olor del Napalm por las mañanas..., grazas Pelaez, grazas Trabanca, rumorosos mentireiros e pólvoras Demetrio, sin ti no soy nada.
Espírito navideño... Bo Nadal e mellor 2016, a marea que asulaga e limpa...
17 sept 2015
100 días de que?
Foi un Sábado, 13 de Xuño, o día da toma de
posesión como Concelleiro do novo goberno municipal de Santiago de Compostela,
a capital de Galicia, nun equipo de 10 persoas lideradas polo Alcalde, Martiño
Noriega, a lista máis votada no Concello, para sorpresa de propios e de
estraños.
Había nervios, como non. Houbo que repetir dúas
veces a entrega do bastón de mando. Algúns restregaban os ollos, non o crían.
O propio acto xa tivo novidades. Renunciamos ós
medallóns e ás insignias. O espírito de Coralia e Maruxa, de Anxel Casal,
de Xohán Xesús González movía as
cortinaxes. O cabalo do Santiago Matamouros de Freire e de Gambino din que relinchou, e hai quen escoitou murmurar a Atanasio e a Teodoro, a Mateo e o David. Daquela ninguén coñecía –aínda- o parecer do Deán.
E pasaron xa 100 días, eses que din que son de
graza, de xogo limpo, de respecto institucional, de que?. Non houbo nin 100
minutos. Había presa por desacreditar, por recuperar nos medios o perdido nas
urnas, xa se sabe, estamos nunha dinámica electoral sen fin, e para algúns todo
vale con tal de recuperar o perdido o 24 de Maio.
A Marea tamén chegou a Compostela, encheu a
Quintana, o Obradoiro e tamén o Toural, que acerto abrir Olmedo!, e as puchas tomaron
o pazo que mandara construír o arcebispo Bartolomé de Raxoy y Losada, entre
dúas cadeas, a relixiosa e a civil, canta metáfora...
Polo que a min respecta, cheguei a un Departamento,
o de Educación, desmantelado, polo que pasaran ate 6 responsables nunha
lexislatura, alguén lembra os seus nomes?, algún fito relevante?, algunha
pólvora?. Un departamento desanimado, recortado, proba do pouco interese que o
PP daba á educación pública. O primeiro foi recuperalo, amplialo, recoñecerlles
a súa valía, o seu amplo e rigoroso coñecemento da realidade escolar, froito de
máis de 30 anos de experiencia.
E o curso escolar estaba rematando. Non podiamos
perder un minuto. Presentamos un Plan de Obras de Verán por valor de máis de
200.000€ nas escolas infantís e nos colexios, que rematamos en tempo e forma,
realizadas puntualmente en Xullo e Agosto. Toma xestión!. Din que por primeira
vez en moitos anos...
E puxemos en marcha o Programa de Conciliación con
novas actividades, con comedor escolar funcionando en dous centros, As Fontiñas
e o Raína Fabiola, atendendo tódalas necesidades que se presentaron.
Por primeira vez, recibimos ó profesorado xubilado
en Raxoi, no Salón Roxo, cos directores e directoras dos centros, nun acto de
recoñecemento e de gratitude, de apoio ó ensino público, que converteremos
nunha das citas institucionais relevantes de cada remate de curso. Como o de
apertura, nesta ocasión na Sala Mozart do
Auditorio de Galicia, con centos de nenos e nenas de 6º de Primaria, cos pais e
as nais, os directores, sindicatos, a Banda da Escola Municipal de Música, cos
cativos e cativas que rematan a súa escolaridade e antes de incorporarse ós
institutos da cidade, con Carlos Blanco, reivindicando a escola pública, a de
todas e todos. Corrixiremos os erros e melloraremos...
Os comedores escolares e o servizo de
madrugadores empezaron, quen o diría! con puntualidade británica, nas mesmas
condicións, cos mesmos prezos, o día 10 de Setembro, tal e como estaba previsto,
a pesares das alarmas sementadas innecesariamente para crear inquietude entre
as familias, tentar desacreditar ó novo goberno municipal e, de paso, á escola
pública. Ó final, a propia vida coloca a cada quen no seu lugar...
A miña primeira actuación na Deputación Provincial
foi interesarme pola Ludoteca de As Fontiñas, tiña, e temos, especial ilusión
en abrila canto antes, e así será, máis pronto que tarde. E a Escola de A
Portela, en Figueiras, o Centro de Interpretación do Medio Rural, pechado desde
2012!, un recurso educativo que non podemos permitirnos o luxo de ignorar e que
estará operativo para a Primavera. E presentamos unha moción sobre o drama dos
refuxiados, conxuntamente coa Marea Atlántica, aprobada por maioría, e que
dedicará recursos orzamentarios para os concellos que os acollan e garantan, sobre todo, o
asilo, artigo 14 da Declaración Universal dos Dereitos Humanos. E incorporamos
a Santiago de Compostela e ó seu alcalde á rede internacional de Mayors for
Peace, polo desarmamento nuclear en 2020.
Para este curso, poñeremos en marcha numerosos programas educativos
de carácter transversal, unha ampla oferta para os centros escolares, Cidades
Educadoras, Educa Compostela, Santiago capital, Roteiro da memoria, concertos
didácticos, animación á lectura, concurso de carteis de Nadal... e celebraremos
colectivamente o Día Internacional dos Dereitos Humanos e o Día Escolar pola
Paz e a Nonviolencia, entre outras efemérides de relevancia.
Remato xa. Teremos, desde xa, un amplo debate participativo
do Proxecto Educativo de Cidade, sobre a base dun documento elaborado pola
Facultade de Educación, con toda a comunidade educativa, recuperando o Consello
Escolar Municipal, o Observatorio Municipal da Convivencia Escolar, ou o
Consello Escolar da Infancia, para amosar, facendo, que a participación é a
clave de Compostela Aberta para transformar positivamente o concello.
Como vedes, temos faena para máis que 100 días, e
imos afrontala, con ilusión, e se cadra, co ventiño de cara ...
19 jul 2015
Moito por facer... coa vosa axuda
Departamento de Educación e Cidadanía
Concello de Santiago de Compostela
Hai case que tres meses que non escribo no blog, desde o pasado 29 de Abril. Non é por desidia ou por abandono, tampouco porque non teña cousas que comentar, simplemente, por falla de tempo.
Foron moitas as cousas que aconteceron desde o mes de Abril, entre elas, unha campaña electoral moi intensa para as Eleccións Municipais do 24 de Maio en Santiago de Compostela que, como sabedes, deron a maioría a COMPOSTELA ABERTA, a candidatura municipalista e democrática da que formaba parte e que, como consecuencia de ser a lista máis votada, asumiu a gobernanza no concello. A min tocoume, non era un secreto, a responsabilidade de Educación e Cidadanía, así quixen (quixemos) que se chamara pois ás competencias coñecidas en educación engadimos dous bloques de contidos novos, a cidadanía e os dereitos humanos, aspectos centrais e que a dereita conservadora mesmo retirou do currículum escolar para substituíla, como non!, pola relixión, de novo avaliable. As persoas que escollan relixión non terán oportunidade de aprender ética cívica, valores cívicos e democráticos ou dereitos humanos, vivir para ver!...
Ademais fun designado polo Grupo Municipal, a proposta do Alcalde, Martiño Noriega como representante de Compostela Aberta na Deputación Provincial de A Coruña que ven de constituírse hai tres días e na que por un acordo político de PSOE e BNG, co noso apoio, o da Marea Atlántica e a Alternativa dos Veciños, dou a presidencia a Valentín González, alcalde de As Pontes, e candidato socialista.
Son moitas as persoas que preguntan que tal, como o levo, e teño que recoñecer que non sei moi ben que contestar. Ordinariamente tendo a dicir que ben, sen entrar en máis matices. Efectivamente, sen meternos nos detalles, a experiencia é extraordinariamente positiva, un desafío tamén, síntome moi orgulloso da cidadanía de Santiago que foi quen de manifestar, co seu voto, que non perdera a dignidade logo da lexislatura da infamia, catro anos de maioría absoluta do PP que levaron á nosa cidade ate as portadas do New York Times por corrupción e irregularidades.
Si alguén dixera hai un ano que hoxe ia estar onde estou diríalle que toleara... sen embargo, na concellería de Educación e Cidadanía atópome cómodo, non vou negalo, a docencia é a miña profesión, á que dediquei case que 40 anos, na primaria, na secundaria e mesmo na Universidade por medio da Cátedra UNESCO de Cultura de Paz e Dereitos Humanos. Coñezo, creo que bastante ben, o sector e as súas reivindicacións, a escola pública, as súas carencias e aspiracións, e o propio Departamento do Concello con quen colaborei en moitas ocasións como Presidente do Seminario Galego de Educación para a Paz ou como parte activa do movemento pacifista, particularmente, coa campaña do Non á guerra e como portavoz da Coordinadora Galega pola Paz.
O programa electoral, todo el, e o de educación en particular, foi elaborado de maneira participativa por un Grupo de Traballo moi plural e cualificado que concretou en 20 medidas o que entendiamos que necesitaba a comunidade educativa de Santiago de Compostela, a escola pública e a profesión docente: Recuperar a normalidade dun Departamento baldeirado de contido polo PP e redimensionalo para que teña capacidade de cumprir o papel que lle corresponde, fortalecer a Rede de Escolas Infantís Municipais, basico para a igualdade de oportunidades, ampliando a súa oferta, atender as necesidades de mantemento, limpeza e vixianza dos centros escolares públicos, atender e mellorar o servizo de comedor e madrugadores, ampliar a Escola Municipal de Música, negociar a reconfiguración do Mapa Escolar, retomar a función de planificación e diagnose, asegurar a conciliación no verán...
Por outra parte, de acordo coa máxima da participación e a transparencia, da corresponsabilidade na xestión que puxo como bandeira COMPOSTELA ABERTA, pensamos que compre promover o Foro Educativo para elaborar e aprobar un Proxecto Educativo de Cidade, poñer a funcionar realmente o Consello Escolar Municipal, paralizado nos últimos catro anos, crear o Consello Escolar da Infancia para facer realidade o soño pedagóxico de Francesco Tonucci en Compostela, favorecendo os camiños escolares; impulsar o funcionamento dos Consellos Escolares de Centro e as Mesas de Diálogo coas ANPAS, as direccións escolares, os sindicatos, os MRPS ou as ONGs educativas ou crear o Observatorio Municipal da Convivencia Escolar.
Durante anos o Departamento de Educación do Concello de Santiago, desde o alcalde Xerardo Estévez, foi un referente en Galicia e no Estado en relación co desenvolvemento de programas educativos de carácter transversal, polas publicacións didácticas, polos estudios de planificación e diagnose de necesidades, polos servizos educativos. Imos impulsar programas como o de Cidades Educadoras, perdido no esquecemento, o Educa Compostela, a sensibilización, a difusión das boas prácticas, os premios e recoñecementos... ampliaremos o programa de Vacacións en Paz con nenos e nenas saharauís a profesorado e poñeremos en marcha un similar con nenos e nenas palestinos, levaremos a música e a danza escolar ás prazas e ós barrios, ós colexios, o cinema, a educación afectivo emocional ou a educación viaria, darémoslle pulo ás conmemoracións do Día Internacional dos Dereitos Humanos ou ó Día Escolar pola Paz, a educación ambiental e ós hortos escolares...
Desenvolveremos un amplo Programa que chamaremos Santiago, capital, para que o alumnado coñeza o patrimonio da cidade, a memoria, os museos, os parques e alamedas, as nosas bibliotecas, o Parlamento, o cemiterio de Boisaca, os ríos, montes e arboredos, ou as cidades patrimonio da humanidade...
E colaboraremos coa USC, a Universidade ten que recuperar o seu papel central na cidade, coa Cátedra UNESCO, co 4º Ciclo, coas Aulas da 3ª Idade, nos cursos de verán, na planificación e na diagnose, co voluntariado, co Grupo Compostela de Universidades, apoiando a internacionalización, compartindo espazos e programas...
Igual que co Ensino Medio, cos Institutos e Centros de Formación Profesional, cun plan de visitas e de acollida, co apoio da Orientación Educativa, con xornadas de portas abertas, para facilitar a transición entre a primaria e a secundaria.
Abriremos os espazos comúns dos centros escolares públicos á programación educativa e cultural, á actividade social e veciñal, ó ocio e ó tempo de lecer. Poñeremos en funcionamento a Ludoteca das Fontiñas.
Declararemos Compostela como espazo de paz, convivencia e dereitos humanos, impulsaremos a sensibilización e a divulgación, a cooperación ó desenvolvemento, a inclusión e a non discriminación, crearemos a Escola Municipal de Cidadanía e Dereitos Humanos, para educar na e para a democracia, nos valores cívicos e democráticos, na mellora da convivencia escolar, na ética e nas virtudes cívicas, na laicidade, na mediación escolar e a resolución pacífica dos conflitos, na interculturalidade, na prevención das violencias, elaboraremos e difundiremos guías de cidadanía, a igualdade de xénero, a tolerancia, a responsabilidade social e ambiental...
Promoveremos o coñecemento e a práctica dos dereitos humanos, a cultura da paz, faremos irmandamentos con cidades como a nosa que viven conflitos graves, os dereitos da infancia, o dereito humano á paz, as cartas internacionais de dereitos, e colaboraremos coas asociacións nacionais e internacionais de dereitos humanos.
E escoitaremos activamente tódalas suxestións, as aportacións positivas, a concellería estará aberta para a cidadanía, sen exclusións, para quen queira trasladar a súa opinión sobre como mellorar a escola pública e o ensino no noso concello desde o criterio de gobernar obedecendo, tal e como COMPOSTELA ABERTA propuxo.
E tentaremos facelo o mellor posible, con transparencia, con proximidade, con dedicación, con esforzo, a pé de obra, comprometidos cun modelo educativo público, gratuíto, universal, galego, democrático, científico e laico.
Coa vosa axuda...
Suscribirse a:
Entradas (Atom)










