Benvidas, benvidos, amigas e amigos

A paz é o camiño, e facemos camiño ó andar. A paz é un descubrimento, non unha conquista, dicía, Raimon Panikkar. A guerra e a violencia non son fatalidades biolóxicas. Aprendemos a ser violentos. Por iso temos que "desaprender" para ser pacíficos, que non submisos, nin súbditos, nin mansos. Federico Mayor Zaragoza di que a aprendizaxe da democracia é a pedagoxía da paz. E María Zambrano afirmaba que a paz é moito máis que unha toma de postura, é unha auténtica revolución, un modo de vivir, un modo de habitar o planeta, un modo de ser persoa.
A paz como cultura...

21 ago 2012

D. Avelino


   

   Sempre vin a D. Avelino Pousa Antelo coa reverencia propia dun rapaz. Era da xeración do meu avó, D. José María Dios Busto, morto hai xa moitos anos, co que tiña moitas cousas en común. Galeguistas, republicanos, vinculados desde mozos co agrarismo, mestres vocacionais, con destinos ambos na comarca do Ullán, Cordeiro e Pontecesures, represaliados polo franquismo, logo da guerra incivil, como todas as guerras, horrorizados por aquela traxedia e a represión cruel que a prolongou, tantos anos...

   Cando decidín facer Maxisterio, alá polos primeiros anos '70, achegueime a D. Avelino, e por el coñecín a súa magnífica experiencia educativa, profundamente anovadora, asentada no país, da Granxa Escola de Barreiros, en Lugo, tan en relación coas Misións Pedagóxicas e a Institución Libre de Ensinanza, co pensamento educativo máis moderno da súa época, cos ideais da República, e en directa conexión cos postulados agraristas, nunha Galicia maioritariamente rural, agraria, gandeira e mariñeira, moito antes da industrialización posterior.

   Cando promoviamos o sindicalismo nacionalista, no ensino, nos distintos gremios laborais, con tantas dificultades e esforzos, apelamos tamén a D. Avelino, que era un habitual nos nosos actos e nas actividades formativas, nas escolas de verán, nos encontros e xornadas pedagóxicas, nas que compartía con outros docentes (ou aspirantes a selo), as súas vivencias e exemplos, co seu discurso sempre didáctico, emotivo, vehemente e retranqueiro.

   Coincidín tamén con el na acción política, no tardofranquismo e na chamada transición democrática, nas mesas e reunións entre os grupos políticos, na clandestinidade e logo en democracia. Representaba non só ó Partido Galeguista, senón ó galeguismo republicano sobrevivinte. Era unha conexión directa, persoal, de todas e todos nós, con aquela xeración irrepetible de Castelao e Bóveda, do Estatuto de 1936. A través del, con el, tocabamos a nosa mellor historia, un pasado que nunca debeu perecer, a sangue e fogo.

   E na súa teima cooperativista, a idea da cooperación fronte da competición, hoxe tan vixente, volvemos a coincidir na Cooperativa Santiaguesa de Consumo, Cosanco, nos seus comezos, un proxecto no que tantos docentes colaboramos.

   A mediados dos '80, co nacemento do Seminario Galego de Educación para a Paz, volvín a abusar da súa amizade e colaborou activamente nos traballos desenvolvidos, particularmente nos Encontros de Educación para a Paz en Compostela, en diversas ocasións, entre 1985 e 2010. Era o noso Socio de Honra máis ilustre, tamén o máis veterano, Premio Portapaz, polo seu compromiso co país e coa nonviolencia, cos dereitos humanos e os valores cívicos e democráticos, un exemplo vivo da cultura da paz. 

   Deixounos D. Avelino logo dunha longa e fecunda vida docente, política, persoal, sempre vinculado ó seu ideario galeguista, dedicado a salvagardar e protexer a memoria de Castelao, de Bóveda, da República, en contacto permanente coa terra, coa Nosa Terra, con entusiasmo, ilusión, esperanza... por vela xusta, libre, e dona de si. Quédanos o seu pensamento, as súas experiencias, o seu exemplo, unha referencia para tantas persoas de ben, e unha familia de docentes propia e outra, moito máis ampla, por Galicia adiante. 

   Para min, como para moitas outras persoas, foise un avó, un pai, un mestre, un anaco inmenso de país...

No hay comentarios:

Publicar un comentario