¡Liberdade nas aulas!, parece unha consigna estudantil, un berro na ditadura, algo así como ¡pensamento libre!, ¡viva a heterodoxia!, ¡liberdade de cátedra!, ¡abaixo o autoritarismo!, ¡non á imposición!, ¡rompamos as cadeas!, ¡non máis ataduras!, ¡abramos as fiestras escolares!, que entre o aire fresco, limpemos os colexios de inquisidores, que pase o home libre...
Nada diso. Trátase dunha nova promesa do noso Presidente, o de todas e todos, e refírese a Galicia, aquí e agora, non pensa noutras épocas, non, está a falar en tempo presente, está pasando, o estás vendo, como diría a CNN, todo noticias.
Oes ben, o di o Presidente, nas escolas galegas non hai liberdade, pero ¿quen dis que o di?, Alberto Núñez Feijoo, na presentación do candidato do PP á alcaldía de Compostela, liberar as nosas aulas da opresión e das cadeas, vaites, vaites, vaia trola.
Non hai liberdade. Os colexios e os institutos non son libres. Os cativos, as cativas, viven e estudan coaccionados, están como nunha cadea, escravizados, oprimidos, sometidos, tiranizados, presos... ¿por quen? ¿desde cando?. E nos sen decatarnos. Cagoendez.
Pero, a que ser refire? Acaso a que non exista a debida educación sexual nas escolas, a que a relixión católica sexa de obrigada oferta en todos os centros educativos, a que non eduque criticamente, a que reproduza o modelo social vixente, inxusto, depredador, insolidario, sexista... a que o poder dentro da escola estea todo el do mesmo lado, a que non teñamos equipos de mediación e tratamento de conflitos, acaso a que non existan recursos suficientes, a que o profesorado esteña sometido á tiranía dos recortes salariais, á imposición dunha lei educativa cada dous anos e medio sen preguntar..., non, eu penso que se refire quizais a que a libertinaxe inflama os cerebros infantís... por Deus, a que demos se refire?
Quizais a que a representación da comunidade educativa non responde ás súas previsións? Ou a que o Consello Escolar de Galicia é un niño cheo de opositores, galeguistas e roxos?
Que curioso, que contradictorio, por unha banda reclama liberdade, pola outra, ordeno e fago saber, aulas libres, alumnado firme, profesorado con mando en praza, uniformes, uniformización, todos pijos, como nas monxas de antes, ¡que tempos!, esa si que era santa liberdade, pange lingua, santo adalid, patrón de las Españas, amigo del Señor, defiende a tus discípulos queridos, protege a tu nación. Las armas victoriosas del cristianismo venimos a templar en el sagrado y encendido fuego de tu devoto altar ... santa liberdade...
Non, non pode ser. Non dou creto. Non estará pensando no idioma propio de Galicia? En Galicia Bilingüe?. En Gloria Lago? Acordaranlle cousas da campaña electoral pasada?. Que teima co ensino. Outra vez co mesmo nas municipais. Vaia matraca. Salvemos o castelán da tiranía, da prohibición, do unilingüismo, da inmersión. Adeus ás boinas, vivan os birretes. Onde está Cuiña?.
Está visto, non temos un idioma, temos un problema, Manolo Rivas dixit. Vivir para ver. Que Deus nos colla confesados e comulgados...veñen tempos de “liberdade para as aulas galegas”...¡Qué medo!.
No hay comentarios:
Publicar un comentario