Ás veces xúntanse novas que a
un o enchen de satisfacción. Veño de participar nunhas xornadas no Consello Xe ral do Poder Xudicial sobre “Cultura de Paz,
Dereitos Humanos e Xustiza no s.XXI” dirixidas por Federico Mayor
Zaragoza, nas que xuíces e xuízas de todo o Estado, de especialidades ben
distintas, voluntariamente, durante tres días, reflexionaron e debateron desde
ópticas e miradas non sempre coincidentes. Polas impresións recollidas, as
persoas que alí estiveron, recoñecían non só a calidade dos relatorios senón
tamén, e sobre todo, o enfoque, a mirada, non tanto desde o ámbito propiamente
xurídico, senón desde a filosofía, os valores democráticos, e a sociedade
civil.
Era a primeira vez que, como outros poñentes, falaba para o mundo
xudicial, especificamente. Debo recoñecer que tiña certas prevencións. A
xustiza en España, hoxe, digámolo claro, non está moi ben vista pola cidadanía.
Eles o saben mellor que ninguén. Sen embargo, sobre a xudicatura, como sobre
tantas e tantas outras profesións, existen fortes prexuízos construídos con
partes de verdade e tamén con moitos lugares comúns.
O
que quero indicar con todo isto é que os prexuízos, as prevencións, os temores,
están profundamente metidos no disco duro de cada quen, son o resultado de
construcións dilatadas e alimentadas no tempo, en moitas ocasións, responden só
a falsidades e medos. Desde logo, no meu caso, sobre xuíces e militares, o
confeso.
Pero
retomemos o fío inicial. As dúas novas ás que me refería ó principio son as
relacionadas cos desafiuzamentos, nas que un tribunal europeo
emenda a plana ós gobernos de España, a este e ós anteriores, por unha lei
hipotecaria abusiva para coa cidadanía e excesivamente comprensiva
para cos intereses bancarios. A segunda, a do Tribunal Superior de
Xustiza de Galicia, sobre as axudas ou concertos, ilegais, á 5 centros
educativos do Opus Dei, que segregan por sexo.
Con
todo, probablemente, a nosa alegría durará pouco, como pasa sempre na casa do
pobre, xa que o “magnífico” conselleiro de educación que nos desgoberna, Jesús
Vázquez Abad, en colaboración co ministro Wert, que
wertgoña!!!, nunha sorte de cabriola xurídica, sortearán a prevaricación, para
blindar, nada menos, na nova lei, a LOMCE, os concertos con estes
centros sectarios que, en pleno século XXI, separan a rapaces de rapazas, polo
seu propio ben, e o fan con diñeiro público, con cartos de todas e de
todos, en beneficio privado, o dunha ideoloxía segregadora que vulnera o
dereito a igualdade de homes e mulleres, un principio democrático que están
obrigados a defender estes gobernantes, prioritariamente, máxime en tempos de
estafa, que non de crise.
Pode
que, en pouco tempo, blinden “legalmente” estas axudas sectarias (como
blindaron as pensións millonarias dos demoledores das caixas galegas) ó tempo
que arruínan a escola pública, a de todas e todos, sen rubor, con ese sorriso
burlón, cínico, pero máis pronto que tarde, pagarán, porque estas cousas a
cidadanía non as esquece, por sempre.
No hay comentarios:
Publicar un comentario