As imaxes non deixan lugar a dúbidas. O que acontece no Reino Unido, en Londres e outras cidades é dunha gravidade extrema. Ata o momento 5 mortos, máis de mil detidos, a maioría menores de idade, nunha onda de violencia que lembra outras dos anos '80, con incendios e saqueos indiscriminados, ira e resentimento, odio e frustracción, a mans cheas.
Convén non esquecer que existen moitas formas de violencia, non é única, non é unidireccional. Aprendemos a ser violentos. Non o somos por natureza, como algúns pretenden. Xa en 1985, a comunidade científica reunida en Sevilla, aprobou un Manifesto que fixo seu a UNESCO, no que se afirmaba que "a guerra e a violencia non son fatalidades biolóxicas". Necesitan dun profundo, intenso e dilatado aprendizaxe, caldeiras de producción de odio, na familia, na escola, nos medios, na sociedade.
Dalgunha maneira recollemos o que sementamos. As explosións de violencia protagonizadas por adolescentes, amparados e protexidos polo seu número, son consecuencia de fracasos diversos, familiares, educativos, políticos e sociais. Cando alentamos o consumismo exacerbado, mundos idílicos á man de calquera, sen esforzo, estamos fomentando expectativas falsas, fontes inagotables de enorme frustracción. Cando restrinximos as políticas públicas e propiciamos fortes recortes nos equipamentos sociais, educativos, sanitarios... mentres non temos reparo en rescatar ós mercaderes responsables da marxinación e a exclusión social, da pobreza e da fame, garantindo os seus insultantes salarios e as súas envidiables pensións blindadas, estamos a facer pedagoxía política negativa, xeradora de rabia e indignación.
Cando construimos barrios dormitorio infames e os reservamos para as minorías étnicas que non queremos ver nos centros das cidades e creamos guettos multiculturais para pobres e excluídos renunciando a políticas urbanísticas e sociais integradoras, interculturais, estamos a xerar condicións para que a ruindade explote en calquera momento.
O que aforramos hoxe en educación nolo teremos que gastar, multiplicado, en cadeas e sistemas de seguridade. Din que a educación é cara porque non calculan o que realmente custa a ignorancia e a incultura. Os recortes sociais, as políticas públicas de aforro en sectores claves como a educación, a asistencia social, subsidios de paro, pensións, etc. teñen consecuencias, aínda que non se perciban a curto prazo. A inxustiza, a discriminación, o abuso, a violencia estructural, aquela que non se percibe tan facilmente, as vidas condenadas de antemán, os cativos carne de cañón, os futuros anulados, as condenas eternas na marxinalidade, non conducen máis que á delincuencia e a comportamentos e conductas que non desaparecen con policías, militares, sistemas de seguridade e alarmas, nin coa blindaxe armada dos barrios prósperos ou coa cultura do medo.
Os problemas complexos non teñen solucións sinxelas, nin por suposto a curto prazo. A convivencia pacífica e democrática esixe dun permanente esforzo continuado en ámbitos moi diversos, desde o familiar ó social, pasando polo educativo e o mediático. Non luce. Non ten resultados inmediatos. Por iso non satisface ós políticos. Non ten rendibilidade electoral. Sen embargo, ignorala, considerar que a convivencia, as virtudes cívicas, non son unha prioridade en épocas de crise, supón un completo disparate, unha política suicida, un abono para que, en calquera momento, en calquera lugar, unha explosión de violencia, como a actual do Reino Unido, nos colla a todos por sorpresa, nos confunda e asuste.
Pero, é realmente unha sorpresa? O sorprendente, quizáis, é que non aconteza con maior frecuencia.
Compre repetilo, a prevención é cara, mais a ignorancia, a desidia ou a cobiza, á longa, resultan carísimas.
Que verdades tan grandes...os que traballamos en educación sabémolo. Díxome un día unha "mociña": os adultos mandádesnos debuxar pombiñas e sodes os que permitides as guerras.
ResponderEliminarAlégrome de todas formas de que existan moitas persoas que pensan, pensamos, que é posible mellorar e traballan para iso. Parabéns por este blog.