Benvidas, benvidos, amigas e amigos

A paz é o camiño, e facemos camiño ó andar. A paz é un descubrimento, non unha conquista, dicía, Raimon Panikkar. A guerra e a violencia non son fatalidades biolóxicas. Aprendemos a ser violentos. Por iso temos que "desaprender" para ser pacíficos, que non submisos, nin súbditos, nin mansos. Federico Mayor Zaragoza di que a aprendizaxe da democracia é a pedagoxía da paz. E María Zambrano afirmaba que a paz é moito máis que unha toma de postura, é unha auténtica revolución, un modo de vivir, un modo de habitar o planeta, un modo de ser persoa.
A paz como cultura...

22 mar. 2011

A música militar nunca me supo levantar: en resposta a Vicenç Fisas

   O diario EL PAÍS publica hoxe un artigo dunha persoa que respeto e admiro, un referente da investigación e da educación para a paz non só en España senon en todo o mundo. Reflexiona Vicenç Fisas sobre a operación militar en Libia e o fai sobre unha premisa que comparto, que a esquerda tradicional non gusta das intervencións militares en xeral nin tampouco das actividades militares. Quero interpretar que nesta "esquerda tradicional" inclúe a todo ese conglomerado plural que no Estado conforma Izquierda Unida, particularmente, ó PCE. Quero pensar tamén que desa categoría exclúe a outras esquerdas, chámense nacionalistas, novas esquerdas, ou mesmo a sectores do PSOE. En calquera caso, si que todas elas viviron e sufriron un nefasto militarismo durante unha interminable ditadura que condiciona moitas das súas teimas en relación co exército, os gastos militares, as políticas de defensa, os días das forzas armadas, os desfiles... en definitiva aquelo que dicía a canción "La mala reputación" que interpretaba Paco Ibáñez: "la música militar nunca me supo levantar". Por certo que existe unha versión menos tradicional, a de Loquillo y los Trogloditas, máis movida e marchosa...

   Que todos temos contradiccións non cabe ningunha dúbida. Penso que so se libran os anxos custodios. Malo do que non as teña. Por iso, na esquerda galeguista, polo menos coa que eu me identifico, que non ten expresión partidaria concreta, si que asumimos que a poboación civil en perigo merece o "dereito de protección" e que ese dereito ten que estar garantido por forzas de intervención rápida, reducidas, entrenadas especialmente para actuar en operacións de socorro humanitario, si é necesario, ou de mantemento da paz. Iso sí, cunha dependencia orgánica de Nacións Unidas, dunhas Nacións Unidas reformadas en profundidade para facer efectiva a súa máxima constituinte: "para evitar ós nosos fillos o horror da guerra...", cascos azuis con obxectivos claros, mando único e acción limitada estrictamente. Non parece que sexa o caso de Libia. Unha intervención preparada desde hai semanas, con moitas dúbidas sobre os seus obxectivos, mando, límites, da que se autoexclúe Alemania e Turquía, partes fundamentais da OTAN, e na que Francia quere asumir un protagonismo que non lle corresponde, e con moitas reticencias árabes.

   Habería que facer mención a por qué en Libia si e non en tantos outros lugares onde a poboación civil é a víctima principal dos seus propios gobernantes. Non é necesario reiteralos dado que Vicenç é un experto. Poderiamos dicir que por algún temos que empezar. Certo, mais Libia ten un atractivo especial que non debemos esquecer, como o tiña Iraq ou Afganistán, e non o ten, por exemplo, o Sahara, Chechenia, o Tibet ou Palestina, por citar algúns lugares que arrastran conflitos onde a poboación civil é a principal vítima, por certo, isto acontece en case que todas as guerras modernas... intervir ou non ten máis que ver coa simple ecuación custe- beneficio. Preténdese sempre unha intervención limpa, rápida, barata... pero normalmente as cousas vanse das mans e experiencias xa temos de abondo.

   A Resolución 1973 pretende impoñer unha zoa de exclusión aérea. Non figura na folla de ruta, na explícita polo menos, derrocar a Gadafi. Nin converter a Occidente no brazo militar executor dos rebeldes. Penso que o coherente sería reclamar un alto o fogo e obrigar a buscar unha solución negociada entre as partes, con bloqueos, medidas diplomáticas, presión política, embargos, etc..

   Fisas enuncia moi ben os riscos da intervención, desta intervención concreta e apunta o seu desexo de que todas as revoltas (árabes ou non) populares sexan apoiadas por medios políticos, sociais, económicos. Como non compartilo. Sen embargo non é así, non foi así nin penso que o será no futuro inmediato.

   Por último, os que criticamos a intervención militar, os que nos opoñemos, vellas e novas esquerdas, cidadanía democrática, educadores e educadoras para a paz, vivimos nun momento cargado de pesimismo e de malestar, con contradiccións,  sen dúbida, mais con esperanza nun futuro no que a Cultura da Paz sustitúa, de verdade, á cultura da violencia, nas relacións entre os estados, na política internacional, e na vida, tal e como Vicenç proclama e practica, cada día.

    

1 comentario:

  1. Para Manuel Dios (non dou publicado isto no teu blog). Como antigo obxector e pacifista convencido, leo con moita atención as túas reflexións, igual que as de Vicenç Fisas, coas que coincido habitualmente. Pero neste caso non é posible coincidir cos dous. Por tanto, hai que tomar partido: entendo que o aparentemente “coherente” para os nosos valores e principios e para as nosas conciencias, é o que ti propós: reclamar un alto o fogo, obrigar a negociar cos rebeldes, bloqueos, diplomacia... Pero isto, por desgraza, neste momento e neste conflicto, era igual de coherente que de inútil: a estas horas, sen intervención, Bengasi teríase convertido nunha nova Srebenica. E isto si sería algo que as nosas conciencias non poderían aceptar.

    Esta análise é a que nos leva a moitos educadores pola paz, a unha gran parte do movemento pacifista e a toda a esquerda de matriz non comunista a apoiar a opción “menos mala”, porque “a mellor” non era posible. Para min é reveladora a posición de Inicitativa per Catalunya, onde recala a maior parte do movemento ecopacifista catalán, discrepando de Izquierda Unida e votando, crítica e vixiantemente, claro, a favor da intervención. É unha posición dificilísima, chea de riscos, de cuestionamentos éticos, pero entendo que madura e coherente, e na que se demostra que aprenderon algunhas das leccións da historia recente. Creo ademais que esta posición nos carga de autoridade moral para reclamar que as cousas vaian, neste conflicto e nos vindeiros, por onde desexamos. O contrario, o “coherente”, era, neste situación, un brinde ao sol.
    Paulo Rendo

    ResponderEliminar