Non é
fácil achegarse ó conflito de Ucraína desde unha perspectiva, digamos, non
contaminada. Nin sequera sei si é posible. Particularmente, para aquelas
persoas que gustamos dos matices, que fuximos do branco e do negro, as que
estamos incómodas coas gafas unidimensionais para ver de cerca ou de lonxe.
En
Ucraína, como en tantos lugares, conflúen intereses moi diversos.
Historicamente, naquel territorio, libráronse batallas horrendas, ocupacións
militares, imperios en colisión, revolucións, deportacións en masa,
experimentos agrarios, stalinismo férreo… e no imaxinario colectivo, moitos
emocionámonos aínda coas escenas que o gran director ruso Serguéi Eisenstein levou ó cinema. Como esquecer a escaleira de Odessa do Acoirazado Potemkim!.
No meu
caso manexo -como poido- valores que proclama a Declaración Universal sobre unha Cultura de Paz, aprobada pola
Asemblea Xeral da ONU en 1999, pois para min supón unha boa referencia. Non se
trata simplemente de educar para a paz, para os dereitos humanos e para a
democracia. Trátase de superar a exclusión e a pobreza, defender o diálogo
intercultural e a resolución pacífica dos conflitos desde a nonviolencia. Este
podería ser un primeiro instrumento de aproximación.
O
segundo, ó meu humilde entender, ten que ver coa legalidade e o dereito
internacional, coa Declaración Universal
dos Dereitos Humanos, os individuais, os colectivos, os ambientais… sen
esquecer, obviamente, o dereito á libre autodeterminación dos pobos.
O
terceiro, sería, é, unha actitude, un método, o diálogo, a palabra, a man tendida
entre as partes, a negociación, a procura do entendemento e do acordo, o
trasacordo que dicimos os galegos, coa renuncia expresa ó uso da forza e da
imposición, mesmo ós feitos consumados de maneira unilateral.
O
goberno de Vítor Yanukóvich non era
precisamente un modelo de democracia e de respecto polos dereitos humanos.
Tampouco estaba moi pola labor de consultar ó seu pobo sobre o que quería ser
de maior, nunha encrucillada difícil, bascular cara Europa Occidental ou cara
Rusia. Os intereses económicos, políticos, xeoestratéxicos, no limex da antiga Unión Soviética, estaban
e están moi presentes.
O
derrocamento violento de Yanukovich no Maidan
contou co apoio da UE e dos EE.UU, cegos e cómplices coas milicias armadas de
carácter neonazi que impuxeron os seus criterios con crueldade, mesmo ministros
no novo goberno. Non foron moi respectuosos coa legalidade internacional e coa
defensa dos dereitos humanos ou cos valores cívicos e democráticos. Non
sorprende, polo tanto, que a UE e os EE.UU esquezan estes pequenos detalles ou
que Rusia non acepte o golpe de estado como forma de cambiar un goberno. Ambos
comportamentos políticos non son admisibles en democracia, cos defectos que
esta teña.
Desde
logo que a ocupación armada de territorios de Ucraína, particularmente, da Península
de Crimea (unha República Autónoma),
vulnerando a súa soberanía, con tropas non identificadas, aínda que con claro
apoio loxístico, militar e político de Rusia, tampouco pode ser aceptada como
un comportamento lexítimo e acorde coa legalidade e o dereito internacional.
Os
feitos consumados, a escalada de declaracións e de xestos, por tódalas partes,
a toma de posicións militares no terreo, as ameazas, directas ou veladas, as
sancións unilaterais contra algún dos actores, atentan seriamente a paz en
Europa, como tantas outras veces, e as fichas do dominó permanecen fraxilmente ergueitas,
balanceándose, a punto de desencadear un proceso imparable.
Por iso
son de agradecer os chamamentos ó diálogo, á mediación internacional, á procura
de solucións xustas e duradeiras, rebaixando, por todas as partes, a tensión
bélica, política, económica e xestual.
A
actuación da UE, especialmente a de Alemaña, outra vez Alemaña, foi temeraria.
Tanto nos movementos previos, alimentando a tensión, animando a confrontación
contra o goberno lexítimo de Yanukovich, pechando saídas pacíficas e negociadas
entre o goberno e a oposición, apoiándose en milicias armadas de signo neonazi,
perfectamente recoñecibles no Maidan, como nos mellores tempos da Guerra Fría, ás portas de Rusia, e
logo, coa marcha dos acontecementos, facendo seguidismo dos EE.UU no seu
interese por debilitar o máis posible a influencia rusa, mesmo a costa de
atentar contra da propia dependencia enerxética europea do gas ruso.
Si a
actuación das autoridades europeas en Ucraína é lamentable, as declaracións do
Ministro de Asuntos Exteriores do Reino de España, Sr. Margallo, diante do seu homólogo ruso, Sr. Lavrov, son dunha simpleza cósmica, propias da diplomacia vaticana.
A estas
alturas, desde o meu punto de vista, o derrocamento violento de Yanukóvich
vulnerou a legalidade e o dereito internacional. Como a ocupación militar rusa.
Ou a decisión unilateral do Parlamento de Crimea de promover un Referendo de
integración en Rusia volvendo á situación previa a 1954 coa graciosa doazón de Nikita Kruchev a Ucraína. Santa Rita Rita Rita…
Como se
ve, a complexidade do conflito, como tantas outras veces, na vella Europa,
ameaza con enredalo todo. Non sei si será posible xa volver ó momento previo á
revolta do Maidan, retirar tódalas tropas invasoras, controlar as milicias
armadas, abrir negociacións entre as partes, goberno e oposición, mediación
internacional, respecto pola soberanía e a integridade territorial, eleccións
libres e constituíntes, con garantía do dereito de autodeterminación… Quizais
xa nada volverá a ser o mesmo en Kiev,
en Odessa ou en Sebastopol por moito que soe insistentemente o teléfono roxo nun
lugar non identificado do Kremlin…
No hay comentarios:
Publicar un comentario