Os precedentes non deixan lugar a dúbidas. Con profundas crises económicas de carácter sistémico, no século pasado, probablemente o máis sanguinario da historia, o planeta viviu dúas guerras mundiais. Tanto nunha como na outra, sectores sociais moi poderosos, decantáronse pola guerra total como mellor forma de saír da crise. Unha fuxida cara adiante que custou á humanidade millóns de mortos, lixados, desprazados, fascismos, campos de concentración, holocausto, xenocidio, fame, destrución... sen precedentes.
O século XXI non vai por mellor camiño. Máis de 35 conflitos armados abertos na actualidade, aínda que o foco mediático só faga visibles algúns deles, Afganistán, Iraq, Libia... as demais son guerras esquecidas que producen tamén miles de mortos, feridos e desprazamentos forzosos masivos mais fora da nosa atención.
Aínda están fumeantes as vivendas bombardeadas polas máis de 6.000 intervencións aéreas da OTAN na guerra civil Libia. Afganistán e Iraq manteñen un goteo constante de vítimas de atentados e enfrontamentos. En Siria é o propio réxime o que masacra á súa poboación civil. Como en Iemen. A rexión enteira, Oriente Medio, é un polvorín cheo de petróleo, e Israel, única potencia nuclear da zona, pretende converterse no xendarme, no árbitro, do que pode (e non pode) acontecer nesa parte do mundo, co apoio explícito ou implícito dos EE.UU e do Reino Unido.
O goberno de Netanyahu, un falcón nunha terra infestada de falcóns, está obsesionado co poderío militar crecente de Irán, especialmente, co programa nuclear de Nahmud Ahmadineyad. A súa pretensión é conservar a toda costa o monopolio xudeu do armamento atómico na rexión. Trátase dunha prioridade xeoestratéxica. A simple ameaza iraniana ben merece un ataque preventivo que cada día que pasa faise menos hipotético e máis real.
Diversos medios de comunicación de todo o mundo, citando fontes ben informadas e oficiosas de Israel, falan de presión atómica do goberno de Netanyahu e do seu ministro de defensa, Ehud Barak, que estarían convencendo á súa propia cúpula militar para atacar, de maneira inminente, as instalacións nucleares de Irán. As razóns, simple supervivencia e para para evitar outro Holocausto. O ton empregado polas autoridades israelís non deixa dúbidas. Estanse conformando as complicidades necesarias.
Un bombardeo preventivo e unilateral de Israel contra de Irán, co apoio e a aceptación de norteamericanos e británicos, podería desembocar nun conflito xeneralizado na rexión, arrastrando ós países árabes e a Occidente a unha guerra de imprevisibles consecuencias.
Todo parece indicar que a determinación israelí é firme, se alguén non o remedia. Ven de probar moi recentemente un mísil balístico de longo alcance, sobre 6.000 Km e plena capacidade atómica.
Irán, a súa aliada Siria, Hezbolá, Hamas, responderían de inmediato, xunto con todos os seus aliados chiíes, fronte da previsible complicidade calada ou aberta da monarquía saudí e doutros gobernos suníes.
En calquera caso, un ataque deste tipo na zona máis explosiva do planeta, nesta ocasión si, pode levarnos a todos, a unha guerra xeneralizada na rexión e a un incremento notable da inseguridade e do terrorismo a escala planetaria.
O peor escenario para unha crise sistémica, por moito que algúns empecen a pensar que a guerra pode ser unha solución.
As sociedades civís, en Israel, en Irán, en todo Oriente Medio, logo das revoltas árabes, teñen moito que dicir para evitar este horizonte bélico sombrío. A UE tamén. E Rusia, e China, Brasil, a India... Porque a guerra nunca pode ser unha solución. Abolila debera ser un imperativo moral do novo século.
No hay comentarios:
Publicar un comentario