Benvidas, benvidos, amigas e amigos

A paz é o camiño, e facemos camiño ó andar. A paz é un descubrimento, non unha conquista, dicía, Raimon Panikkar. A guerra e a violencia non son fatalidades biolóxicas. Aprendemos a ser violentos. Por iso temos que "desaprender" para ser pacíficos, que non submisos, nin súbditos, nin mansos. Federico Mayor Zaragoza di que a aprendizaxe da democracia é a pedagoxía da paz. E María Zambrano afirmaba que a paz é moito máis que unha toma de postura, é unha auténtica revolución, un modo de vivir, un modo de habitar o planeta, un modo de ser persoa.
A paz como cultura...

30 nov 2011

A vixencia da Declaración Universal dos Dereitos Humanos


   


   O teño comentado moitas veces, a Declaración Universal dos Dereitos Humanos segue a ser unha completa descoñecida para a maioría da poboación mundial, tamén en Galicia. Estamos a piques de celebrar o seu 63 Aniversario, un texto aprobado por unhas Nacións Unidas recen constituídas, un 10 de Decembro de 1948, cando aínda fumeaban os campos de batalla e de exterminio da segunda guerra mundial.

   Trátase dun documento magnífico, extraordinario, probablemente o máis relevante do século XX, redactado por grandes personalidades, cheas de lucidez e coa firme determinación de evitar ós nosos fillos o horror da guerra. 

   Era a primeira vez na historia no que un texto resolutivo tiña valor universal, e afectaba nada menos que ós dereitos e ás liberdades fundamentais dos seres humanos, cando o horror do nazismo estaba aínda tan presente nas retinas.

   Os desexos de paz eran tan fortes que, mesmo contra todo prognóstico, ideoloxías contrapostas, sistemas políticos diferentes, tradicións culturais e relixiosas distintas foron quen de poñerse de acordo nunha declaración común de obxectivos e de aspiracións para todos e cada un dos seres humanos.

   Cando se creou, en 1946, a Comisión de Dereitos Humanos das Nacións Unidas, había só 18 estados membros. O Comité de Redacción o conformaron 8 grandes personalidades de Australia, Chile, EE.UU, Francia, Líbano, Gran Bretaña e Irlanda do Norte e a URSS. Foi a secretaría, baixo a coordinación de John Humphey, quen redactou o esquema xeral, inicialmente 400 páxinas que serviron de documento de traballo durante dous longos anos. E foi Eleanor Roosevelt quen presidiu a Comisión de Dereitos Humanos e a responsable de presentala finalmente no Plenario, cos seus 30 artigos e un espléndido Preámbulo que compre reler de cando en vez.

   A aprobación definitiva contou coa votación favorable de 58 Estados da Asemblea Xeral. Foi no Palacio de Chaillot, en París. Houbo 48 votos a favor, ningún en contra, e 8 abstencións (Unión Soviética e aliados do Leste, Arabia Saudita e Sudáfrica). Dous estados presentes ausentáronse no momento da votación. A Guerra Fría estaba xa no ambiente. O Estado Español non estaba, por razóns obvias.

   Entre os seus redactores estaban, ademais de Eleanor Roosevelt, René Samuel Cassin por Francia, Charles Malik polo Líbano, Peng Chun Chang por China, Hernán Santa Cruz, por Chile, Alexandre Bogomolov e Alexei Pavlov por la URSS, Lord Dukeston e Geoffrey Wilson por Gran Bretaña, William Hodgson por Australia e John Peters Humphrey por Canadá, daquela, o director da división de dereitos humanos da ONU.
   
   A Asemblea Xeral proclamou a declaración como “o ideal común polo que todos os pobos e nacións teñen que esforzarse a fin de que tanto os individuos como as sociedades promovan mediante medidas progresivas de carácter nacional e internacional o seu recoñecemento e aplicación universais e efectivos”.

   O texto de 1948 ten inspirado unha profunda e abundante lexislación posterior, numerosos instrumentos que constitúen o ideal internacional dos dereitos humanos, desde o Pacto Internacional de Dereitos Económicos, Sociais e Culturais ó Pacto Internacional de Dereitos Civís e Políticos. Todos eles conforman a Carta Internacional de Dereitos.

   Sen embargo, a paz aínda non é un dereito humano, contra o que moita xente pensa, mesmo no ámbito académico. Non o é, a pesares de que personalidades como a citada Eleanor Rossevelt o pretenderon ata o final. Non foi posible. Os Estados, os mesmos que agora o impiden, estaban radicalmente en contra. Incluír o dereito humano á paz significaría que, calquera que o violentara, podería ser perseguido e condenado polos tribunais internacionais, cedo ou tarde, acontecería.

   Hoxe, o movemento pacifista e moitas organizacións e movementos sociais seguimos a reivindicar o dereito humano á paz. Con ocasión do Foro 2010, en Santiago de Compostela, aprobamos un texto do que podería ser unha Declaración sobre o Dereito Humano á Paz, apoiado por numerosas personalidades vinculadas ó dereito internacional e á diplomacia, que segue o seu percorrido xunto coa demanda dunha profunda remodelación das Nacións Unidas. 

   O vindeiro 10 de Decembro, Sábado, en Area Central, a partir das 13:00 horas, faremos un Acto Reivindicativo, tamén de conmemoración, da Declaración Universal de 1948. haberá música, unha exposición, repartiremos exemplares do texto en galego e faremos unha lectura pública dos seus magníficos 30 artigos, para lembrala, para resaltar que segue vixente, aínda que a súa historia sexa tamén a da súa vulneración.

29 nov 2011

Grazas, moitas grazas...


   



   O Boletín Oficial do Estado (BOE), de onte, luns, día 28 de Novembro, publica o nomeamento de novos vogais do Observatorio Estatal da Convivencia Escolar para os vindeiros catro anos. Alí estou. Moi honrado pola escolla dun Ministro que admiro e recoñezo, antes e despois de chegar a Alcalá 34, D. Angel Gabilondo. E máis aínda por colocarme entre persoas dunha valía extraordinaria, algúns e algunhas das máximas especialistas na materia, no Estado e internacionalmente: María José Díaz-Aguado Jalón, Elena Martín Ortega, Pedro Núñez Morgades, Rosario Ortega Ruiz, Juan Carlos Torrego Seijo ou Nélida Zaitegui de Miguel. Unha enorme responsabilidade que asumo en representación do Seminario Galego de Educación para a Paz e da Fundación Cultura de Paz, un desafío que espero cumprir con esforzo e dedicación, con traballo, con ilusión e con optimismo, aínda que os tempos non son os mellores para a educación.

  Tempos nada fáciles, sen dúbida, nin para a comunidade educativa nin para o conxunto da sociedade. Tempos escuros, quizais de retrocesos manifestos. Quixera estar errado. Nos colexios e nos institutos vívense con frustración. E o clima escolar, sabémolo ben, mellórase co aire que chega de fora e co que respiramos dentro. E hoxe, o que ben de fora síntese xélido, nórdico, mellor xermánico, con sabor a mercados e a mercaderes, a tixeiras e recortes. E o que respiramos dentro, está entre o medo e a resignación, medra o silencio.

   O Observatorio Estatal, como o seu nome indica, está para mirar, para observar, para ver. Pero non só para iso. Tamén ten que diagnosticar. Si. E actuar. Investigar. Dinamizar. Apoiar. Respaldar as boas practicas. Animar. Corrixir erros. Avaliar. Sensibilizar, compartir, cooperar... en tempos de crise, sempre, cando as cousas veñen mal dadas, cando cada quen pretende que a el non lle toque, a miña aula é o meu castelo, cando moitos se poñen á defensiva. Nestes tempos de dificultade precisamos máis afectos, máis emocións, máis sentimentos, a urdime afectiva que dicía Rof Carballo, para mellor compartir, partir con, vivencias, experiencias, saberes, valores... xuntos, iso é convivir, está moi por riba da simple coexistencia.

   E temos experiencias magníficas nos centros escolares, esas que construímos día a día, caladamente, sen dar sentencia. Son, polo mesmo, inexistentes para o conxunto da sociedade. Aquí, en Galicia, e no conxunto do Estado, os profesores e profesoras, pais e nais, alumnos e alumnas, están a poñer o mellor que teñen na mellora da convivencia escolar, con equipos, con mediación, con aulas específicas, con programas formativos, con documentais, con xogos cooperativos, con cariño, todos os días, sen reparar nos horarios, sen compensación algunha, agás a do deber cumprido, xunto coa enorme satisfacción de ver mellorar o clima escolar, dentro e fora das aulas, con tanto esforzo, esa que da a alegría de ver saír a un neno, a unha nena, adiante, contra todo prognóstico, vencendo o pesimismo e a acomodación.

   Con esa ilusión vou ó Observatorio, a aprender, a trasladar esas experiencias, a contribuír, na medida das miñas (nosas) posibilidades a facer das escolas e dos institutos espazos privilexiados para convivir, para compartir, para cooperar, aínda que sexa en tempos escuros... porque, con Victoria Camps, temos que crer na educación, a materia pendente...


27 nov 2011

De bichas e bichos, da vida mesma...

   


   Sempre pensei que as persoas que non están a gusto consigo mesmas son moi perigosas. Isto non é simplemente un pensamento. Ten moito que ver coa propia vida, coa experiencia de cada día, cos homes e coas mulleres coas que topas polo camiño, arrieiros somos. Certo que a gran maioría son boas, Que o positivo gaña, con enorme diferencia ó negativo. Que o ben trunfa sobre o mal. Pero hai cada bicho...

   Ó longo dos anos, cando un fai retrospectiva, non con afán nostálxico nin sentimental, repaso, reconto, atopa grandes afectos, persoas que inflúen decisivamente nun, xenerosas, aquelas que conseguen conmover, deixar pegada, marcar, o que os naturalistas chaman, a impronta, ese toque, esa característica, ese fondo que queda gravado para sempre no disco duro. Non se esquece.

   Sen embargo, os bichos fan dano, moito dano. Todo o que gardan dentro. Un dano ás veces irreparable. Sen saber como, un bicho pode cruzarse no teu camiño e... cruzarte. Con ou sen motivos, con ou sen causas. Da o mesmo. Basta con que eles a teñan.

   Destruír sempre resulta máis fácil que construír. Hai quen goza derrubando o creado con tanto esforzo. Ese cativo, aprendiz de matón, que ri destrozando os flans de area na praia, aquel que sinte unha profunda satisfacción desfacendo, demolendo, deconstruíndo, porque si, con causa ou sen ela, porque vai na súa natureza, como aquel escorpión da fábula, porque non sabe, en realidade non aprendeu a facer outra cousa, esa é a súa condición, está marcado a lume no seu código xenético, facer mal, e canto máis mellor.

   Probes das súas vítimas. Imposible falar. Cando dous non queren non hai arranxo posible. Mais chega un para facer o mal, moito mal. E si son varios, moito máis mal, multiplicado, xeométrico, como o maligno..

   As envexas, os ciúmes, os resentimentos, a vinganza..., o memorial de agravios, faise eterno, sobran os motivos, diría Sabina.

   Ás veces o mal ven de fronte, vese, permite protexerse, poñer a coraza, resistir, buscar asideiros. Outras, as peores, a maldade ven paseniñamente, con sixilo, fría, con nocturnidade, de lonxe, estudada, calculada, ben planificada, en ondas, con tempo, non resulta o froito dun calentón, non, está pensada, con moita antelación, e busca o mellor momento para servirse, en fonte e prato axeitados, apetitosa, sensual, para desconcertar e facer o máximo dano.

   A acumulación de rabia, a baixa estima, o sentirse sempre maltratado polo mundo, minusvalorado, as carencias afectivas, o pouco recoñecemento, a insatisfacción profunda, as expectativas frustradas, explican comportamentos e condutas manipuladoras, negativas, derrubadoras do éxito alleo, a quen culpabilizan da súa dor.

   Constrúen a súa telarana de mentiras, insidias e infamias..., para crear da nada un inimigo, o alimentan día e noite, o regan con lágrimas e paixón sen límites, ¡vaia traballo! e esperan, agardan acochadas para cravar o aguillón pezoñoso, sen escrúpulos, sen valorar o dano causado, coa satisfacción do deber cumprido: ¡o merecía!.

   Sei que escribo entre liñas, sei que haberá persoas de ben que non entendan nada. Mais tamén estou certo de que moitas outras saben perfectamente do que estou a falar. De bichas, de bichos, da vida mesma.

21 nov 2011

Pasaron as Eleccións e chegou a resaca...

   Xa pasaron as Eleccións. Agora toca a resaca. E contra deste forte malestar non funcionan os efervescentes nin sequera os remedios caseiros. Algúns, como anunciamos, votamos, iso si, co nariz tapado, como vimos facendo hai anos. Non porque sexamos demasiado esixentes. Deixamos de selo co paso dos anos. Tampouco por hipercriticismo esquerdoso. Creo que mais por pragmatismo. 

   Sen embargo, as cousas non pintan nada ben en Galicia, para a esquerda e o galeguismo, claro. Para as dereitas unidas todo ven de cara, co vento a favor. Fagan o que fagan. O seu voto, por agora, está ben pastoreado. Ninguén se escapa. A militancia conservadora, moza, mediana e vella, funciona como un reloxio suízo. Na practica totalidade dos máis de 300 concellos, o PP gaña folgadamente, e en moitos deles, por riba do 50% dos sufraxios. O PSOE perde votos e deputados. O BNG é a única forza da esquerda e do nacionalismo que non rendibiliza a caída dos socialistas, mesmo perde algo máis de 30.000 votos.

   No Estado, o previsto, con algunha novidade relevante. O PSOE baixa ó seu peor resultado. O PP aumenta votos aínda que non en exceso. Sobre 400.000. IU e UPyD multiplican os seus votos. Equo non entra por Madrid aínda que o fai da man de Compromís en Valencia. 

   Nas outras nacionalidades históricas, é dicir, en Euskadi e en Cataluña, sorte para eles, as cousas teñen outras dinámicas. E Galicia perde o seu cordón umbilical con elas, unha vez máis. Para a nosa desgraza.  En Cataluña, a pesares das medidas restritivas e os recortes drásticos de Converxencia e Unió, medran significativamente e convértense na primeira forza. En Euskadi, a paz ten premio e Amaiur emerxe con moita forza. O próximo lendakari podería chamarse Iñigo Urkullu ou mesmo Arnaldo Otegui. ¿Quen o ía a dicir?.

   No Congreso haberá máis pluralidade. Galicia, pola man do BNG, conserva os seus dous deputados, Francisco Jorquera e Olaia Fernández. Menos mal. Pero non avanzamos nada, nin sequera nesta situación tan favorable pola caída estrepitosa do PSOE. Perdemos apoio electoral.

   Galicia, como o conxunto do Estado, vestiuse de azul, con algunhas poucas excepcións a modo de redutos ou aldeas galas sobre as que planean as gaivotas azuis. Resistir parece o máis oportuno. Mais con iso non basta.

   Calquera proposta positiva, en Galicia, ten que partir do recoñecemento de que na esquerda e no galeguismo somos moi poucos. Non estamos nin para desprezar o existente, PSOE e BNG, nin para esquecernos das prazas, dos nulos, dos brancos, dos mudos, do avance de EU, das organizacións sindicais. Calquera opción para derrotar ó PP nas autonómicas pasa por sumar, construír, aglutinar, sobre mínimos, o BenComún.

   Algunha opción, o BNG, a única forza propia, sen dependencias, sen franquicias, creo que está esgotada, xeracional e politicamente. Mesmo pode estar bloqueando calquera saída positiva. Fora do BNG fai moito frío, quen o dubida. Pero a solución, quizais, teñamos que buscala externamente. Nas rúas, nas prazas, nas forzas emerxentes, nas mobilizacións e nos movementos sociais, porque non chega coa actividade institucional, necesaria e relevante. A unidade ten que fraguarse na contestación social contra das políticas de recortes. Nin nos despachos nin nas institucións. Ou nos atopamos nas rúas e nas prazas ou non teremos solucións favorables á maioría. Galicia seguirá a ser conservadora por moitos anos.

   Temos pouco tempo e moito traballo por facer. Desentenderse, resignarse, pasar, so favorece a inmobilidade política. Está ben reflexionar, analizar, facer autocrítica, pero como dicía o bo de D. Carlos Marx, un paso de movemento real vale máis que unha ducia de programas...





19 nov 2011

Carta aberta ó futuro Presidente do Goberno




Sr. Presidente,

Somos conscentes de que asumirá o encargo de presidir o Goberno nun contexto de grandes dificultades económicas, de distanciamento entre a cidadanía e a política e no que terá que dar respostas convincentes diante dous múltiples retos actuais.

A cidadanía vive perplexa diante da sensación de que os gobernos do mundo democrático terminan por someterse a unhas esixencias que non emanan do sentir popular senón duns intereses económicos globais. Esixencias que, no medio da opacidade e a desregulamentación, rematan por beneficiar a uns poucos. Así, parece difícil evitar que a xente pense que paga os pratos rotos dunha festa na que non decidiron nin o menú nin os convidados.

Unha globalización económica sen regulamentación conduciunos a unha democracia acosada polos mercados e de precaria credibilidade. A comunidade internacional, máis aló de reaccionar con medidas urxentes diante do que acontece, debe acometer unha revisión a fondo dos acordos, mecanismos e estruturas nos que se fundamenta o actual sistema económico.

Se, como parece, óptase por reducir o gasto público e os investimentos, non podemos asistir impasibles ao recorte das prestacións sociais, sanitarias e educativas, -todas elas sempre fundamentais pero aínda máis nun contexto de crise que comporta máis precariedade para unha boa parte da poboación- ou ao investimento en ciencia e innovación. Resulta esencial xerar outro sistema económico que poida ser máis xusto, sustentable, produtivo e sólido.

Non asistiremos impasibles á redución de investimentos e gastos cruciais para o benestar e a protección da calidade de vida mentres se continúa mantendo un descomunal gasto militar.

Sabemos que non é un caso específico de España. Os principais países do mundo, encabezados polos Estados Unidos, manteñen unha inmensa maquinaria bélica. Se temos en conta as graves carencias que afectan á maioría dos habitantes do planeta, o desenvolvemento deste desmesurado arsenal constitúe un auténtico insulto. Lamentablemente, este modelo proxéctase con forza e os países emerxentes esfórzanse en copiar os mesmos modelos. Por iso, o incremento do gasto militar, a produción de novos sistemas armamentísticos ou a adquisición de novas armas no mercado internacional son pautas habituais de moitos países. Hai que lembrar que, tal como apuntaba o recente Informe do SIPRI, o gasto militar mundial, a pesar dos 4 anos de crise económica, subiu en todo o mundo un ano máis, até acadar a escandalosa cifra de 1,6 billóns de dólares.

Mentres, os Obxectivos do Milenio -que nos lembran as apremiantes necesidades que deberiamos atender se queremos reducir as ameazas que a fame, a falla de saúde ou de educación supoñen para a poboación mundial- seguen incumpríndose ano tras ano.

Trátase dunha política errónea propiciada polos grandes produtores de armamento, que confunde seguridade con militarismo. ¿Como se pode aprobar que para facer fronte a supostas ameazas militares se invísta tanto diñeiro e, para evitar riscos reais que arrebatan a vida de millóns de persoas, aceptemos impasibles que non existen medios?

No caso español, comprobamos amargamente algunhas decisións de sucesivos gobernos, que sempre consideramos erróneas pero que agora, ademais, están a impactar gravemente sobre a economía. Decidiuse participar en grandes proxectos armamentísticos (avión de combate europeo Eurofighter, carros de combate Leopard, etc.), sen valorar se eran realmente necesarios e se correspondían cunha visión global e moderna da seguridade. En calquera caso, con independencia da súa conveniencia, constituíron un desastre financeiro.

Dedicar máis de 16.000 millóns de euros para 2011 ao gasto militar tendo en conta todas as partidas, non só o que xestiona o Ministerio de Defensa- parécenos un despropósito. As posibles misións internacionais, argumento habitual para xustificar unha alta dotación en armas aos exércitos, non precisan dese enorme gasto e, en concreto, da  adquisición ou fabricación de armas, impostas pola pertenza á OTAN -é incrible que a UE non sexa aínda autónoma en materia de seguridade- e que, en boa medida, son propias de conflitos pretéritos.

Cando hai 14 meses publicamos nestas mesmas páxinas o artigo "Crise, gasto militar e desarmamento" (O País, 2 de agosto de 2010) queriamos alertar sobre a grave crise económica e a necesidade de establecer unhas  prioridades adecuadas á hora de propor recortes do gasto público. Durante estes meses vimos como a crise económica agudizábase sen que as medidas de austeridade alcanzasen ao gasto militar.

Pero á vez fomos testemuñas de dous fenómenos de gran transcendencia.

Por unha banda, miles e miles de mulleres e homes do mundo árabe dixeron ¡Basta!. Berraron ao mundo que tamén queren vivir con dignidade, aspirar á xustiza e gozar da liberdade. Fixeron cambalear, e caer nalgúns casos, a ditadores que lamentablemente, contaban co apoio interesado de boa parte das democracias occidentais. Coas modernas tecnoloxías da información e a comunicación, que permiten a libre expresión e a participación non presencial, os cidadáns xa non só serán contados nas eleccións. Deberán contar tamén despois. Poden influír e decidir. E deben facelo.

Doutra banda, en España irrompía con forza o movemento do 15 M, internacionalizado meses despois coa mobilización do 15 0. Unhas mobilizacións xurdidas da desconformidade e indignación de moitas persoas diante da degradación da calidade de vida, a perda de capacidade democrática de dirixir a economía e o afastamento da política das súas auténticas responsabilidades.

Por canto antecede parécenos que protexer o gasto social e dirixir os posibles recortes cara ao gasto militar é unha medida que fortalece a democracia, mellora o benestar e envía á cidadanía unha mensaxe positiva, ao priorizar a axenda social nun contexto de crise aguda.

Sr. Presidente: agradecerémoslle que teña en conta estas reflexións e suxestións.

 Asinan este artigo:

Federico Mayor Zaragoza, presidente da Fundación Cultura de Paz.
Santiago Álvarez Cantalapiedra, director CIP-Ecosocial
Jordi Armadans, director Fundació per l Pau
Alfons Banda, coordinador Comité Interenacional Fundacío per la Pau
Manuel Dios Diz, presidente do Seminario Galego de Educación para a Paz (SGEP)
Vicenç Fisas, director Escola de Cultura de Pau da Universitat Autònoma de Barcelona (UAB)
Rafael Grasa, presidente Instituto Català Internacional per la Pau (ICIP)
Carmen Magallón, vicepresidenta Asociación Española de Investigación para a Paz (AIPAZ)
Manuel Manonelles, director UBUNTU e Fundación Cultura de Paz Barcelona
Vicent Martínez Guzmán, director honorífico Cátedra UNESCO Filosofia Pau Universidade Jaume I de Castelló.
Xavier Masllorens, presidente Fundació per la Pau
Manuela Mesa, presidenta Asociación Española de Investigación para a Paz (AIPAZ)
Beatriz Molina, directora Instituto da Paz e Conflitos Universidade de Granada
Arcadi Oliveres, presidente Justícia i Pau Barcelona
Pere Ortega, presidente Federació Catalá de ONG per la Pau
Gorka Ruiz Santanapresidente Foro Asociacións de Educación en Dereitos Humanos e pola Paz do Pais Vasco





6 nov 2011

En favor da escola pública galega

   



   

   Ven de antigo. Sen embargo, nos últimos anos, especialmente neste, as novas dos medios escritos, das radios, das teles, sobre o ensino público, en Galicia e en España, son moi negativas. Resulta excepcional atopar unha noticia positiva en relación coa educación pública. Resalto o de pública porque sobre a concertada, e non digamos en relación coa privada, privada, a de elite, o silencio resulta enxordecedor.
   Sinceramente penso que isto non é casualidade. Nin sequera unha moda pasaxeira. Como dicía, ven de lonxe. Parecera como que existise un consenso xeralizado entre os propietarios dos medios de comunicación para dar esa imaxe distorsionada da realidade educativa pública actual.
   Fracaso, absentismo, conflitividade, acoso, adoutrinamento, manipulación, abandono, imposición, recortes, vagancia, deterioro, corporativismo, privilexios, insolidariedade, indisciplina, desorde... son palabras habituais para referirse á escola pública en boca, non poucas veces, das propias autoridades educativas encargadas e responsables de velar e protexer o servizo público educativo. 
   Vale calquera escusa, que si os informes PISA, que si as porcentaxes de cativos e cativas que non acadan o graduado escolar, ou que non rematan a secundaria obrigatoria con éxito, que non chegan ó bacharelato... casos puntuais relativos a indisciplina, disrupción, conflitos, pelexas, violencia... convértense con moita frecuencia en portadas destacadas dos media... novas, reportaxes e denuncias que pretenden convencernos de que a nosa lingua, a propia de Galicia, é unha imposición radical de nacionalistas excluíntes, o produto dun adoutrinamento fundamentalista, como a educación nos valores cívicos e democráticos na materia de educación para a cidadanía e os dereitos humanos...
   O profesorado resulta especialmente malparado, maltratado, desprestixiado. Os cualificativos empregados sobre os docentes nalgunhas declaracións verbais (e escritas) deberan avergoñar a calquera, máxime si as emiten responsables públicos. O debate sobre os recortes na educación pública, a masiva amortización de prazas de xubilación, a non contratación de interinos, o peche de unidades rurais, preescolar na casa, por exemplo, a supresión de desdobres, a práctica liquidación dos servizos de formación do profesorado en servizo, a diminución drástica dos orzamentos destinados a actividades de formación permanente, a imposibilidade de atender ó alumnado con dificultades especiais, á diversidade, a impartición de materias afíns por profesorado que non ten esa titulación nin especialidade... ou o cambio unilateral de funcións docentes por actividades de vixianza e control nas entradas e saídas do transporte... ese coñecemento público dunha realidade educativa descoñecida para a maioría da poboación, como as numerosas actividades non docentes realizadas, dentro e fora dos centros escolares, veranse fortemente ameazadas como consecuencia das políticas aplicadas pola dereita máis conservadora, si, así acontecerá con todas esas medidas disfrazadas de aforro e de austeridade
   E este debate social -necesario- sobre a calidade do ensino público, sobre o seu deliberado deterioro ou sobre como influirán estas medidas no futuro das xeracións vindeiras, fúrtase. Aqueles pais e nais que decidiron libremente, por convicción ou necesidade, mandar ós seus fillos e fillas á escola de todos (e para todos), percibirán, de inmediato, probablemente, algunhas consecuencias directas daquelas políticas.
   E a escola pública, os seus logros, os seus esforzos, as magníficas iniciativas que se desenvolven por todo o país, educativas, medioambientais, culturais, sociais, de paz e mediación, de convivencia, diálogo intercultural, igualdade de xénero, de atención á discapacidade, de integración, de cariño e dedicación, de vocación persoal... que desenvolven, caladamente, sen recompensa algunha, mestras e mestres extraordinarios,  todas esas actividades, seguirán a ser descoñecidas, ignoradas, invisibilizadas, acochadas por titulares negativos acumulados día tras día, sen piedade.
   Mentres tanto, a escola concertada, e a privada, privada, verán como a súa oferta seguirá ampliándose, particularmente nas cidades, protexidas, mimadas, polas administracións públicas e os medios de comunicación. Non temos máis que escoitar a Lucía Fígar, consejera de educación da Comunidade de Madrid, nun acto de "Comunión y Liberación", que circula masivamente en youtube, para comprender, sen dúbida algunha, as prioridades do seu goberno en materia educativa e a súa aposta decidida pola escola concertada, a gran beneficiada polas súas medidas, unha aposta que ten revertido xa as porcentaxes dunha e doutra escola en Madrid.
   Ese é o camiño escollido polos conservadores. Non é so a eliminación de Cidadanía e Dereitos Humanos, a ampliación das dúas horas de docencia, ou o cambio unilateral das funcións dos mestres, a persecución da lingua propia, ou os recortes drásticos dos orzamentos públicos en materia educativa. Trátase, en realidade, de avanzar no deterioro progresivo da educación pública, no seu desprestixio social, para xustificar a canalización da oferta cara o ensino concertado e privado, maioritariamente de ideario relixioso e confesional, convertendo o ensino de todos no que sempre quixeron e non se atrevían a confesar, nunha escola simplemente asistencial.
   E nisto coinciden as políticas educativas da dereita conservadora e os propietarios dos medios que as abalan, a cotío. Por iso non vemos, agás raras excepcións, novas, reportaxes, crónicas, entrevistas, artigos, a favor da escola pública e do seu profesorado. Todo o contrario.
   A sociedade civil, a comunidade educativa, os sindicatos, deberan ser plenamente conscientes desta realidade e non caer nunha rede de intereses que persegue o deterioro progresivo do ensino público. A defensa da escola pública debería primar por riba de todo, porque, ás veces, o que pretendemos, coas medidas que adoitamos, pode levarnos, por corporativismo, exactamente ó lugar contrario do que perseguimos.
   
   

3 nov 2011

Tambores de guerra, outra vez...

   


   Os precedentes non deixan lugar a dúbidas. Con profundas crises económicas de carácter sistémico, no século pasado, probablemente o máis sanguinario da historia, o planeta viviu dúas guerras mundiais. Tanto nunha como na outra, sectores sociais moi poderosos, decantáronse pola guerra total como mellor forma de saír da crise. Unha fuxida cara adiante que custou á humanidade millóns de mortos, lixados, desprazados, fascismos, campos de concentración, holocausto, xenocidio, fame, destrución... sen precedentes.
   O século XXI non vai por mellor camiño. Máis de 35 conflitos armados abertos  na actualidade, aínda que o foco mediático só faga visibles algúns deles, Afganistán, Iraq, Libia... as demais son guerras esquecidas que producen tamén miles de mortos, feridos e desprazamentos forzosos masivos mais fora da nosa atención.
   Aínda están fumeantes as vivendas bombardeadas polas máis de 6.000 intervencións aéreas da OTAN na guerra civil Libia. Afganistán e Iraq manteñen un goteo constante de vítimas de atentados e enfrontamentos. En Siria é o propio réxime o que masacra á súa poboación civil. Como en Iemen. A rexión enteira, Oriente Medio, é un polvorín cheo de petróleo, e Israel, única potencia nuclear da zona, pretende converterse no xendarme, no árbitro, do que pode (e non pode) acontecer nesa parte do mundo, co apoio explícito ou implícito dos EE.UU e do Reino Unido.
   O goberno de Netanyahu, un falcón nunha terra infestada de falcóns, está obsesionado co poderío militar crecente de Irán, especialmente, co programa nuclear de Nahmud Ahmadineyad. A súa pretensión é conservar a toda costa o monopolio xudeu do armamento atómico na rexión. Trátase dunha prioridade xeoestratéxica. A simple ameaza iraniana ben merece un ataque preventivo que cada día que pasa faise menos hipotético e máis real.
   Diversos medios de comunicación de todo o mundo, citando fontes ben informadas e oficiosas de Israel, falan de presión atómica do goberno de Netanyahu e do seu ministro de defensa, Ehud Barak, que estarían convencendo á súa propia cúpula militar para atacar, de maneira inminente, as instalacións nucleares de Irán. As razóns, simple supervivencia e para para evitar outro Holocausto. O ton empregado polas autoridades israelís non deixa dúbidas. Estanse conformando as complicidades necesarias.
   Un bombardeo preventivo e unilateral de Israel contra de Irán, co apoio e a aceptación de norteamericanos e británicos, podería desembocar nun conflito xeneralizado na rexión, arrastrando ós países árabes e a Occidente a unha guerra de imprevisibles consecuencias.
   Todo parece indicar que a determinación israelí é firme, se alguén non o remedia. Ven de probar moi recentemente un mísil balístico de longo alcance, sobre 6.000 Km e plena capacidade atómica.
   Irán, a súa aliada Siria, Hezbolá, Hamas, responderían de inmediato, xunto con todos os seus aliados chiíes, fronte da previsible complicidade calada ou aberta da monarquía saudí e doutros gobernos suníes.
   En calquera caso, un ataque deste tipo na zona máis explosiva do planeta, nesta ocasión si, pode levarnos a todos, a unha guerra xeneralizada na rexión e a un incremento notable da inseguridade e do terrorismo a escala planetaria.
   O peor escenario para unha crise sistémica, por moito que algúns empecen a pensar que a guerra pode ser unha solución.
   As sociedades civís, en Israel, en Irán, en todo Oriente Medio, logo das revoltas árabes, teñen moito que dicir para evitar este horizonte bélico sombrío. A UE tamén. E Rusia, e China, Brasil, a India... Porque a guerra nunca pode ser unha solución. Abolila debera ser un imperativo moral do novo século.