Que democracia queremos?
Manuel Dios Diz
Espazo Ecosocialista Galego
Hotel Compostela, 20 de
Febreiro de 2014
Acto de AGE*
Se nos interrogamos pola
democracia que queremos, estamos afirmando que a democracia realmente existente non nos gusta. Aínda resoan en
moitas conciencias os ecos daqueles berros do 15M: que non nos representan, que non!,
a esixencia dunha democracia xenuína, a democracia real xa! ou
Chámanlle democracia e non o é!
José Saramago, con tino, dicía: "A democracia en realidade non existe. (...) Na miña opinión, quen
verdadeiramente manda son institucións que non teñen nada de democráticas, como
o Fondo Monetario Internacional, as fábricas de armas ou as multinacionais
farmacéuticas…"
Son cada vez máis as persoas
que identifican, con razón, a democracia
neoliberal cunha democracia de baixa
intensidade, mesmo cunha democracia
autoritaria (lei se seguridade
cidadá, lei de seguridade privada, restrición crecente de dereitos e
liberdades, fin da xurisdición universal), ou se queredes como a ditadura dos mercados, iso que Martiño Noriega tanto repite, os mandados dos mandados. Os gobernos
son vistos como os gabinetes de xestión dos intereses dos grandes poderes económicos
e financeiros contra as maiorías sociais, a
xente do común, que diría Beiras.
Hai pouco, Intermon Oxfam, con ocasión do Cumio de Davos, ese lugar inaccesible
entre montañas nevadas onde se reúnen as elites globais para xearnos o futuro a
todas e todos, fixo público un demoledor informe que viña a resaltar un feito: canta maior é a desigualdade, menor é a xustiza,
e tamén menor resulta a democracia. Asistimos a un paradoxo: mentres
aumenta o número de réximes democráticos no mundo, a democracia, as bases e as condicións
da democracia, dentro de cada estado, diminúen.
En realidade, a escala global,
vivimos nunha plutocracia, unha
minoría de estados, chámense G7, G8 ou G20, deciden por todas e todos, póñense
por riba de 193, ó tempo que baleiran de contido á propia ONU, que tampouco é
unha democracia. Pero o mesmo acontece a escala nacional ou local: a democracia
vaise esvaíndo e, cada día máis, a plutocracia
tecnocrática e corrupta lexisla e goberna para as elites económicas, mesmo
sen ser elixida por canles democráticas. Son, en realidade, os xestores dos
grandes poderes, máis e máis alonxados da cidadanía por muros de privilexios e
barreiras de incomprensión.
Joan Subirats preguntábase sobre que democracia temos e que
democracia queremos. Constataba que entre 1945 e 1975, en tres décadas,
reducírase á metade a desigualdade en Europa Occidental como consecuencia de
políticas redistributivas que se consolidaron logo da IIGM, o que coñeciamos,
desde logo moi tardiamente e de maneira moi feble aquí, como o Estado do Benestar. Alguén o
cualificaba, no noso caso, como Estado
de Medioestar. Pero, desde 1975, estamos asistindo a un brutal proceso de
transferencia de renda, de saqueo, de espolio, onde a desigualdade foi medrando
e, de feito, voltamos a ter niveis de desigualdade que nos retrotraen á
primeira metade do século XX. O Estado Español ve hoxe como os logros sociais
conseguidos con tanto esforzo se van deteriorando rapidamente e están xa,
estruturalmente ameazados. Cando Warren
Buffet, un lobo de Wall Street, o número 13 na lista Forbes, dicía: "Claro
que existe a loita de clases, e os ricos a imos gañando”, acertaba.
Para a gran maioría da nosa cidadanía estamos xa no Estado do Malestar.
Débese a que nesta
confrontación entre os de arriba e os de abaixo (os de arriba, os que se reúnen
en Davos, os que ocupan as portadas de Forbes, o capitalismo especulativo e
financeiro, completamente desregulamentado), os que alimentan os paraísos
fiscais, mudaron a economía produtiva por unha economía de casino controlada
por eles. E substituíron, como trileiros, os valores cívicos e democráticos polos valores do mercado.
Da mesma maneira que máis desigualdade significa menos xustiza,
menos democracia, significa tamén menos futuro para cada vez máis sectores
sociais, particularmente para a mocidade, para os mais febles e tamén para as
clases medias, a cada paso máis demediadas. As cifras estatísticas son
abraiantes. Por exemplo: máis do 50% dos menores de 30 anos non tiveron nunca
un emprego!!!
Pero abonda xa de facer
diagnósticos que todas e todos partillamos.
Trátase de propoñer a democracia que queremos, porque
parece evidente que a existente non serve para resolver os problemas das
persoas. O bipartidismo, o modelo saído da Transición, a democracia case que
orgánica, está esgotada. Máis aínda: está podre, fede por todas partes, non
importa a onde se mire. Por iso consideramos que vivimos tempos de excepción,
por iso é tempo de acción, de acción
cooperativa e unida.
Cando falamos dunha nova democracia teriamos que empezar
por mirar para nós mesmos. Un novo modelo democrático, que substitúa o actual
ten que comezar por nós mesmos. Non podemos propor á sociedade unha nova cultura política (novas maneiras
de actuar e de intervir politicamente, unha nova democracia, si representativa,
pero tamén participativa, moito máis directa, máis horizontal, máis
transversal, menos vertical, menos autoritaria, máis aberta e plural, máis
interactiva, menos pasiva…)… non podemos propoñela se seguimos a manexarnos
polos métodos e as maneiras da vella política, da vella democracia.
Por iso, cando queremos facer
chegar á cidadanía, á sociedade civil, aires novos de esperanza e de ilusión,
non podemos, entre nós mesmos, na nosa vida persoal e social, pero tampouco
internamente, nos partidos e nas coalicións, continuar a pelexar pola
hexemonía. Somos e queremos ser un modelo de cooperación política, nós mesmos definimos o noso proxecto como
unha cooperativa política, porque
non cremos nos partidos guías nin nas tutelas nin no clientelismo… porque non
acreditamos nunha vangarda que todo sabe e que todo entende, á marxe da
cidadanía, dos movementos sociais… porque reclamamos o noso dereito a construír
unha nova cultura política, mesmo
cometendo erros, que de ben seguro cometeremos. E serán erros lexítimos, erros
dunha cidadanía libre que constrúe o seu futuro partillando o seu presente.
Se algo puxo de manifesto o
movemento 15M foi precisamente a
desafección coas actuais maneiras e modos de participación política, cunhas
prácticas, discursos, actitudes e estruturas organizativas que están en aberta
contradición co que lle propomos á sociedade. Esa terrible contradición
entre o que dicimos e o que facemos, entre a prédica e o reparto de millo.
Todo o que estou a comentar
está en directa relación coa democracia que queremos, unha democracia xenuína,
interna e externamente, moito máis aberta e participativa, onde os valores cívicos e democráticos, a ética pública, as virtudes de cidadanía, a honestidade, a decencia, a honradez e o
compromiso sexan as bases fundamentais da nosa actuación política.
Xunto con iso, claro que si, radicalidade democrática, republicanismo,
transparencia, sustentabilidade, xustiza social, protección das persoas,
cultura de paz, dereito a decidir todo, soberanismo cívico, como eixes centrais
sobre os que vertebrar un novo proceso constituínte.
Cando falamos de democracia
participativa, facémolo porque non nos chega con que nos reconten cada catro
anos, queremos contar, non
simplemente ser contados; queremos ser protagonistas, actores, construtores do
noso propio futuro, para dar cumprimento a
aquilo que tan magnificamente berrou Madiba: "Son o amo do
meu destino, son o capitán da miña alma”.
A política ten que servir para
que a sociedade evolucione, para resolver os problemas novos e vellos da
cidadanía... se non é así, non vale… non nos vale, nin a nós nin a ninguén.
Desde a nosa perspectiva son tres as liñas básicas para orientar a nosa acción política:
• Defensa dunha nova cultura da sustentabilidade
ecolóxica e social
• Participación
cidadá e máis democracia
• Defensa
do ben común
Boaventura de Sousa Santos, desde Coímbra e por todo o mundo,
leva anos, reivindicando "democratizar a democracia”.
Desde a nosa perspectiva,
democratizar a democracia, aquí e agora, significa, reformar a lei e o sistema
electoral, implantar a proporcionalidade, suprimir os limiares mínimos para
obter representación nas cámaras, converter Galicia nunha circunscrición única,
promover as listas desbloqueadas en todo os procesos electorais, establecer
eleccións primarias para escoller as persoas candidatas, mesmo decidir por
votación a orde dos postos nas listas entre afiliados e simpatizantes, e dotar
ós programas electorais da condición de "contratos vinculantes" para que poidan ser requiridos polo
Valedor ou Valedora no caso de incumprimento manifesto.
Para nós, Democratizar a democracia significa, agora, ampliar a
obrigatoriedade legal de discutir en Pleno no Parlamento de Galicia as ILPs
(Iniciativas Lexislativas Populares), implantar os referendos por iniciativa
popular, as mocións de confianza popular, fórmulas de fiscalidade
participativa, os orzamentos participativos, as prácticas de goberno aberto, os
consellos e as estrutura de participación política en todo os ámbitos, as redes
de participación cidadá…
Débese limitar por lei o
número de mandatos en cargos electos, así como aprobar mecanismos de
revogación, prohibir a acumulación de cargos, suprimir os privilexios
aparellados ó cargo, establecer topes máximos de remuneración, a
obrigatoriedade dos debates electorais e máis a limitación de gasto nas
campañas e dotarnos dunha lei de financiamento estrito dos partidos…
Estas son algunhas das nosas
propostas para democratizar a democracia. Non están todas, probablemente falten
moitas máis, pero queremos poñer en marcha este proceso acompañando e
acompañados pola cidadanía galega. Xuntos, xuntas, porque efectivamente, xuntos podemos… e, ademais, debemos.
Remato xa, Vicens Navarro, onte, dicía que “Democracia e benestar,
e calidade de vida son, pois, as
dimensións claves que deberían definir ás esquerdas. Democracia como fin, e
democracia como estratexia”.
Moitas grazas.
* Texto da intervención no Acto de AGE en Compostela sobre: Que democracia queremos?
No hay comentarios:
Publicar un comentario