Benvidas, benvidos, amigas e amigos

A paz é o camiño, e facemos camiño ó andar. A paz é un descubrimento, non unha conquista, dicía, Raimon Panikkar. A guerra e a violencia non son fatalidades biolóxicas. Aprendemos a ser violentos. Por iso temos que "desaprender" para ser pacíficos, que non submisos, nin súbditos, nin mansos. Federico Mayor Zaragoza di que a aprendizaxe da democracia é a pedagoxía da paz. E María Zambrano afirmaba que a paz é moito máis que unha toma de postura, é unha auténtica revolución, un modo de vivir, un modo de habitar o planeta, un modo de ser persoa.
A paz como cultura...

31 mar 2011

Pola paz, non á guerra





        As persoas que hoxe respondemos á chamada da Coordinadora Galega pola Paz, o facemos para manifestar publicamente a nosa oposición á guerra, ás guerras como maneira de resolver os conflitos.

        A guerra, o belicismo, a cultura da violencia, o terror, non significan a continuación da política por outros medios, como dicía  Carl von Clausewitz, senón o fracaso da política, o fracaso da diplomacia, o fracaso da palabra, o fracaso da humanidade.

        As guerras son sempre xustas para aqueles que as inician. Os agresores, sexan quen sexan, énchense de razóns para xustificar as súas accións militares. Todas as guerras buscaron sempre a compracencia da cidadanía, a súa parálise, a inacción, cando non a súa complicidade. Sen a complicidade ou a parálise da poboación, sen a silencio dos pobos, o delito de silencio, as guerras non son posibles.

        En todas as guerras a primeira vítima é sempre a verdade. As mentiras están na orixe dos conflitos armados. E os bandos enfrontados menten, menten máis que falan, menten cando non din a verdade, ou cando a contan a medias. A propaganda e a manipulación anulan á información. E a mentira trunfa.

        A intervención militar occidental en Libia está chea de cinismo, de hipocresía e de mentiras. Ninguén nega que a Resolución 1973 do Consello de Seguridade sexa legal. Ou que a decisión de apoiar a intervención do Parlamento Español non sexa maioritaria, coas honrosas excepcións do BNG e de IU. Son legais. Sen embargo, a súa lexitimidade, a súa xustiza, non están tan claras. Como tampouco o están os intereses secretos e non confesados dos intervintes.

        Non podemos ser xuíces e parte nos conflitos armados. Non debemos esquecer que o Consello de Seguridade está formado polos estados que son os principais vendedores de armas do mundo. Tamén por aqueles que teñen enormes intereses económicos e xeoestratéxicos en Libia, particularmente Francia, Italia e o Reino Unido. Libia é, ademais, o segundo provedor de petróleo e gas do Estado Español. A participación española na guerra costa ás arcas do estado, a todas e a cada un de nós, 1 millón de euros ó día. Como podemos ver, neste caso, o déficit está ben xustificado, as guerras non contan, son un gran negocio, para algúns, para os mercadores da morte.

        Os mesmos que, ata hai un mes, vendíanlle armamento convencional sen límites a Gadafi, os mesmos que o paseaban polas cancilerías e o presentaban como un actor principal no Mediterráneo, son agora os que aborrecen do ditador e o cualifican de asasino do seu propio pobo, merecedor polo tanto de detención e xuízo no Tribunal Penal Internacional, corte aínda non recoñecida, por certo, polos EE.UU.

        Gadafi non é precisamente un modelo de gobernante democrático. Desde logo non o é máis que Mubarak en Exipto ou  Ben Ali en Túnez. Como tampouco o son moitos gobernantes da rexión, algúns deles aliados da Coalición de Voluntarios. Como tampouco o é Mohamed VI de Marrocos, os príncipes dos estados do Golfo ou Arabia Saudita, por citar só a algúns.

        ¿Como non imos compartir o dereito a protexer á poboación civil?. Claro que si, mais en todo o mundo, non só en Libia e só dun bando. Para impoñer o dereito de protección non é necesario atacar militarmente a un estado soberano. Para impoñer a exclusión aérea non é necesario converterse no brazo armado dunha das partes no conflito, armala e asesorala, calada ou abertamente.

        En Barheim, onde por certo existe unha base USA, tropas de Arabia Saudita interviron militarmente con extrema dureza non para protexer á poboación civil, senón para asegurar ó réxime monárquico que actuaba contra do seu propio pobo. Curiosa forma de impoñer o dereito de protección precisamente contra da poboación civil. En Gaza, por exemplo, os bombardeos do goberno sionista de Israel, contra da poboación civil son constantes e reiterados, vulnerando tódalas resolucións de Nacións Unidas, diante da total pasividade da comunidade internacional. ¡Canto cinismo, canta hipocresía!.

        Non, así non se protexe. Non, así non se resolven os conflitos. Non, así non garantimos a paz e a seguridade.

        Son moitas as mentiras. Son moitas as medias verdades no caso da guerra en Libia. ¿Quen pode crer o repentino entusiasmo de Sarkosy, Cameron ou Berlusconi polos dereitos humanos, a poboación civil libia ou a axuda humanitaria?. O cheiro a petróleo é abafante…

        Todos sabemos que non se esgotaron as medidas de presión económica e diplomática previas. Tampouco se buscou o dereito de protección sobre a base da interposición de forzas da ONU para procurar un alto o fogo real e multilateral. Nin se propiciaron acordos políticos sobre a base da democracia representativa. O penoso papel do Secretario Xeral da ONU, Ban Ki-Moon, neste conflito, evidencia o seu sometemento absoluto ós poderosos e á industria do petróleo e do armamento.

        Rematar canto antes os ataques aéreos, interpoñer de inmediato forzas de vixianza de paz das Nacións Unidas, retomar o papel da diplomacia, garantir un tránsito pacífico sobre a base do diálogo entre as partes, deberan ser os obxectivos da comunidade internacional.

        Non podemos seguir lexitimando a guerra e a violencia. Nin tampouco a partición do Estado Libio, nin a apropiación das súas riquezas petrolíferas e gasísticas por parte de Occidente, nin a tutelaxe política da súa cidadanía.

        As persoas que hoxe estamos aquí, convocadas pola Coordinadora Galega pola Paz, reiteramos que a democracia non se impón con bombas e misís, que as matanzas non se evitan provocando novas masacres. Que o dereito de protección non pode materializarse sobre a base da xeralización da guerra e da violencia.

        Sobran as razóns. Estamos cargados de argumentos para  seguir a berrar, unha e outra vez:


pola paz, non á guerra.


COORDINADORA GALEGA POLA PAZ


CONCENTRACIÓN NACIONAL

POLA PAZ, NON Á GUERRA

XOVES, DÍA 7, ÁS 20:30 HORAS

PRAZA DO TOURAL

SANTIAGO DE COMPOSTELA

23 mar 2011

Algo máis sobre o artigo de Vicenç Fisas

 O diario EL PAÍS publicaba, o pasado día 22 de Marzo unha tribuna titulada “La izquierda y la intervención militar en Libia” escrita por unha persoa que respecto e admiro, un referente da investigación e da educación para a paz non só en España senón en todo o mundo.
 Reflexionaba Vicenç Fisas sobre a operación militar en Libia e o facía sobre unha premisa que comparto en xeral, con algún matiz, é dicir, aquela que afirma que a esquerda tradicional non gusta das intervencións militares en xeral nin tampouco das actividades militares. Quero interpretar que nesta "esquerda tradicional" inclúe a todo ese conglomerado, máis ou menos plural que no Estado conforma Izquierda Unida, particularmente, o PCE. Quero pensar tamén que desa categoría exclúe a outras esquerdas, chámense nacionalistas, novas esquerdas, ou mesmo ó PSOE. Quizais estas esquerdas sexan para Fisas, non tradicionais, ou si se quere, modernas.
 En calquera caso, si que todas elas, unhas máis que outras, a verdade, viviron e sufriron un nefasto militarismo durante unha interminable “vitoria” que condicionou moitas das súas teimas en relación co exército, os gastos militares, as políticas de defensa, os días das forzas armadas, os desfiles castrenses... en definitiva aquelo que tan ben dicía a canción "La mala reputación" que interpretaban Paco Ibáñez ou Brassens: "la música militar nunca me supo levantar". Por certo que existe unha versión menos tradicional, a de Loquillo y los Trogloditas, máis movida e marchosa... máis moderna, tamén. Eu comparto, quizais son reminiscencias da vella esquerda,  aquelo que dicía Marx, o Groucho: “A xustiza militar é á xustiza o que a música militar é á música”. Con todo, non teño eu tan claro que a sectores desa “esquerda tradicional”, léase PCE, non lles gustaran algunhas intervencións militares, polo menos ata antes da Primavera de Praga…
 Que todos temos contradiccións non cabe ningunha dúbida. Penso que diso só se libran os anxos custodios. Malo do que non as teña. Por iso, na esquerda galeguista, polo menos coa que eu me identifico, que non ten expresión partidaria concreta, si que asumimos que a poboación civil en perigo merece o "dereito de protección" e que ese dereito ten que estar garantido por forzas de intervención rápida, reducidas, entreadas especialmente para actuar en operacións de socorro humanitario, si é necesario, ou de mantemento da paz. Iso si, cunha dependencia orgánica de Nacións Unidas, dunhas Nacións Unidas reformadas en profundidade para facer efectiva a súa máxima constituínte: "para evitar ós nosos fillos o horror da guerra...", cascos azuis con obxectivos claros, mando único, acción limitada e proporcional, estritamente.
 Non parece ser o caso de Libia. Unha intervención que estaba preparada desde hai semanas, que se dilatou para facela máis asumible socialmente, con moitas incertezas sobre os seus obxectivos concretos, mando, límites, da que se autoexcluíron nada menos que Alemaña e Turquía, partes fundamentais da OTAN, na que Francia quere asumir un protagonismo que non lle corresponde, e con moitas reticencias árabes. O dereito a protexer, neste caso, non foi unánime e non penso que tal decisión fose por “escorrer o vulto”.
    Habería que facer mención obviamente a por que en Libia si decidimos impoñer o “dereito de protección” e non o facemos en tantos outros lugares onde a poboación civil é a vítima principal dos seus propios gobernantes. Non é necesario reiteralos dado que Vicenç é un experto. Poderiamos dicir que por algún ditador temos que empezar. Certo, mais Libia debemos recoñecer que ten un atractivo especial que non debemos esquecer. Atractivo que non teñen, por exemplo, o Sahara, Chechenia, o Tibet, Birmania, ou Palestina, por citar algúns lugares que arrastran conflitos onde a poboación civil é a principal vítima, por certo, isto acontece en case que todas as guerras modernas... intervir (ou non) ten máis que ver cunha simple ecuación custe- beneficio. Preténdese sempre unha intervención limpa, rápida, barata... pero normalmente as cousas vanse das mans con facilidade pasmosa, e experiencias temos dabondo.
   A Resolución 1973 pretende impoñer unha zoa de exclusión aérea. Autoriza accións armadas pero non figura na folla de ruta, na explícita polo menos, derrocar a Gadafi ou matalo, como queren algúns. O ideal sería levalo ó Tribunal Penal Internacional ó que, por certo, poderían aproveitar algúns para recoñecer. A Resolución non pode converter a Occidente no brazo militar executor dos sublevados que, sen dúbida, merecen protección. Penso que o coherente sería reclamar un alto o fogo e obrigar a buscar unha solución negociada entre as partes, con bloqueos, medidas diplomáticas, presión política, embargos, etc..
   Fisas enuncia moi ben os riscos da intervención, desta intervención concreta e apunta o seu desexo de que todas as revoltas (árabes ou non) populares sexan apoiadas por medios políticos, sociais, económicos. Como non compartilo. Sen embargo non é así, non foi así nin penso que o será no futuro inmediato. Sinceramente non me creo que Berlusconi, Sarkozy ou Cameron tiveran agora un repentino arrebato de protección da poboación civil libia, dos dereitos humanos ou da democracia, que descubriran, de repente, o malvado que é Gadafi, coas armas que anteriormente nos lle vendemos. Liberamos e protexemos Bengasi mais a continuación outras novas cidades viven o horror dos bombardeos, duns e doutros, e as perspectivas non son nada optimistas.
   Por último, os que criticamos a intervención militar, os que nos opoñemos a unha escalada militar na rexión, vellas e novas esquerdas, cidadanía democrática, educadores e educadoras para a paz, con independencia do resultado da votación no Congreso dos Deputados (práctica unanimidade, á búlgara), vivimos nun momento cargado de pesimismo e de malestar interno, de desafección política (creo que bastante razoable), con contradiccións,  sen dúbida, mais con esperanza nun futuro no que as sociedades civís recuperen o protagonismo, onde a Cultura da Paz substitúa, de verdade, á cultura da violencia, nas relacións entre os estados, na política internacional, e na vida, tal e como Vicenç proclama e practica, cada día.


22 mar 2011

A música militar nunca me supo levantar: en resposta a Vicenç Fisas

   O diario EL PAÍS publica hoxe un artigo dunha persoa que respeto e admiro, un referente da investigación e da educación para a paz non só en España senon en todo o mundo. Reflexiona Vicenç Fisas sobre a operación militar en Libia e o fai sobre unha premisa que comparto, que a esquerda tradicional non gusta das intervencións militares en xeral nin tampouco das actividades militares. Quero interpretar que nesta "esquerda tradicional" inclúe a todo ese conglomerado plural que no Estado conforma Izquierda Unida, particularmente, ó PCE. Quero pensar tamén que desa categoría exclúe a outras esquerdas, chámense nacionalistas, novas esquerdas, ou mesmo a sectores do PSOE. En calquera caso, si que todas elas viviron e sufriron un nefasto militarismo durante unha interminable ditadura que condiciona moitas das súas teimas en relación co exército, os gastos militares, as políticas de defensa, os días das forzas armadas, os desfiles... en definitiva aquelo que dicía a canción "La mala reputación" que interpretaba Paco Ibáñez: "la música militar nunca me supo levantar". Por certo que existe unha versión menos tradicional, a de Loquillo y los Trogloditas, máis movida e marchosa...

   Que todos temos contradiccións non cabe ningunha dúbida. Penso que so se libran os anxos custodios. Malo do que non as teña. Por iso, na esquerda galeguista, polo menos coa que eu me identifico, que non ten expresión partidaria concreta, si que asumimos que a poboación civil en perigo merece o "dereito de protección" e que ese dereito ten que estar garantido por forzas de intervención rápida, reducidas, entrenadas especialmente para actuar en operacións de socorro humanitario, si é necesario, ou de mantemento da paz. Iso sí, cunha dependencia orgánica de Nacións Unidas, dunhas Nacións Unidas reformadas en profundidade para facer efectiva a súa máxima constituinte: "para evitar ós nosos fillos o horror da guerra...", cascos azuis con obxectivos claros, mando único e acción limitada estrictamente. Non parece que sexa o caso de Libia. Unha intervención preparada desde hai semanas, con moitas dúbidas sobre os seus obxectivos, mando, límites, da que se autoexclúe Alemania e Turquía, partes fundamentais da OTAN, e na que Francia quere asumir un protagonismo que non lle corresponde, e con moitas reticencias árabes.

   Habería que facer mención a por qué en Libia si e non en tantos outros lugares onde a poboación civil é a víctima principal dos seus propios gobernantes. Non é necesario reiteralos dado que Vicenç é un experto. Poderiamos dicir que por algún temos que empezar. Certo, mais Libia ten un atractivo especial que non debemos esquecer, como o tiña Iraq ou Afganistán, e non o ten, por exemplo, o Sahara, Chechenia, o Tibet ou Palestina, por citar algúns lugares que arrastran conflitos onde a poboación civil é a principal vítima, por certo, isto acontece en case que todas as guerras modernas... intervir ou non ten máis que ver coa simple ecuación custe- beneficio. Preténdese sempre unha intervención limpa, rápida, barata... pero normalmente as cousas vanse das mans e experiencias xa temos de abondo.

   A Resolución 1973 pretende impoñer unha zoa de exclusión aérea. Non figura na folla de ruta, na explícita polo menos, derrocar a Gadafi. Nin converter a Occidente no brazo militar executor dos rebeldes. Penso que o coherente sería reclamar un alto o fogo e obrigar a buscar unha solución negociada entre as partes, con bloqueos, medidas diplomáticas, presión política, embargos, etc..

   Fisas enuncia moi ben os riscos da intervención, desta intervención concreta e apunta o seu desexo de que todas as revoltas (árabes ou non) populares sexan apoiadas por medios políticos, sociais, económicos. Como non compartilo. Sen embargo non é así, non foi así nin penso que o será no futuro inmediato.

   Por último, os que criticamos a intervención militar, os que nos opoñemos, vellas e novas esquerdas, cidadanía democrática, educadores e educadoras para a paz, vivimos nun momento cargado de pesimismo e de malestar, con contradiccións,  sen dúbida, mais con esperanza nun futuro no que a Cultura da Paz sustitúa, de verdade, á cultura da violencia, nas relacións entre os estados, na política internacional, e na vida, tal e como Vicenç proclama e practica, cada día.

    

CORDURA E SENSATEZ EN ARTEIXO

    Hoxe, pola tarde, reúnese -unha vez máis- o Consello Escolar do Colexio Novo de Arteixo, para responder diante da non aceptación, por parte da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, do castigo imposto a unha cativa, galega e musulmá, por levar o hiyab nas aulas, vulnerando un Regulamento de Réxime Interno que identifica e prohibe portar toda clase de complementos na cabeza (gorras, viseiras, panos, hiyabs...). A anterior decisión do Consello foi propor o cambio de centro. A Consellería o denegou por defectos formais, non abrir o preceptivo Expediente Disciplinario, etc. Ademais, os pais da rapaza non aceptan o traslado.
   Xa comentamos en artigos anteriores que o famoso Regulamento foi aprobado en Decembro, co curso escolar iniciado, polo mesmo, a nena empezou a escolaridade de 6º de Primaria sen prohibición algunha. Aplicar retroactivamente a norma non parece moi axustado a dereito.

   A alcaldesa de Arteixo, a socialista Pilar Souto, con bo criterio, solicita por carta ás persoas que compoñen o Consello Escolar en representación da Comunidade Educativa, que reflexionen sobre as consecuencias dos seus actos, que teñan en consideración que a nena remata este curso a Primaria e que, polo mesmo, no 2011-2012 estará xa no Instituto onde, por agora, non existe unha norma similar de carácter prohibicionista.

   Parece unha proposta sensata. Estamos a pouco máis de 3 meses para que remate o curso escolar. A tramitación con garantías do expediente levaría tempo. O estudio por parte da Consellería tamén. A resolución podería demorarse. En fin. Si o Consello Escolar medita. Si o concellal Márquez
 de Terra Galega, representante do Concello, o fai igualmente., poderiamos estar diante dunha solución provisional, solución ó cabo, aínda que o conflito de fondo, non estea resolto, nin moito menos.

   A cativa o agradecerá, a familia tamén. O Consello Escolar tería fácil xustificalo e a Consellería encantada, canto menos, ata que xurda o próximo
hiyab nun centro educativo con norma similar.

   En calquera caso, compre darlle unha solución definitiva, acorde a dereito, respectuosa
coa lexislación vixente, guste ou non, como a Lei de Liberdade Relixiosa (que non de conciencia) de 1980, Constitución (estado aconfesional que non laico), etc. mais, sobre todo, cunha actitude das autoridades educativas máis integradora, máis intercultural, que non deixe ó criterio de cada colexio a decisión sobre un asunto tan sensible.

   Veremos si é verdade...



21 mar 2011

Non no noso nome, así non...


        Non sei que terá o santoral católico que tanto gusta ós belicistas. Serán as lembranzas das cruzadas. Que sei eu. Probe San Xosé. Cáenlle todas. Hai 8 anos, un día do pai tamén, pola noite, empezaba unha guerra, cirúrxica, dicían, rápida, para rematar cun asasino que acochaba armas de destrución masiva, cruel co seu pobo, especialmente co kurdo. Tratábase de levar, ás terras de Babilonia e de Urk, a paz e a democracia, protexer ó seu pobo...como fose. Van alá oito anos. E os novos cruzados non saben como saír de Iraq.

        Xa sei que agora non é o mesmo. Que si as Nacións Unidas, que si o Consello de Seguridade, que si a Resolución 1973, que si a Liga Árabe… que si o Gadafi…, ¿acaso vas ti defender ó Gadafi? ¿A ese sátrapa? Veña…

        Como tanta xente, lida ou non, móvome nunha contradición. Non somos perfectos. Bush si o era, o pai, o fillo e o espírito santo. Que lle imos facer. Sei que a poboación civil merece protección. Sen dúbida. Pero non só en Libia ¿non?. Tamén en Bahréin, no Iemen, en Marrocos, no Sáhara, en Siria, en Arabia Saudita... e no Tíbet, ¿quen se atreve co Tibet? ou en Birmania, ¿e en Palestina?... ¿non merece a poboación civil palestina protección de tanto animal sionista?

        ¿De onde imos sacar tanto divino casco azul? para protexer ou interpoñer diante dos inocentes torturados, desaparecidos, mortos, nestes e noutros países, diante da absoluta pasividade da comunidade internacional. Por certo, a coalición voluntaria, ¿son cascos azuis?

        E quen pon nome ás operacións?. O tipo lócese. Chumbo fundido, liberdade duradeira, tormenta do deserto, xustiza infinita, odisea ó amencer, vaia títulos de películas cutres, letal crise, nin o Torrente o faría mellor.

        Si non fose tráxico, Gila, faría un chiste. Imos indo cun avión cisterna, catro cazas, unha fragata e un submarino. Chegamos un pouco tarde. Claro, o primeiro ataque foi pola noite. Sen avisar. Gila diría que os nosos cazas só voan de día. Non temos luces...

        Xa sei que Nacións Unidas lexitimou a actuación.  Que a Liga Árabe o pediu. Ninguén o dubida. Sen embargo, unha vez máis, parece que o petróleo está detrás. Lagarto lagarto. Partir Libia pode ser o obxectivo estratéxico final, con ou sen Gadafi.

        Tan difícil é de entender que o ditador de Tunicia foise nunhas semanas. Que o faraón Mubarak tardou 18 días en caer. Por obra e graza da súa sociedade civil. Pola forza da nonviolencia. Quizais sexa máis rendíbel e, desde logo, moito máis eficaz, apoiar ós movementos democráticos en vez de lexitimar ós ditadores. Cansámonos de venderlle armas a Gadafi. Paseámolo coa súa haima, cohorte de virxes incluídas, por medio mundo. Démoslle os parabéns democráticos. As hemerotecas e as fotografías, de hai un ano, dan vergoña allea.

        E como todas as guerras, sabemos como empezan pero descoñecemos como van a rematar. Os mortos os poñerán os de sempre, a poboación civil aterrorizada, as mulleres, os anciáns, os nenos e nenas, aqueles que non poden fuxir, da ditadura, ou da paz e da democracia, a bombazos, intelixentes, como non…

        Que demo terá o San Xosé que tanto gusta ós belicistas para empezar as súas odiseas militares.

        Moi pronto chegarán os horrores do ocaso...

        Non no noso nome, non, así, non.




15 mar 2011

En convivencia escolar... nada novo.

   Estou escoitando pola radio ó presidente Núñez Feijoo. Fala moito da verdade. En materia educativa ningunha novidade, plurilingüísmo, é dicir, retroceso da lingua propia de Galicia, e novas tecnoloxías, proxecto Abalar. Nada novo. En materia de convivencia escolar, máis do mesmo, palabras que acochan unha realidade, sostenella e non enmendalla, decisión de impoñer o seu texto, o seu modelo autoritario, punitivo, pouco educativo, contra todos, contra todo, sen consenso, sen acordo, coa completa oposición da representación lexítima da Comunidade Educativa no Consello Escolar de Galicia, sen escoitar, sen pedir opinión, sen responder ás alegacións presentadas, alomenos ás nosas. Iso si, envolto en celofán, con chamamentos reiterados á participación, á convivencia, á dignificación da profesión, á mellora do clima escolar, á vontade política contra o abuso e o maltrato entre iguais, palabras que, sentímolo, están en total contradición coa realidade prática. Finalmente, que ninguén o dubide, aprobarán o seu proxecto cos seus únicos apoios no Parlamento Galego, por un único voto. A peor maneira de traballar pola convivencia democrática e pola participación educativa.  O lamentamos, porque cremos firmemente que o noso sistema escolar non merece estes procedementos. Así non construímos nin a convivencia nin a participación. Mágoa. Outra oportunidade perdida.

9 mar 2011

10 anos sen mili... moitos máis de obxección de conciencia

   Hoxe, hai dez anos que rematou a mili, por lei. Había moitos máis que, para algúns, deixara de ser unha leva forzada. De feito, o servizo militar obrigatorio, en 2001, era un auténtico fracaso. Había máis obxectores que recrutas. Pero o cambio empezara moito antes... trinta anos antes, nada menos, co nacemento do Movemento de Obxección de Conciencia (MOC).

   Cando a cúpula militar, con Carme Chacón á fronte, celebraba a desaparición da mili, non puiden evitar a lembranza de Pepe Beunza, aquel rapaz, o primeiro, que en 1971 se declara obxector por motivos nonviolentos, para sorpresa de todos, especialmente dos militares. Sen embargo, entre os mozos, desperta de inmediato grandes simpatías. Había un ano que empezara o debate nas Cortes franquistas da primeira Lei de Obxección de Conciencia (LOC). Algún procurador polo terzo familiar demandaba "tratamento psiquiátrico para os obxectores" e non dubidaba en cualificalos como "paranoicos". Un ano despois chega un segundo proxecto de LOC que o propio goberno retira.
  
   Foi en 1973 cando se reformou o Código de Xustiza Militar para incluír penas de 3 a 4 anos de cadea por negarse a facer o servizo militar obrigatorio. Para aquela as condenas eran xa moi numerosas. Os obxectores acadaran moitos apoios, deixaran de ser unha panda de rapaces, para converterse nun movemento social emerxente que acadaría, nuns anos, moita relevancia, tanta que tardamos en darnos conta da súa influencia, de como contribuíu a modificar non só a visión da mili dos nosos pais, senón mesmo a da sociedade española sobre os exércitos, a guerra e a violencia.

   Para 1974, Revolución dos Cravos en Portugal, presión da Unión Militar Democrática, o movemento obreiro en pé, as universidades fervían...,  o fin da ditadura parecía evidente, ponse en marcha o proxecto de "Voluntariado para o desenvolvemento" deseñado polo propio Pepe Beunza e Gonzalo Arias, polo cal, os mozos que fixeran 2 anos de voluntariado quedarían exentos da mili. Asinaron 1200 obxectores. O goberno tan só acusou recibo.

   Entre 1958 e 1976 pasaron polas prisións españolas un total de 258 obxectores con condenas que sumaban 3.218 anos, dos que cumpriron, 1904. Nada menos...

   En 1976, a Lei de Amnistía libera tamén ós obxectores presos aínda que a obxección segue a non ser recoñecida oficialmente. Téntase aprobar un Real Decreto de Obxección, pero só por motivos relixiosos cun servizo cívico alternativo de 3 anos. As detencións continúan, especialmente para o que se denominou como Obxección Sobrevida, é dicir, a reclamada por recrutas xa incorporados á mili.

   En 1977 o MOC se constitúe oficialmente. Celebra o seu I Congreso. Declárase antimilitarista, oponse á Lei  de Obxección e á Prestación Social Substitutoria, asume a estratexia nonviolenta, aparecen os primeiros grupos de acción pacífica.

   En 1980, a UCD tenta un novo proxecto de LOC. O MOC o rexeita e empeza o longo camiño da insubmisión. O antimilitarismo vai calando entre a xuventude. Durante os anos '80 o MOC se fortalece, consolida o seu discurso  e a organización. Tres acordos estatais convértense en grandes obxectivos: Rexeitamento da Lei e da Prestación Social Substitutoria; Declaración colectiva de obxectores no Consello Nacional de Obxección; Servizo Civil autoxestionado.

   Para 1986, o PSOE xa levaba gobernando catro anos, había centros de obxectores nas cadeas e teñen lugar mobilizacións moi masivas pola súa liberdade. Os consellos de guerra por deserción continúan.

   En 1987 o Tribunal Constitucional se pronuncia favorablemente en relación cos recursos presentados, en especial, o do Defensor do Pobo de 1985. Recoñece que a obxección é un dereito fundamental, non constitucional e que a condición de obxector a concede o Consello Nacional de Obxección de Conciencia (CNOC).

   Para 1988 o problema faise insostible. Os obxectores aumentan e a Prestación Social Substitutoria non pode realizarse porque non hai entidades suficientes onde facela. Máis de 20.000 obxectores estaban inscritos.

   En 1989, obxectores insubmisos preséntanse diante dos xuíces militares. 57 son detidos e condenados. 9 van a prisión. Celébranse os dous primeiros Consellos de Guerra a dous obxectores que reclaman a súa condición de civís. E aínda en 1991 condenáronse a 6 insubmisos por negarse a facer a prestación social substitutoria.

   Pasaría aínda outra década para que a mili desaparecera. Entre xuizos, mobilizacións e berros de insubmisión polas rúas e pintadas nas paredes. Esta é a verdadeira historia, a longa historia de sufrimento e dor que hoxe ninguén recordou na celebración no Mº de Defensa.

   Por iso recordei a Pepe Beunza e ó Movemento de Obxección de Conciencia (MOC), tan decisivo na aparición de grupos de Educación para a Paz nos anos '80, en todo o Estado.

   Aquel pequeno movemento de mozos antimilitaristas e nonviolentos, moi minoritario en principio, está na base dos profundos cambios que sobre a guerra, a violencia, a mili e os exércitos, se produciron en España, nestes anos, unha reivindicación que tardou, sen embargo, máis de 30 anos en materializarse.

   Entre os que hoxe brindaban no Mº de Defensa, poucos, moi poucos, recordan a Pepe Beunza e o MOC.

   Porque a mili non desapareceu graciosamente un 9 de Marzo...

7 mar 2011

O hiyab de nunca acabar...

   O asunto do hiyab provoca reaccións encontradas, algunhas viscerais, entre partidarios e detratores. En calquera caso, non deixa a ninguén indiferente. Arredor do veo islámico aparecen moitas máis cousas. Por todas partes. Por iso non resulta fácil abordalo. Ten moitas caras, moitos enfoques, si o afrontamos con rigor. Sen dúbida que todas e todos temos moitos veos que desvear. Eu o primeiro. Os obstáculos diante da vista nubran as miradas aínda que sexan finísimas transparencias. Mais o hiyab non tapa a vista, non oculta a mirada. O seu obxectivo é tapar o cabelo das mulleres, fonte de pecado, perversa tentación, como toda ela, para a maioría das relixións. Xa o dicía a canción italiana que uns grandes almacéns utilizaron para as súas promocións primaverais "il perícolo número uno... la dona". Efectivamente, as relixións, con carácter xeral, non trataron, nin tratan ben ás mulleres. En vésperas do Día da Muller Traballadora, 8 de Marzo, non deberiamos esquecer que o hiyab, nas menores, é unha imposición paterna e relixiosa. Como o é a comuñón e outros sacramentos para os cristiáns.
   En relación co caso da nena de Arteixo, a decisión tomada polo Consello Escolar de propor como sanción (por levar o hiyab nas aulas) o traslado de centro da cativa significa, na práctica, trasladarlle a responsabilidade á Consellería que, ata agora, apoia o que o Colexio decida, unha cousa e a súa contraria, unha aquí e outra acolá, asejún...
   Neste tira e puxa entre o centro e a consellería veremos pronto no que queda. En calquera caso, de xeralizarse o Regulamento do Colexio Novo de Arteixo, ningunha rapaza con hiyab poderá estudar nin en Arteixo nin en calquera outro centro educativo galego. Democraticamente...
   Non parece necesario insistir en que un hiyab non é unha viseira, nin un pearcing, nin unha gorra. Aínda que moitas persoas retrucarán que si o é. A familia, o pai, a comunidade musulmá, a propia nena, o identifican coa súa relixión, como un dereito individual, persoal, privado, que non fai dano ós demais, que non vulnera dereitos dos demais, que non é unha falla de respecto á comunidade educativa, laica ou crente.
   España, o dixemos máis veces, non é un estado laico, aínda que moitos así o demandamos. É certo que os símbolos relixiosos, de carácter público, xa non presiden as aulas, como durante tantos anos. Ninguén está reivindicando o dereito a poñer símbolos no centro escolar. Trátase dun símbolo relixioso de carácter privado, persoal, como unha cruz no pescozo. Está lexitimado pola lei vixente de liberdade relixiosa, coa que nos discrepamos, mais asumimos, mentres non a modifiquemos ou a deroguemos.
   Algunhas persoas consideran que neste asunto, como en tantos outros, existe unha colisión de dereitos. O dereito individual a utilizar un símbolo relixioso, a norma que impide cubrir a cabeza na clase, o dereito á educación e á escolaridade (negado parcialmente polo colexio) e a non discriminación da nena en razón de xénero. Os dereitos citados teñen prelacións, algúns son fundamentais, básicos, na nosa Constitución, no Estatuto, outros vense afectados pola Lei de Liberdade Relixiosa, e mesmo poderiamos apelar a Dereitos Humanos e Dereitos do neno e a nena. A norma escolar, neste caso, sería a de menor rango e podería contravir dereitos fundamentais. A xustiza dirá, aínda que mentras tanto, a nena será a que o sentirá na súa propia pel, a diario.
   Como vemos, moitos perfís, moitos matices, xurídicos, democráticos, sociais, culturais, relixiosos, de xénero...
   Hai quen ve o asunto como un choque de ignorancias, tolerancia e intolerancia fronte a fronte, inclusión versus exclusión, interculturalidade versus multiculturalidade, machismo vs. igualdade, liberdade contra autoritarismo, mouros contra cristiáns, democracia e imposición, homes contra mulleres... e a nena, galega e musulmá, no medio.
   Como educadores, como educadoras, supónsenos capacidade para convencer, para axudar a ver, para guiar. Sabemos que gañamos máis con mel que con fel. A prohibición, a expulsión, é un fracaso da nosa condición de ensinantes. Significa renunciar á nosa capacidade de educar. Aceptar a propia derrota.
   A actitude da Consellería, puro autismo de comenencia, lexitimar a prohibición, alentar a intolerancia, nada que ver co dereito á igualdade, coa liberación da muller, ou coa defensa da nena en contra da discriminación en razón de xénero, puras escusas que acochan unha islamofobia galopante. A mensaxe que mandan está moi clara, nada de hiyabs, nada de símbolos musulmás. Faltaría máis, nesta santa terra, onde imos a parar, logo virán pedindo mesquitas...  
  

1 mar 2011

LAICISMO, FEMINISMO, INTEGRISMO, ISLAMOFOBIA... EN ARTEIXO

   Quero empezar por felicitar ó Consello Escolar do Colexio Novo de Arteixo por adoutar onte, con dúas abstencións, a decisión menos mala das manexadas, aínda que, no fondo, sexa postergar ou dilatar a solución dun conflito.

   Non era fácil. Aplicar o Regulamento aprobado por unanimidade (para iso era en realidade a reunión convocada) e sancionar á cativa do hiyab coa expulsión temporal significaba, é certo, actuar conforme á norma. Tamén era unha volta de torca máis que, esencialmente, castigaba á cativa coa suspensión do seu dereito á educación e á escolaridade.

   Coa presión mediática sofrida e coas declaracións públicas realizadas polo avogado da familia, as persoas que representan á Comunidade Educativa do Colexio Novo de Arteixo, pais e nais, profesorado, alumnado e persoal non docente, xunto coa representación municipal, decidiron devolverlle a pataca quente á Consellería propondo o cambio de centro da cativa como mellor solución. Intelixente e oportuna. Seguindo o exemplo do Conselleiro, Jesús Vázquez, trasladan a responsabilidade da decisión final ás autoridades educativas. Que sexan elas as que acepten ou non trasladar á nena ó Colexio de Ponte dos Brozos que, polo demais, está en fronte, e non impide asistir ás clases con hiyab. Impecable, aínda que signifique cuestionar, de algunha maneira, a súa propia norma, dado que renuncian á sanción contemplada por eles mesmos.

   Esta opción, a que agora propón o Centro, xa foi contemplada. Inicialmente o pai da rapaza parecía asumila. Sen embargo, ó final, non se materializou porque o pai se negou, porque entendía que era renunciar a un dereito, e decidíu recorrer xudicialmente. Tamén o Concello apelou ó TSXG.

   A Consellería o ten agora moi doado. Dado que a familia non acepta a proposta, devolve o asunto ó Consello Escolar para que, na súa autonomía, actúe. E volvemos a empezar. O Colexio está preso da súa propia normativa. Eles serán os responsables das decisións que tomen. Ninguén máis.

   Polo tanto, o conflito, lonxe de resolverse, segue aberto.

   Sen embargo, caberían outras posibilidades. Por exemplo, que a Consellería decidira promover unha iniciativa que unificase actuacións en toda Galicia e impedira criterios diferentes sobre un mesmo asunto, tal e como acontece, por exemplo, en varios lugares onde algunhas nenas musulmás portan o hiyab nas aulas e outras non, sen problemas, en aplicación da Lei de Liberdade Relixiosa vixente. Non parece que os centros escolares sexan o lugar apropiado para tomar decisións neste senso, por moita autonomía que teñan, mentras a Consellería se inhibe.

   Tamén o Colexio Novo de Arteixo podería modificar o seu Regulamento e contemplar a excepcionalidade do hiyab como prenda relixiosa individual e privada que non vulnera dereitos do demáis.

   E o pai, como fan os outros pais de nenas musulmás de Arteixo, deixar de impoñelo seu criterio á cativa, de vixiala e controlala, como tamén parece, con independencia do que declara na prensa, e admitir que o pano nas mulleres, aquí en maior medida, vese como unha imposición patriarcal e machista, como un símbolo de sumisión, amparado por unha interpretación relixiosa do Islam moi masculina e integrista.

   A uns meses das Eleccións Municipais, Arteixo observa como este asunto ten -tamén- connotacións políticas. Non hai máis que escoitar as declaracións do Conselleiro (PP), da Alcaldesa (PSOE), e do representante municipal no Consello Escolar (Terra Galega) para ver que todos queren sacar réditos electorais.

   Varios medios de comunicación teñen abertas enquisas para que os lectores e lectoras voten a favor ou en contra do hiyab nas aulas. Nen que dicir ten que gañan por maioría os partidarios da súa prohibición. E aquí coinciden sectores sociais moi distintos. Laicistas que, á marxe da lexislación vixente, defenden a completa supresión de todo símbolo relixioso, tanto privados como públicos. Feministas que consideran que liberar á nena do sometemento paterno pasa pola prohibición do hiyab. Integristas católicos que ven o Islam como un inimigo a frear. E a onda de islamofobia que tamén chegou a Arteixo e a Galicia ten os seus adeptos...

   Os educadores, as educadoras, temos por misión contribuír ó pleno desenvolvemento da personalidade humana, dar argumentos matizados e rigorosos para que as persoas pensen libremente, dirixan con sentido a súa propia vida, evitar as discriminacións en razón de raza, cor, sexo, lingua, relixión, opinión política...(Art. 2.1, da Declaración Universal dos Dereitos Humanos), impedir as inxerencias arbitrarias na vida privada (Art. 12), a defender o dereito á liberdade de pensamento, de conciencia e de relixión ou de crenza... (art. 18) e a garantir que toda persoa teña o dereito á educación asegurado...para acadar o fortalecemento do respeto ós dereitos humanos e ás liberdades fundamentais, favorecendo a comprensión, a tolerancia e a amizade entre todas as nacións e todos os grupos étnicos e relixiosos... Os pais terán dereito preferente a escoller o xeito de educación que se lles deberá dar ós seus fillos (art.26).

  E a Convención dos Dereitos de Nenos e Nenas, di que serán protexidos contra das práticas que poidan fomentar a discriminación racial, relixiosa ou de calquera outra índole (art. 9) e educados nun espírito de comprensión, tolerancia, amizade entre os pobos, paz e fraternidade universal (art. 10).

   Por último, a Lei de Liberdade Relixiosa (1980), vixente en España, á espera da anunciada en 2010 polo goberno, di que as crenzas relixiosas non constituirán motivo de desigualdade ou discriminación diante da lei (art.1.2). O artigo 2 garante o dereito de toda persoa a profesar as crenzas relixiosas, a praticar actos de culto, e para os menores elexir para sí, dentro e fora do ámbito escolar, a educación relixiosa e moral que esteña de acordo coas súas propias conviccións. O Artigo 3 di expresamente que o exercicio dos dereitos contemplados na Lei de Liberdade Relixiosa terán como único límite "a protección do dereito dos demais ó exercizo das súas liberdades públicas e dereitos fundamentais".

   Continuará...