Como cada ano, cando se achega o 30 de Xaneiro, Día Escolar pola Paz,
data na que lembramos o aniversario do asasinato do Mahatma Gandhi (1948-2013), os colexios e institutos de Galicia, o
seu profesorado máis activo e comprometido coa Educación para a Paz, anda axitado na procura de recursos para
organizar as actividades, de aula e de centro, que tradicionalmente preparan
arredor desta efeméride ecopacifista recoñecida.
A
nós, ó Seminario Galego de Educación para a Paz, énchenos de
satisfacción e de ledicia todo este rebulir na busca de poemas, cancións,
pequenas pezas teatrais, manifestos, unidades didácticas, recursos que, con
tanta ilusión, poñemos a disposición dos centros escolares na nosa web: www.sgep.org e que sabemos son moi
utilizados para esta conmemoración, e tamén durante o resto do curso académico,
de maneira transversal, en materias concretas, ou na titoría.
Desde
o 10 de Decembro de 1985, data na que se constituíu oficialmente o Seminario Galego de Educación para a Paz,
non paramos nin un só ano na promoción e difusión desta celebración nas aulas e
na vida, ás veces con poucos apoios institucionais, ou ningún, e sempre arredor
de ideais e valores universais, como son, o fomento da cultura da paz e a
nonviolencia, a igualdade entre homes e mulleres, a convivencia democrática, a
resolución pacífica dos conflitos, o diálogo e a mediación, a xustiza e a
solidariedade, a cooperación, as virtudes cívicas, a cidadanía e os dereitos
humanos.
Hoxe
vivimos momentos especialmente preocupantes, non só porque a crise económica
está afectando, cada vez con máis intensidade, á maioría da poboación, senón
porque as violencias, así, en plural, pero sobre todo, as de carácter
estrutural, aquelas que están directamente relacionadas coa inxustiza (as inxustizas de hoxe son as guerras de mañá),
están caendo con especial virulencia sobre os sectores máis febles e
desfavorecidos da sociedade, pero tamén, cada vez máis, sobre as clases medias.
Son
moitos os nenos e as nenas, os adolescentes, que viven con especial angustia a
realidade diaria das súas familias, a perda do emprego dos seus pais e nais, o
desafiuzamento das súas vivendas, os recortes na educación e na sanidade, mesmo
na cesta da compra de cada día, ou os aforros de tantos anos polas
participacións chamadas “preferentes” e que en Galicia afectan a nada menos que
a 70.000 familias. Estas circunstancias están presentes nas nosas escolas e
institutos, para quen queira velas...
Por
todo isto, o 30 de Xaneiro, o Día
Escolar pola Paz, non pode pasar de esguello por esta realidade. Hoxe, máis
que nunca, temos que apelar ós valores cívicos e democráticos, á cooperación, á
solidariedade, ó apoio, á axuda mutua, para coas principais vítimas dunha
situación que non provocaron e reclamar, con tanta xente, xustiza, distributiva
e penal, para coas persoas que nos levaron a esta situación e que,
lamentablemente, diante dos nosos ollos, viven con total e absoluta impunidade.
Mentres
a maioría da poboación sofre e ve ameazadas as súas condicións de vida e de
traballo, a propia dignidade humana, base da Declaración Universal dos Dereitos Humanos, os casos de corrupción
política ou económica van en aumento e observamos -con indignación- como a
mentira, o cinismo, o engano masivo, os contravalores sociais que tratamos de
desaprender nas aulas, avanzan e se estenden.
Neste
contexto, de crecentes dificultades económicas para tantas persoas, a mesma
democracia, como tal, vese tamén moi resentida, como os dereitos
constitucionais, os valores de cidadanía e os propios dereitos humanos.
Por
iso sorprende -aínda moito máis- que a nova Ley de Educacion, a LOMCE,
promovida polo ministro Wert, sen
diálogo algún coa comunidade educativa, non só pretenda retroceder moitos anos
no modelo educativo, coas reválidas e a relixión avaliable, senón que mesmo
teña prevista a derrogación da materia de Educación
para a Cidadanía e os Dereitos Humanos, unha materia que resulta, hoxe por
hoxe, moito máis necesaria, e porque tiña asumidos plenamente os obxectivos,
contidos e metodoloxías da Educación para a Paz.
Por
todo o anterior, o lema escollido para a celebración deste Día Escolar pola
Paz, sobre o que suxerimos reflexionar e actuar nos centros escolares, non
podía ser outro: Educación, Cidadanía, Dereitos Humanos... como non?.
Os
actos centrais, nesta ocasión, serán en Ourense, na Praza de San Martiño, con
alumnado de 6º de Primaria do Colexio de Practicas, que están reciclando e
decorando paraugas vellos para transformalos en Paraugas para a Paz, símbolo de acollida, de protección, a que
todas e todos necesitamos. Será ás 12:00 do mediodía, con música, manifesto
pola paz, pedidos dos cativos, e a colaboración do concello.
Pola
tarde, ás 19:00 horas, no Museo Pedagóxico de Galicia (MUPEGA), en Santiago de
Compostela, entregaremos, como todos os anos, os PREMIOS PORTAPAZ, nesta ocasión, a STOP DESHAUCIOS, unha decisión unánime da Xunta Directiva do Seminario Galego de Educación para a Paz,
pola súa firmeza nonviolenta, de denuncia social, pero sobre todo de apoio e
solidariedade, para coas familias afectadas. A entrada será libre e todas e
todos estades convidad@s.
No hay comentarios:
Publicar un comentario