Cando nos achegamos a unha nova edición do Día Escolar da Nonviolencia e a Paz (DENYP), na súa denominación completa e tal como a acuñou Llorenç Vidal, alá por mediados os anos '60, en coincidencia co aniversario da morte violenta do Mahatma Gandhi, un 30 de Xaneiro de 1948, sempre nos asaltan as mesmas dúbidas.
É verdade que a data foise consolidando co paso do tempo nos colexios e institutos, aínda que con tratamento desigual segundo os territorios e tamén en función dos niveis dos centros, non é igual o seguimento da celebración en educación infantil que en primaria ou en secundaria.
Tamén é certo que nos Plans e nas programacións de centro e de aula, o 30 de Xaneiro, é unha data sinalada e recoñecida. Incluso as autoridades educativas do Estado e dalgunhas CC.AA. establecérona oficialmente e promoven a súa conmemoración. En Galicia, na actualidade, moi timidamente.
Debemos recoñecer, así mesmo, que as cousas cambiaron moito en España, en Galicia, e no sistema educativo desde que o citado inspector mallorquino decidise impulsar esta efeméride. Unha data proclamada polas Nacións Unidas para celebrar cada 21 de Setembro e que aquí conviñemos, adaptándoa mellor ao noso calendario escolar, que tivera lugar, o 30 de Xaneiro.
Particularmente, a educación para a paz, os valores cívicos e democráticos, os dereitos humanos, a violencia, a discriminación, a fame, a guerra, a desigualdade, a inxustiza... iso que chamamos os grandes problemas non resoltos da humanidade, non existían nin nos currículos nin na práctica educativa de mediados dos anos '60 e por bastantes anos aínda, agás honrosísimas excepcións. O propio concepto de Educación para a Paz, os seus contidos e metodoloxías, empezan a construírse nos '80 e será a lei do '90, a LOGSE, a que promova a súa incorporación como un eixo transversal obrigatorio, cun balance, visto en perspectiva, non moi satisfactorio, fundamentalmente pola deixación das autoridades educativas. Esa foi unha das razóns para que os seus contidos fosen incorporados posteriormente á nova materia de Educación para a Cidadanía e os Dereitos Humanos como un complemento e reforzo do seu tratamento transversal. Unha asignatura que está hoxe na corda floxa e que a dereita política e relixiosa combateu irresponsablemente desde os seus inicios.
José María Toro, con ocasión do Congreso Estatal da Convivencia Escolar celebrado recentemente en Xaén, insistía en que quizais, ademais de celebrar o Día Escolar pola Paz, cada 30 de Xaneiro, cousa que debemos facer e que el fai apaixoadamente, sería moito mellor (e desde logo máis efectivo) celebrar a paz de todos os días e preguntarmonos e interpelar ao alumnado sobre onde está a paz, en que lugar debemos buscala. Porque non está, como adoitamos crer, fóra de nós, nos grandes líderes mundiais, nos malvados, nin tampouco nas pombas que soltamos, ou nos paneis que debuxamos, nas mans de cores que estampamos en muros e corredores... como ás veces cre o noso alumnado, senón que debemos aprender a escoitar a voz de nosa propia conciencia (Jonan Fernández), dentro do noso corazón, desde aí é desde onde construímos a paz, cada día, connosco mesmos e cos demais. Tal e como o dicía maxistralmente o propio Mahatma Gandhi: "Os únicos demos que existen no mundo aniñan dentro do noso propio corazón".
Tranversalmente, na materia de Educación para a Cidadanía e os Dereitos Humanos, nas horas de titoría, en todas e cada unha das materias, dentro e fóra das aulas, no Plan de Centro, no clima escolar, a educación é sobre todo atmosfera, dicía Henry Adams, temos que aprender a construíla e así celebrar a paz de todos os días, a convivencia, compartir vivencias xuntos, para que o 30 de Xaneiro, non se converta nunha rutina, para que a paz sexa algo máis que un conto de pombas e globos, flor dun día, cada ano, por moi brillante que sexa.
Porque as rutinas, sabémolo moi ben, anulan a paixón e sen paixón dificilmente podemos aprender e educar para facer as paces, así en plural, fronte a todas as violencias.
Pola nosa parte, o Seminario Galego de Educación para a Paz, suxire, nesta ocasión, reflexionar, debater, traballar sobre "A aprendizaxe da democracia na escola", sobre un texto magnífico de José Tuvilla, con distintos recursos e materiais que podedes baixar da nosa web: www.sgep.org
Ademais, promovemos a campaña internacional "Paraugas pola Paz" moi lúdica e moi vistosa, na que o alumnado decora e debuxa sobre paraugas textos, cores, imaxes, para logo facer unha marcha ou exposición.
Por último, o mesmo día 30, pola mañán, ás 12:00, como ven sendo habitual desde hai anos, convocamos a colexios e institutos da comarca de Padrón, na Casa de Rosalía de Castro, na Horta da Paz, nun acto no que os rapaces e rapazas son os protagonistas, len manifestos, poemas, representan obras e, nesta ocasión, desfilan cos paraugas decorados.
Pola tarde, ás 19:00 horas, no Auditorio da Cidade da Cultura de Galicia, en Santiago de Compostela, ten lugar a tradicional cerimonia de entrega do PREMIO PORTAPAZ, o do ano 2011 corresponde a D. Paul Ríos, voceiro de Lokarri, polo seu papel e o da súa entidade na organización da Conferencia de Aiete, en San Sebastián, que deu paso ó remate definitivo das accións armadas de ETA. Pronunciará unha conferencia seguida de coloquio e a entrada será libre para calquera persoa interesada. Ó rematar haberá unha Cea de Homenaxe.
Que teñamos, que teñades, un feliz Día Escolar da Nonviolencia e a Paz, neste 64 aniversario da morte de Gandhi, para que o 30 de Xaneiro sexa o principio da celebración da paz de todos os días...
No hay comentarios:
Publicar un comentario