Sobre o xuíz Baltasar Garzón Real téñense dito (e escrito) moitas cousas. Os que o coñecemos persoalmente, mesmo na proximidade, certamente, non somos imparciais. Temos datos, anécdotas, comentarios, risas, cánticos... que a maioría descoñece. Por iso, a obxectividade, esa máxica ubicación dos neutrais, a pureza anxelical, non vai con nós. Dicímolo abertamente. Somos subxectivos. Pódenos o afecto, o corazón, os sentimentos, a distancia curta.
Pero escoitamos, lemos, mesmo a persoas que recoñecemos, que admiramos, comentarios diversos, ben e mal intencionados, resentidos, vingativos, técnicos, xurídicos, xente do común, laudatorios. Baltasar Garzón, para ben ou para mal, levanta paixóns. Ten amigos incondicionais e, desde logo, inimigos poderosísimos. Incansables. Dentro e fora da xudicatura, nas audiencias, no Supremo, na política, nos partidos. Algúns, revirados, outros envexosos, e unha maioría social, agradecida. ¡Mágoa de máis como el!.
Para nós o xuíz Garzón é un home honrado e valente, de Torres, Xaén, de orixe moi humilde, coraxudo, incansable, comprometido ata os tuétanos coa xustiza, cos dereitos humanos, coa vida, inimigo do narcotráfico e da violencia, respectuoso coas vítimas da ditadura, inflexible coa corrupción, por iso ten o noso respaldo e o de tanta xente de ben, aquí e en todas partes.
Non é perfecto, erra, como calquera ser humano. Sen embargo, no seu horizonte, nada máis lonxe que a inxustiza ou a vulneración consciente de dereitos e liberdades. É unha referencia internacional. Admirado, recoñecido, o xuíz español máis laureado. Unha autoridade, un exemplo, na persecución dos crimes contra da Humanidade, innovador na defensa da idea da xustiza universal. O caso Pinochet foi, sen dúbida, o máis coñecido. Naquel preciso momento, cando ordena a detención do ditador chileno en Londres, decidimos concederlle por unanimidade o Premio Portapaz. Desde aquela é socio de honra do Seminario Galego de Educación para a Paz. No seu despacho, na Audiencia Nacional, o conservaba, alí o vimos, con Carmen Durán, amiga fiel, hoxe vicepresidenta da súa fundación.
Agradecémoslle a Garzón a súa coherencia, as firmes conviccións xurídicas, políticas, humanas. Como tanta xente do común. As mulleres da Praza de Maio arxentinas, nais e aboas, ós demócratas chilenos. Galicia enteira, porque ten unha débeda eterna con Garzón. Practicamente todo o realizado contra do narcotráfico nas nosas costas é obra del, mesmo o uso do patrimonio dos narcos para actividades de recuperación dos toxicomanos, desde o instante en que todo o mundo coñeceu que a Nécora era algo máis que un marisco sabrosísimo. E Oubiña, Sito Miñanco e os Charlíns... saíron do anonimato protector.
E as familias dos asasinados e paseados durante a Guerra Civil e o franquismo, máis de 100.000 persoas aínda nas cunetas, ¡en pleno século XXI!, ou a cidadanía que sinte repugnancia e indignación por tanto chourizo protexido polas urnas. Porque de ben nacidos é ser agradecidos.
Admírano os medios xurídicos internacionais, as numerosas universidades que o recoñecen a cotío cos seus máximos galardóns e distincións.
E o apoiamos entidades como a Plataforma Galicia con Garzón, da que formamos parte. Porque sabemos que os malvados o temen e o odian, delincuentes, narcotraficantes, terroristas, ditadores e corruptos. Tíñanllas gardadas. E os Mans Limpias, ¡que vergoña! e Falange Española y de las Jons. Tramas escuras. Conexións. Fíos directos coa envexa e o rancor.
Solidarizámonos con Garzón, porque o merece, polo que representa e simboliza. A cacería remata. Botalo da carreira xudicial, o obxectivo. Todo parece minuciosamente urdido. A democracia, o sistema xudicial, están a proba. Resulta difícil de entender que o primeiro condenado da trama que el destapou, a Gurtel, poda ser o propio Baltasar Garzón. Vivir para ver...
Sabe que non está só. Sinte o cariño. Das mulleres e homes de ben. Como remataba Manolo Rivas o seu Manifesto de apoio, aquel que limos na Praza do Obradoiro, o 25 de Setembro de 2009, así queremos poñer hoxe o fin:
"É un cruel sarcasmo que a única persoa imputada respecto dos crimes do réxime fascista español sexa xustamente o primeiro xuíz que se atreveu a investigar eses crimes. Estamos ante un episodio máis da Historia Universal da Infamia".
Grazas a ti, Baltasar, a Nécora, empezou a ser moito máis que un marisco...
No hay comentarios:
Publicar un comentario