O Estado Español é hoxe o máis desigual de Europa
agás Letonia. Zygmunt Bauman,
catedrático emérito de Socioloxía na Universidade de Varsovia, remata o seu
interesante libro, A riqueza duns poucos
benefícianos a todos?, cunha magnífica cita de Arthur Koestler, da súa Autobiografía
II, A escritura invisible, que di “A
cegueira voluntaria é hereditaria”.
Nin que dicir ten que Bauman refuta, con meridiana
claridade, a pregunta que da título ó seu libro. De ningunha maneira a riqueza
duns poucos, pouquísimos na actualidade, beneficia a maioría social. En
absoluto. Cúmprese así a profecía de Mateo
coa que abre a súa reflexión: “Porque ó
que ten, daráselle máis e abundará, e ó que non ten, aínda aquilo que ten
seralle arrebatado”. Como xa adiantara Adam
Smith, “Onde queira que exista gran
propiedade, hai gran desigualdade. Por cada home rico ten que existir, polo
menos, cincocentos pobres”.
Hoxe en día, por desgraza, a tímida proporción
establecida por Adam Smith está amplamente superada. Ben recente é o estudio de
Intermon Oxfam que amosa como 85
ricos, riquísimos, acumulan tanta riqueza como 3.570 millóns de pobres,
pobrísimos, en todo o mundo. A metade da riqueza do planeta está en mans do 1%
da poboación. Que acaída era a consigna do 15M!, somos o 99%... E a situación de desigualdade no mundo, e na propia
casa, non fai máis que empeorar. Na época da Ilustración, o di moi ben Baumann,
o nivel de vida de calquera lugar nunca duplicaba ó da rexión máis pobre. Hoxe,
o país máis rico, Qatar, presume de ter unha renda per cápita 428 veces máis
alta que a do país máis pobre que é Zinbabue.
Os danos colaterais desta inxusta distribución da
riqueza, a escala global, son brutais,
non digamos o sufrimento, pero a outra grande vítima da profunda desigualdade
é, precisamente, a democracia, tamén recortada, chámanlle democracia e non o é!!!. A distancia que separa ós de
arriba dos de abaixo na xerarquía social non para de incrementarse. A OIT
estima que 3.000 millóns de persoas, case que a metade da poboación mundial,
vive por debaixo do limiar de pobreza, téñense que valer con menos de 2 dólares
diarios!!!. As 20 persoas mais ricas do mundo, entre eles, o noso Amancio, teñen recursos iguais ós de
mil millóns de pobres.
A situación é tan paradoxal que a diferencia entre
os países mingua mentres que dentro de cada país a desigualdade medra. Un dos
cambios máis dramáticos que se está a producir é a degradación progresiva das
clases medias, a súa conversión paulatina no chamado “precariado”. Hoxe, o futuro dun neno ou dunha nena está claramente
determinado polas súas circunstancias sociais, por onde naceu e pola situación
social dos seus pais, a boa estirpe,
que diría Mariano Rajoy, e non polo
seu propio talento e esforzo. Nos anos ’60, o salario medio dun director
executivo era aproximadamente 12 veces maior que o salario medio dun obreiro
fabril. Hoxe, está por riba das 531 veces.
Os neoliberais de tódalas pelaxes dan por feito que
as nosas diferentes capacidades, como a nosa estatura, veñen determinadas polo
nacemento. Para eles, as persoas pouco ou nada podemos facer para cambiar o
noso destino. Entre as súas grandes mentiras está tamén a de pensar que o
crecemento económico resolve tódolos males, que o consumismo desmedido
achéganos á felicidade, que a desigualdade entre as persoas é natural e que a
competitividade é o mellor camiño para acadar a xustiza social. Mentres se
esforzan por facernos crer as súas mentiras, a desigualdade social está
medrando a unha velocidade sen precedentes. As dez persoas máis ricas do mundo
acumulan unha riqueza de 2.700 millóns de dólares, é dicir, toda a economía
francesa, a quinta do mundo. O noso Amancio
Ortega, propietario de máis de 1600 tendas de Zara, gañou, en 2011, 66
millóns cada día, tódolos días. E isto acontece, como os bancos, as grandes
multinacionais, os políticos corruptos, nun tempo de austeridade máxima para a
inmensa maioría, para o 99,9%.
Richard
Rorty, en “Forxar o noso país: o pensamento de esquerdas nos EE.UU do s. XX”,
afirma que “Mentres o proletariado estea
distraído da súa propia desesperación con acontecementos ficticios creados
polos medios de comunicación… os superricos non teñen nada que temer”.
E Daniel
Dorling, pola súa parte, considera que da mesma maneira que durante moitos
séculos considerouse normal a escravitude ou que as mulleres non puideran
votar, “outras grandes inxustizas do noso
tempo son, para moitos, sinxelamente parte da paisaxe da normalidade”.
Non hai beneficios na cobiza, para ninguén, só para
os cobizosos. A este paso, a crecente acumulación de ira, de odio e de
resentimento social, explotará con certeza e -de seguro- derivará en violencias
e destrución, en saqueos e incendios, sona de algo?, de tantos e tantos
excluídos do festín da cobiza… e o lamentaremos. Se quedara unha pinga de
cordura, aínda que fose de egoísmo lúcido, alguén tería que mandar parar. Pero
como dixo Koestler, a cegueira voluntaria é hereditaria…
No hay comentarios:
Publicar un comentario