Fracaso ¿escolar?
¿De que falamos cando estamos a referirnos ó elevado nivel de “fracaso escolar” en Galicia e no Estado?. ¿A quen estamos apelando? ¿De quen é a responsabilidade? ¿Estamos dispostos a tomar medidas serias e de alcance ou é falar por falar?
Desde hai uns anos, periodicamente, os medios fanse eco en grandes titulares de estatísticas, cifras, porcentaxes sobre os rapaces e rapazas que non son quen de acadar o nivel de rendemento medio para a súa idade na escola ou no instituto. Estamos a referirnos, polo tanto, a resultados académicos, ás calificacións, ou o que é o mesmo, a suspensos, en terminoloxía máis popular.
Tamén falamos de mozos e mozas que abandonan o ensino obrigatorio sen a titulación axeitada para a súa idade, é dicir, aqueles que non acadan o título académico mínimo no remate da Educación Secundaria Obrigatoria (ESO), nada menos que despois de cursar dez cursos escolares.
Si miramos as cifras con rigor, efectivamente, un 29% do alumnado non supera a Primaria, un 35% a Secundaria Obrigatoria, o 48% o Bacharelato e o 50% a Universidade. O primeiro que chama a atención é que a medida que ascendemos no sistema educativo os niveis de “fracaso” aumentan considerablemente aínda que tendemos a centrarnos, só, no ensino obrigatorio.
En calquera caso, os datos, todos eles, sen dúbida algunha, son alarmantes, superan notablemente a media de UE. Polo tanto, temos un problema grave, e cando digo temos non me estou a referir só ó profesorado senón a toda a comunidade educativa e á sociedade.
Non son eu partidario do termo “fracaso escolar” pois este concepto, aparte das connotacións negativas que ten dado que identifica alumnos e alumnas sen titulación con persoas fracasadas, se circunscribe unicamente ó ámbito interno da escola. Dalgunha maneira está a indicar que a responsabilidade principal desta realidade negativa está dentro, é dicir, no profesorado e no alumnado. Penso que esta é a lectura máis común dos datos citados. E tendemos, ademais, a identificar os datos negativos coa escola pública. Nada máis inxusto. Calquera ocasión é boa para arremeter contra a escola de todos e de todas e contra do seu profesorado.
Si preguntamos ós profesores e profesoras, ós equipos directivos, probablemente insistan en que o problema ten máis que ver coas familias, coa superprotección, coa falla de dedicación, coa cultura do mínimo esforzo, etc.
Sen embargo, como en case que todos os temas, as causas do fracaso, chamémoslle mellor social, non son simples nin unidireccionais. Unhas, efectivamente, teñen que ver co alumnado e co profesorado, loxicamente, outras co propio sistema educativo e tamén con factores socioeconómicos.
Existen trastornos na aprendizaxe e tamén emocionais, aquí e en todas partes, dislexia, hiperactividade, déficits de atención, atrasos, depresión, baixa autoestima, ansiedade... que non podemos obviar.
Temos que mencionar outras causas como son a irregularidade na escolarización, os constantes traslados de centro, o absentismo. Ou a sobrecarga de contidos, uns currículos inadecuados, a masificación nalgúns casos, as carencias formativas do profesorado, os modelos docentes, a ausencia ou escaseza de practicas dos futuros profesores e profesoras, a falla de atención individualizada e á diversidade, metodoloxías anacrónicas...
Existen, como non, causas de carácter extra escolar: unha moi limitada implicación familiar e mínima participación na xestión e no seguimento, a atracción do salario fácil que promoveu a burbulla inmobiliaria entre o alumnado, hoxe en paro, a presencia de moitos rapaces e rapazas inmigrantes con niveis académicos máis baixos, con grandes dificultades de comprensión lingüística...
E por último, non deberíamos esquecer que arrastramos presupostos educativos moito máis baixos que os nosos veciños da UE, sen chegar ó 4% do PIB, cando a media europea supera o 6% desde hai moitos anos.
Compre destacar un dato significativo como é que o fracaso é maior nos varóns que nas rapazas. Son elas as que acadan os mellores resultados. Son eles os que abandonan antes o sistema educativo, un dato que establece unha relación directa entre o fracaso e o xénero moi preocupante, que apunta na idea de que, para eles, a educación non é o mellor nin o máis rápido medio de progreso social.
Mais á hora de atopar solucións a este grave problema, social, teriamos que diferenciar as medidas internas ó propio sistema educativo, que teñen que ver con incrementar os recursos, con políticas de mellora das metodoloxías didácticas, coa formación do profesorado, a inicial e a permanente, cunha mellor atención á diversidade, co clima escolar, as ratios, os reforzos, etc. que dependen, moito, dos orzamentos, como calquera pode imaxinar. E aquelas outras de carácter máis social na procura dunha maior implicación de pais e nais na educación e na xestión, dos servizos sociais dos concellos, etc. e que tamén están relacionadas coa inversión en educación. Esa é a clave. Todo o demais é falar por falar...
No hay comentarios:
Publicar un comentario