A Folga Xeral en Galicia foi un éxito que ninguén pode ocultar por máis que se empeñe. As manifestacións convocadas recuperaron o nivel mobilizador que vivimos con ocasión do desastre do Prestige e do Nunca Máis ou as que promoveu a Coordinadora Galega pola Paz contra da Guerra de Iraq. Non hai dúbida algunha. Os medios de comunicación, nesta ocasión, recoñeceron a evidencia.
Cabería preguntarse por que Galicia tivo unha resposta tan maioritaria, desde logo, das máis relevantes no conxunto do Estado. Proporcionalmente, en función da súa poboación, Vigo, Coruña, Santiago, Ferrol, Ourense ou Lugo deron dos índices de participación máis elevados.
Aconteceu mesmo con convocatorias separadas, en horarios e percorridos distintos. CC.OO e UGT, por unha banda, e a CIG pola outra. Fomos moitas as persoas que quixemos estar nas dúas, mesmo houbo quen o fixo. E non se entenden moi ben as razóns para a división, singularmente, neste caso. Dinme que a votación na CIG foi de 14 a 11. Non podería aseguralo, mais si fose así, non é unha boa decisión. Máxime cando os piquetes informativos de madrugada eran, en moitos casos, conxuntos. Os resultados serían aínda moito máis visibles si a convocatoria fose unitaria, ou que confluían nun mesmo final, ou nun mesmo percorrido e horario, con marchas diferenciadas, calquera solución sería mellor que a división. Esta era unha reflexión recorrente nas propias manifestacións, antes e despois das mesmas.
Agárdannos tempos difíciles. Empeza un ciclo mobilizador novo, probablemente longo. Asegurar a máxima unidade, acumular todas as forzas, tería que ser un obxectivo a perseguir si queremos tombar a Reforma Laboral e todas as outras medidas que pretenden desmantelar o Estado de Benestar e as conquistas laborais, sociais e democráticas de tantos anos, de tanto esforzo.
En Galicia, como na maioría do Estado, os incidentes foron anecdóticos. A participación nas manifestacións -completamente libre- desbordou as previsións mesmo dos propios convocantes. O ambiente que se respiraba era de satisfacción, de alivio, de ilusión e de esperanza, entre adultos e mocidade, con moitas iniciativas festivas e divertidas. Unha auténtica festa democrática.
Pero farían mal os que teñen que interpretar o acontecido, os que están obrigados a ler politicamente a mensaxe, si desmereceran ou infravaloraran a xornada do 29M, si interpretaran que pasado o día, pasou a romaría, mesmo que os sucesos violentos de Barcelona non son extrapolables a outros lugares. Por desgraza, si as formas pacíficas e democráticas de expresar o descontento son minusvaloradas ou ninguneadas, si a confianza nas institucións políticas vai desaparecendo, si a desafección continúa, si os insultos e a deslexitimación do movemento sindical e da cidadanía medran, as posibilidades de que a violencia aflore aumentan considerablemente.
O 1º de Maio está moi cerca. O ciclo mobilizador e a conflitividade social terá, nesa data de profunda raigame internacionalista, outro momento crucial, quizais a escala europea, mesmo poderían anunciarse novas convocatorias. Por todo isto, si Rajoy non quere rematar, en meses, con todo o seu crédito e lexitimidade política, e si Feijóo quere conservar algunha oportunidade de repetir na Xunta de Galicia, terían que abrir vías de diálogo e de entendemento. Quizais non queiran, porque están profundamente comprometidos cos mercados e cos mercaderes, coas medidas deseñadas polo Banco Central Europeo, polo Banco Mundial e o FMI, con agradar precisamente ós que nos levaron a esta situación a costa da maioría da poboación. Si é así, a conflitividade social continuará e os fenómenos violentos, meras anécdotas onte, poderían aumentar.
A prevención da violencia non é simplemente unha cuestión educativa, nin sequera de orde pública, nin pasa por encher as rúas e a vida de policías e antidisturbios, ou de illar e deslexitimar ós violentos. Pasa tamén por baldeirar de "argumentos" e de "razóns", meras xustificacións para quen perdeu xa toda esperanza, para quen se sitúa nas marxes do sistema e só o alimentan odio e resentimento.
No hay comentarios:
Publicar un comentario