A situación do Concello de
Santiago de Compostela, co que xa sabemos, resulta completamente insostible,
desde calquera punto de vista. O alcalde do PP, Angel Currás, parece cada día máis un boxeador grogui, tentando
manterse en pé, coa vista e a conciencia perdida, desbordado.
Con
varios concelleiros e concelleiras imputadas, el mesmo con dúas imputacións,
nada menos, un ex-concelleiro na cadea, outro anxo, Ángel Espadas, ex-concelleiro, logo poderoso xefe de gabinete do
anterior alcalde, Gerardo Conde Roa,
dimitido e imputado por fraude fiscal; varios xefes de gabinete máis, tamén
involucrados na mesma trama de corrupción política, de tráfico de influencias,
mordidas e petiscos; co xerente de Aguagest en prisión, as augas baixan
podres... a este paso: quedará alguén sen imputar? media corporación do PP,
esta sendo investigada pola xuíza de Lugo, Pilar
de Lara.
A
cidadanía de Compostela asiste, entre atónita e avergoñada, a un espectáculo
lamentable que ameaza con destruír, nun instante, o prestixio acadado pola
capital de Galicia. O que non quere dicir, obviamente, que antes non houbera,
presuntamente, chanchullos e pelotazos varios. Pero hoxe os feitos falan por si
mesmos. En pouco máis dun ano, foi o PP de Conde
Róa e Currás, quen puxeron o
concello patas arriba, mellor dito, colocáronse eles mesmos ás portas dos
xulgados, dentro e, nalgún caso, entre reixas. Perpetuar esta situación dous
anos máis ate as próximas eleccións municipais, sería, ó noso modo de ver, tan
irresponsable como suicida. Non pode tolerarse. Supera os límites da capacidade
de aguante da cidadanía. O cheiro e a podredume percíbense desde moi lonxe de
Raxoi.
Compre
lembrar que o PP acadou a alcaldía de Compostela por un puñado de votos, nunhas
eleccións axustadísimas e a pesares de que eran moitas as persoas que coñecían
–perfectamente- a Gerardo Conde Róa,
a súa traxectoria e a de algunhas compañías que frecuentaba. Nesta aldea grande
todo se sabe, aínda que non todo se publicite. Colleunos por sorpresa. Nin eles
mesmos esperaban aquela maioría absoluta polos pelos.
Con
todo, actuaron con rapidez. Parece que con menor prudencia. Os teléfonos
móbiles, tan útiles, camiño de perdición.
En menos dun ano, o anterior alcalde tivo que irse. O seu concelleiro de
cabeceira, Angel Espadas, hoxe na
cadea de Bonxe, tamén ex- xefe do seu gabinete, foise logo de que o detiveran
por conducir borracho, precisamente a el, o azote do botellón compostelán. E
varios concelleiros e concelleiras seguen, a data de hoxe, imputados na
operación coñecida como Manga,
derivada da Pokémon, e co xerente de Aguagest,
a forte compañía que xestiona as augas, instalacións, arranxos... en non poucos
concellos de Galicia, tamén en prisión provisoria, e con algún empresario máis
imputado, polo de agora. Alguén da máis?. Pois si, o que é susceptible de
empeorar, empeora, así o di a Lei de
Murphy, crónica dun infortunio.
Entrementres,
o presidente Feijóo afirma
publicamente que o de Santiago non é
normal. Ben pouco para quen considera que Bárcenas o repugna. Suxire a necesidade de que o alcalde pida
perdón e desculpas. Como o Re y. Currás, guiadiño, o fai. Tamén Paula Prado. Pero non chega. Algo
máis?. Nada. Silencio. Ata que escampe.
Non
parece que a gravísima situación que vive o Concello de Santiago de Compostela
poida resolverse, simplemente, cunhas pouco sentidas e forzadas desculpas. Hai
responsabilidades políticas evidentes que ninguén pode ocultar. As
responsabilidades xurídicas a xustiza as resolverá definitivamente no seu
momento.
E a oposición municipal?. Pois ó meu
entender debería de actuar unida, con posicións comúns, ofertando saídas
posibles e consensuadas para esta vergoña inmunda.
E Alternativa Galega de Esquerda?. Pois igual. Evitar as
actuacións de parte disputando entre si por quen consegue a pole position para as municipais
próximas, agora ou cando toquen. Sentidiño...
Si o
PP cheira que fede, a oposición municipal, e a extra municipal, terían que
acertar polo seu propio ben e polo da cidade e a cidadanía que representan.
Os picheleiros -e os que non o son- o que
reclamamos é a unidade da oposición para darlle unha saída positiva ó
desgoberno municipal que denuncian mesmo os funcionarios do concello. E a AGE (Alternativa Galega de Esquerda), penso
eu, pedímoslle que actúe con unidade e coherencia, tanto interna como externa,
ofertando solucións novidosas ós problemas: radicalidade democrática, decencia,
honestidade, ética pública, pero sobre todo, actuar como AGE, unidos na
diversidade, con visión de futuro, para non morrer de éxito.
No hay comentarios:
Publicar un comentario