O Xoves, día 13, estiven en Madrid, no Mº de Fomento, entregando toda a documentación necesaria para que o noso proxecto de rehabilitar unha parte do Mosteiro Franciscano de Herbón, en Padrón (A Coruña), un monumento do século XIV, para ubicar alí, o Lar da Paz (Centro Internacional pola Paz), sexa, por fin, unha realidade.
Remata así un proceso que empezou en 2009 e que se concretou nun acordo coa Orde Franciscana para promover un Centro pola Paz similar ó existente en Arántzazu, en Oñati, Guipúzcoa, que dirixe o bo amigo, Jonan Fernández, co nome de Baketik.
Trataríase de rehabilitar 1070 metros cadrados, dun conxunto de 48.000, segundo un proxecto arquitectónico magnífico deseñado por Pedro de Llano, no que se instalaría o Seminario Galego de Educación para a Paz, a Fundación Cultura de Paz, a Cátedra UNESCO de Cultura de Paz e Dereitos Humanos da USC, así como o futuro Centro UNESCO de Galicia, con Sala de Exposicións Permanente, Salón de Actos para máis de 100 persoas, aulas, videoteca e biblioteca, salas de xuntas, etc. no marco dun proxecto moito maior no que tamén están implicadas outras entidades como a Asociación de Amigos do Camiño de Santiago, que construirá un albergue de peregrinos e un Centro de Estudios Xacobeos; a Asociación Viravolta, cunha Casa de Acollida para nenos en situación de risco social, e a Asociación Sementar, de agricultura ecolóxica.
Para chegar ata aquí foron necesarias moitas horas de reunións, moitos contactos e xestións, un denodado esforzo e entusiasmo, así como a superación dunha serie de condicionantes de relevo, entre outros, acadar, da Xunta de Galicia e da Dirección Xeral de Patrimonio, a Incoacción do Expediente para a Declaración de Ben de Interese Cultural (BIC) do monumento, condición necesaria para que Fomento aprobe a aplicación do 1% cultural.
A incoacción do citado expediente para a Declaración de BIC xa está asinada polo Director Xeral de Patrimonio, o Sr. Rey Pichel, e sairá en breve no DOG. Debemos agradecer tanto o Director Xeral, como á súa Subdirectora, Dª María Diz, a sensibilidade para co proxecto e a rapidez para incoar o expediente da Declaración BIC. Sen a súa colaboración e eficiencia sería imposible chegar en prazo.
Tamén o arquitecto Pedro de Llano e o seu equipo tiveron que moverse rápido para transformar un proxecto básico nun proxecto de execución da obra. E o conseguiron.
O Mº de Fomento está en disposición de acometer o 75% do proxecto e o 25% restante será financiado polo Seminario Galego de Educación para a Paz e a Fundación Cultura de Paz coa axuda doutras institucións concernidas, a Xunta de Galicia, a Deputación Provincial de A Coruña e o Concello de Padrón, xunto con outras entidades de carácter privado.
Si todo sae como está previsto, nun prazo máximo de tres anos, teremos o Lar da Paz en funcionamento, no Mosteiro Franciscano de Herbón en Padrón, na desembocadura do Río Ulla, a carón da Ría de Arousa, nunha curva fermosísima onde están as primeiras pesquerías de lamprea que xa os romanos coñecían e explotaban.
O Centro Internacional pola Paz de Herbón establecerá acordos de colaboración con Arántzazu e Asís, mais tamén coas Fundacións relevantes do Concello de Padrón, como a Rosalía de Castro, a Camilo José Cela ou a Paideia, para convertelo nun referente que ofertar a colexios e institutos, a outras ONGs, institucións, etc. como lugar idóneo para visitar e coñecer.
Aquelas persoas que iniciamos este proxecto apaixoante, en 2009, aqueles tolos que soñamos cun Centro Internacional pola Paz en Galicia, onde investigar, publicar, organizar actividades, divulgar, intervir, actuar, cooperar e compartir, moi poucos, certamente, podemos estar, hoxe, de norabóa, particularmente, Roberto Freire, o prior de Herbón, os franciscanos que creron nel, o Pai Amado, o Pai Castiñeira, provincial actual, os frades do Convento, a Directiva do Seminario Galego de Educación para a Paz, e moi especialmente, Federico Mayor Zaragoza, entusiasmado cando en compañía da súa muller, Cheles, estivo en Herbón, onde ubicará parte da súa Biblioteca persoal.
A partir de agora empeza outra etapa que tamén confiamos en superar satisfactoriamente.
O Lar da Paz, no Mosteiro de Herbón, en Padrón, empeza a ser moito máis que un soño, xa case ten forma de realidade, como as lousas do século XIV que o acollerán na capital do pemento.
No hay comentarios:
Publicar un comentario