Nos últimos meses, os
tambores de guerra, en Oriente Medio, non paran de soar. A verdade é que
naquela rexión (parece unha maldición bíblica), a violencia, a morte e a
tortura, forman parte da paisaxe. Acostumarse é o primeiro paso para
desentenderse.
Palestina, eternamente violentada, singularmente a franxa de Gaza,
soporta -con cruel intensidade- os ataques da aviación israelí, os asasinatos
selectivos, a destrución de vivendas, o bloqueo, o acoso, a humillación
constante, a morte ¡que espanto! de nenos e anciáns inocentes, cada día...
Siria, que soñou liberarse dun réxime ditatorial, sofre as
consecuencias dunha guerra civil non declarada e sinte, en carne propia, como
as potencias internacionais xogan, no seu territorio, unha partida de
dominación e terror, a lume e sangue, aínda que os mortos, o sufrimento e os
fuxidos, os poñen os sirios. Dunha parte, Occidente e algúns países árabes, a
CIA, os servizos secretos alimentan, con milicianos e armas, ós rebeldes
violentos das cidades. Pola outra, o exército regular de Bashar al Assad, e os seus paramilitares, co apoio de Irán (e o
veto de Rusia e China no Consello de Seguridade), bombardean sen piedade a todo
o que se move no país.
Logo dun ano de constante
violencia, os mortos superan os 9.000. As Nacións Unidas non son quen de
garantir a mediación de Koffi Annan,
nin sequera de abrir corredores humanitarios ou unha limitada tregua. Niso
están. Mentres, Europa está desaparecida. Amnistía
Internacional e Human Rights Watch
denuncian espantosas torturas, violacións masivas e crimes contra da
Humanidade.
Irán, a punto de converterse nunha teocracia nuclear, desperta en
Israel, única potencia atómica na rexión, desexos irrefreables de intervención
militar, con ou sen o apoio dos EE.UU. Obama
resiste as presións do seu propio lobby
xudeu. Netanyahu impaciéntase. Todo
parece indicar que a decisión está tomada. Bastaría escoller o día e a hora
máis conveniente.
Por último, Afganistán e Iraq, lonxe de acadar a paz e a estabilidade prometidas polas
forzas intervencionistas occidentais, logo de décadas de inxerencia militar,
sofren a violencia sectaria, os atentados, e o descontrol máis absoluto. A
retirada dos exércitos de ocupación, cunha sensación de fracaso evidente, deixa
aberta a porta a profundas convulsións internas.
Esta situación, así brevemente descrita, pode converterse nunha auténtica bomba incendiaria para a paz e a seguridade non só na rexión senón para todo o Mediterráneo. E o previsible ataque a Irán, ademais de fortalecer internamente ó réxime teocrático, abrirá un novo conflito bélico de imprevisibles consecuencias.
As Nacións Unidas vense cada día máis necesitadas dunha profunda
reforma para facer realidade o fin para o que se crearon, “evitar ós nosos fillos o horror
da guerra”, para ser quen de
despregar todo o seu potencial diplomático, económico, político e de
intermediación militar, para deter tanto derramamento de sangue inocente e para
frear as tentacións belicistas do goberno israelí, así como para facer cumprir
o dereito internacional e as súas propias resolucións. Corresponde á comunidade
internacional e de maneira moi especial á Unión
Europea, recuperar o protagonismo e actuar diplomática e politicamente,
impoñendo as sancións que fosen necesarias, para asegurar a paz e a
estabilidade na rexión.
A cidadanía global, a
sociedade civil organizada, os homes e mulleres de ben, en todo o mundo, temos
que interpelar con firmeza ós nosos respectivos gobernos, aínda que sexa por
egoísmo lúcido, para que aseguren o cumprimento das normas internacionais, para
que deteñan as ameazas á paz, reclamando a resolución pacífica dos conflitos, o
diálogo e o entendemento, a negociación política, a primacía da palabra e da
diplomacia fronte da violencia e o terror.
Parafraseando a Federico Mayor Zaragoza, mañá sempre, sempre, é demasiado tarde.
No hay comentarios:
Publicar un comentario