Hoxe, en La Voz de Galicia, aparecen dous artigos, ben distintos, sobre este asunto. Un o asina a escritora galega Inma López Silva e o outro Manuel Fernández Blanco, psicólogo infantil. Comparto plenamente o segundo e discrepo, cariñosamente, do primeiro. Direi por que. Quero empezar por contestar á unha pregunta que Inma López fai no seu artigo, aquela que afirma que algunhas persoas decidimos ser "guais" e non somos quen de mirala ó ollos e dicirlle que non sentimos "arrepío por ver unha nena tapada como se o seu corpo fose fonte de pecado". Claro que o sentimos, como non o imos a sentir. Sentímolo profundamente.
O debate, sen embargo, no caso da nena de Arteixo, non é ese. Falamos de si as prohibicións, de dubidosa legalidade no caso do hiyab, son as mellores maneiras de superar a dominación masculina e o patriarcado. Ela mesma o di no seu artigo cando fala da súa avoa María e da de Rosario. A elas ninguén lles prohibiu levar o pano, e nun momento determinado, por educación, por evolución, por convencemento, deixaron de poñelo e soltaron o cabelo ó ar, libre, e optaron polos pantalóns, cando quixeron, cando lles petou.
A educación é unha poderosísima ferramenta de transformación persoal e social, ademais dun dereito universal, e non pode circunscribirse ós muros da escola, hoxe menos que nunca. Son os cambios sociais, moi rápidos na actualidade, os que modelan os nosos comportamentos, valores e actitudes. Educar na igualdade ó pai da nena de Arteixo é imprescindible, traballar estes aspectos desde os (e cos) colexios e os servizos sociais do Concello, urxente. Garantir o dereito á escolaridade da cativa ineludible.
E formar ó profesorado, á comunidade educativa, á sociedade, na convivencia democrática e na tolerancia, na aceptación da diversidade, sempre que non vulnere os dereitos humanos, supón un desafío para a escola do século XXI. Delors o dicía moi clariño, aprender a convivir e aprender a vivir xuntos, co diferente, co distinto, desde o exemplo, desde a concordia, para que a nena de Arteixo, como María e a avoa de Rosario, poda decidir, canto antes, si lle peta, desvearse, sacar o veo que nubra os ollos e as conciencias.
No hay comentarios:
Publicar un comentario