30 de Xaneiro, Día Escolar pola Paz
Aquí seguimos, como o primeiro día
Manuel Dios Diz
Son xa moitos anos. Moitas cousas
teñen cambiado desde 1985, cando empezamos a promover a celebración nas aulas
galegas do Día Escolar pola Paz.
Tiñamos pelo. Menos anos. A mesma ilusión. Daquela viviamos os finais da Guerra
Fría, que era quente en moitos lugares interpostos. O Muro de Berlín non caera.
Ninguén podía imaxinar que o faría en catro anos. Nin sequera Gorvachov. Cantabamos o “Bayon da OTAN”, coa Trinca, rataplan, rataplan, rataplan..., os
euromisís occidentais apuntaban a URSS, e a Educación para a Paz empezaba. O desarmamento, obviamente, estaba
no centro das nosas preocupacións, e os Dereitos
Humanos, sempre os Dereitos Humanos, a Declaración Universal de 1948,
precisamente, o mesmo ano en que Mahatma
Gandhi, morría asasinado, ¡que paradoxo!.
Llorenc Vidal, un inspector de
educación maiorquino, desde mediados dos anos ’60, viña animando, con desigual
fortuna, a colexios e institutos, a conmemorar, cada 30 de Xaneiro, aquel
magnicidio. El foi o auténtico impulsor das primeiras celebracións en España do
DENYP (Día Escolar de la
Noviolencia y la
Paz ). Nos simplemente o seguimos.
Eramos
moi poucos, uns aquí e outros acolá, como diría Manuel María, espallados pola xeografía galega, promovendo
iniciativas arredor desta data, Suso
Jares, Calo Ig lesias, eu mesmo,
en Vigo, en Catoira, e moi poucos centros máis. Sen embargo, desde mediados dos
anos ’80, a celebración foise estendendo, había xa unha reivindicación concreta,
un chamamento ó profesorado, as primeiras Unidades
Didácticas, os primeiros encontros, conferencias, mesas redondas,
obradoiros..., timidamente o Día Escolar
pola Paz empezaba a coñecerse, pouco a pouco, sen apoios, de maneira
voluntaria, o profesorado sumábase, e non era fácil. Brandos, conciliadores,
inxenuos, utópicos... era do mellor que nos chamaban.
Habería
que esperar á Lei de Educación do ’90, á LOGSE, para que a Educación para a Paz
pasase a ser un eixe transversal
obrigatorio do currículum. Foi un cambio radical, propiciado, obviamente,
polo traballo previo de moitos grupos e organizacións como a nosa, no conxunto
do Estado, entidades de educación e investigación para a paz, agrupadas hoxe en
AIPAZ, que nacen naquelas mesmas
datas, algunhas arredor do Movemento de
Obxección de Conciencia, o MOC e da campaña anti-OTAN.
A transversalidade, é dicir, que os
obxectivos, contidos, metodoloxías, actividades, da Educación para a Paz,
atravesaran o currículum e a vida dos centros, en todas direccións, foise
convertendo, quizais sen querelo, en tanxencialidade,
é dicir, tocaba o currículum, nun día, por exemplo, o da paz, e logo
desaparecía. Tamén houbo escaso interese institucional por ela, fíxose moi
pouco en formación do profesorado, víase con moita desconfianza, o balance
final non foi especialmente positivo. Moitas expectativas e poucas noces. Por
iso, a Educación para a Cidadanía e os
Dereitos Humanos, que recollía moitos dos contidos transversais anteriores,
fíxose materia diferenciada e con profesorado específico.
E a conflitividade e a violencia escolar
veuse, por fin, como un problema. E Jokin
deixounos a todos fríos, en Hondarribia. Era 2004. E comezaron en serio os Plans Integrais para a Mellora da
Convivencia Escolar, os Plans de Convivencia de Centro, os Observatorios,
os Equipos de Mediación e Tratamento
de Conflitos.
E
aquí estamos, ás portas dun novo 30 de Xaneiro, persistindo na importancia da
celebración, pero, sobre todo, da incorporación diaria da Educación para a Paz
ó currículum, na prevención das violencias, no fomento da convivencia, no apoio
ós equipos de mediación e tratamento de conflitos, igualdade de xénero, dos
dereitos humanos, do diálogo e da interculturalidade, da xustiza e a
nonviolencia, dos valores cívicos e democráticos, da cidadanía, obxectivos cos
que simbolizar -nun día- o traballo de todo un ano, de tantos anos.
O Seminario Galego de Educación para a Paz,
igual que hai 26 anos, ofrece a súa colaboración ó profesorado. Na súa web: www.sgep.org podedes atopar numerosos
recursos didácticos, propostas, como a dos Paraugas pola Paz, unha maneira moi
vistosa e lúdica de organizar as celebracións deste 2012.
E
como en anos anteriores, ese día, o 30 de Xaneiro, luns, temos unha cita co
alumnado de Padrón na Horta da Paz da
Casa de Rosalía de Castro, e pola tarde, a tradicional cerimonia de entrega
do Premio Portapaz, nesta ocasión, a
Paul Ríos, voceiro de Lokarri, Re de Cidadá Vasca polo Acordo, a Re conciliación e a Consulta, artífice da Conferencia de Paz de Aiete, que dou
paso ó remate definitivo das accións armadas de ETA, probablemente a mellor
nova de 2011.
Parabéns
e grazas a todo o profesorado galego, ó
que segue a considerar que a Cultura da
Paz merece a pena, que os dereitos humanos seguen de actualidade, que os
valores cívicos e democráticos non son unha moda, e que a convivencia,
constrúese, construímola, cada día, e
todos os días, tamén na escola, coas mans
xuntas, nunca alzadas, que diría Federico
Mayor Zaragoza. Grazas.
Manuel Dios
Diz é
mestre. Preside o Seminario Galego de Educación para a Paz e dirixe a Fundación
Cultura de Paz en Galicia. Forma parte do Observatorio Estatal da Convivencia
Escolar.
No hay comentarios:
Publicar un comentario