Hoxe, hai dez anos que rematou a mili, por lei. Había moitos máis que, para algúns, deixara de ser unha leva forzada. De feito, o servizo militar obrigatorio, en 2001, era un auténtico fracaso. Había máis obxectores que recrutas. Pero o cambio empezara moito antes... trinta anos antes, nada menos, co nacemento do Movemento de Obxección de Conciencia (MOC).
Cando a cúpula militar, con Carme Chacón á fronte, celebraba a desaparición da mili, non puiden evitar a lembranza de Pepe Beunza, aquel rapaz, o primeiro, que en 1971 se declara obxector por motivos nonviolentos, para sorpresa de todos, especialmente dos militares. Sen embargo, entre os mozos, desperta de inmediato grandes simpatías. Había un ano que empezara o debate nas Cortes franquistas da primeira Lei de Obxección de Conciencia (LOC). Algún procurador polo terzo familiar demandaba "tratamento psiquiátrico para os obxectores" e non dubidaba en cualificalos como "paranoicos". Un ano despois chega un segundo proxecto de LOC que o propio goberno retira.
Foi en 1973 cando se reformou o Código de Xustiza Militar para incluír penas de 3 a 4 anos de cadea por negarse a facer o servizo militar obrigatorio. Para aquela as condenas eran xa moi numerosas. Os obxectores acadaran moitos apoios, deixaran de ser unha panda de rapaces, para converterse nun movemento social emerxente que acadaría, nuns anos, moita relevancia, tanta que tardamos en darnos conta da súa influencia, de como contribuíu a modificar non só a visión da mili dos nosos pais, senón mesmo a da sociedade española sobre os exércitos, a guerra e a violencia.
Para 1974, Revolución dos Cravos en Portugal, presión da Unión Militar Democrática, o movemento obreiro en pé, as universidades fervían..., o fin da ditadura parecía evidente, ponse en marcha o proxecto de "Voluntariado para o desenvolvemento" deseñado polo propio Pepe Beunza e Gonzalo Arias, polo cal, os mozos que fixeran 2 anos de voluntariado quedarían exentos da mili. Asinaron 1200 obxectores. O goberno tan só acusou recibo.
Entre 1958 e 1976 pasaron polas prisións españolas un total de 258 obxectores con condenas que sumaban 3.218 anos, dos que cumpriron, 1904. Nada menos...
En 1976, a Lei de Amnistía libera tamén ós obxectores presos aínda que a obxección segue a non ser recoñecida oficialmente. Téntase aprobar un Real Decreto de Obxección, pero só por motivos relixiosos cun servizo cívico alternativo de 3 anos. As detencións continúan, especialmente para o que se denominou como Obxección Sobrevida, é dicir, a reclamada por recrutas xa incorporados á mili.
En 1977 o MOC se constitúe oficialmente. Celebra o seu I Congreso. Declárase antimilitarista, oponse á Lei de Obxección e á Prestación Social Substitutoria, asume a estratexia nonviolenta, aparecen os primeiros grupos de acción pacífica.
En 1980, a UCD tenta un novo proxecto de LOC. O MOC o rexeita e empeza o longo camiño da insubmisión. O antimilitarismo vai calando entre a xuventude. Durante os anos '80 o MOC se fortalece, consolida o seu discurso e a organización. Tres acordos estatais convértense en grandes obxectivos: Rexeitamento da Lei e da Prestación Social Substitutoria; Declaración colectiva de obxectores no Consello Nacional de Obxección; Servizo Civil autoxestionado.
Para 1986, o PSOE xa levaba gobernando catro anos, había centros de obxectores nas cadeas e teñen lugar mobilizacións moi masivas pola súa liberdade. Os consellos de guerra por deserción continúan.
En 1987 o Tribunal Constitucional se pronuncia favorablemente en relación cos recursos presentados, en especial, o do Defensor do Pobo de 1985. Recoñece que a obxección é un dereito fundamental, non constitucional e que a condición de obxector a concede o Consello Nacional de Obxección de Conciencia (CNOC).
Para 1988 o problema faise insostible. Os obxectores aumentan e a Prestación Social Substitutoria non pode realizarse porque non hai entidades suficientes onde facela. Máis de 20.000 obxectores estaban inscritos.
En 1989, obxectores insubmisos preséntanse diante dos xuíces militares. 57 son detidos e condenados. 9 van a prisión. Celébranse os dous primeiros Consellos de Guerra a dous obxectores que reclaman a súa condición de civís. E aínda en 1991 condenáronse a 6 insubmisos por negarse a facer a prestación social substitutoria.
Pasaría aínda outra década para que a mili desaparecera. Entre xuizos, mobilizacións e berros de insubmisión polas rúas e pintadas nas paredes. Esta é a verdadeira historia, a longa historia de sufrimento e dor que hoxe ninguén recordou na celebración no Mº de Defensa.
Por iso recordei a Pepe Beunza e ó Movemento de Obxección de Conciencia (MOC), tan decisivo na aparición de grupos de Educación para a Paz nos anos '80, en todo o Estado.
Aquel pequeno movemento de mozos antimilitaristas e nonviolentos, moi minoritario en principio, está na base dos profundos cambios que sobre a guerra, a violencia, a mili e os exércitos, se produciron en España, nestes anos, unha reivindicación que tardou, sen embargo, máis de 30 anos en materializarse.
Entre os que hoxe brindaban no Mº de Defensa, poucos, moi poucos, recordan a Pepe Beunza e o MOC.
Porque a mili non desapareceu graciosamente un 9 de Marzo...
No hay comentarios:
Publicar un comentario