Benvidas, benvidos, amigas e amigos

A paz é o camiño, e facemos camiño ó andar. A paz é un descubrimento, non unha conquista, dicía, Raimon Panikkar. A guerra e a violencia non son fatalidades biolóxicas. Aprendemos a ser violentos. Por iso temos que "desaprender" para ser pacíficos, que non submisos, nin súbditos, nin mansos. Federico Mayor Zaragoza di que a aprendizaxe da democracia é a pedagoxía da paz. E María Zambrano afirmaba que a paz é moito máis que unha toma de postura, é unha auténtica revolución, un modo de vivir, un modo de habitar o planeta, un modo de ser persoa.
A paz como cultura...

28 feb 2011

O ASUNTO DE ARTEIXO TEN MALA PINTA...

   Hoxe, luns, as persoas que forman parte do Consello Escolar do Colexio Novo de Arteixo, decidirán sobre un único punto na Orde do Día, aplicar as sancións correspondentes á nena musulmá que, desde hai meses, acode á escola con hiyab, contravindo o Regulamento de Réxime Interno aprobado unanimemente no Claustro e no propio Consello.

   Non é unha decisión fácil. Desde a nosa perspectiva, a peor das solucións é castigar á nena coa expulsión temporal. Significa, na práctica, vulnerar o seu dereito á educación e á escolaridade. Tamén podería implicar a vulneración de dereitos individuais consagrados pola Lei de Liberdade Relixiosa vixente, tal e como afirma, por escrito, o abogado da familia.

   A Consellería, nun alarde de contradición evidente, admite o veo en Lugo e apoia o prohibicionismo en Arteixo. Amparándose na suposta autonomía de cada centro educativo, declina, así, calquera responsabilidade.

   A alcaldesa do PSOE apoia a reivindicación do pai e defende o uso do hiyab nas clases porque, afirma, non ataca dereitos dos demais. O representante do Concello no Consello, de Terra Galega, noutro alarde de contradición política nun goberno de coalición, votou favorablemente o Regulamento que prohibe levar complementos de calquera tipo na cabeza, incluído o hiyab, dándolle o mesmo carácter que a unha gorra ou unha visera, ignorando o seu significado relixioso e cultural que o singulariza obxectivamente.

   Hai uns días, un coñecido comentarista político, sorprendíase de que partidarios do laicismo fosen os máximos defensores da tolerancia co hiyab. Non facía mención, sen embargo, a que sexan os sectores máis vinculados coa dereita política os principais partidarios de prohibilo. Efectivamente, entre as persoas que apoiamos unha escola laica, as hai que defendemos, por riba de todo, o dereito á educación e á escolaridade, coa mesma firmeza que promovemos a retirada da simboloxía relixiosa dos centros públicos e da liturxia política. Sen embargo, coa lexislación vixente, nun estado aconfesional (que non laico, como Francia, por exemplo), coa Lei de Liberdade Relixiosa, ninguén pode impedir que un neno leve unha cruz ben ostensible ó pescozo, nin tampouco o hiyab.

   Si falamos do modelo educativo que propugnamos, si España fose un auténtico Estado Laico, o que implica modificar a Constitución e a lexislación en materia relixiosa, non cabería ningunha dúbida de que o prohibicionismo do hiyab e outros símbolos relixiosos, tería pleno sentido. Sen embargo, hoxe por hoxe, ó noso parecer, impedir o acceso á escola a unha nena por levar hiyab, vulnera dereitos individuais e pode significar un delito.

   Con independencia do anterior, cabería preguntarse si a prohibición do hiyab, por moi democrática que fose a aprobación do Regulamento, é a solución máis axeitada, e a expulsión, o castigo máis "educativo". Mesmo si estamos a propiciar a alternativa máis eficaz para acadar o obxectivo de que a nena decida libremente, agora ou máis adiante, cousa que parece evidente que non fai, xa que todos coñecemos a actitude impositiva do pai.

   Non cabe ningunha dúbida de que o hiyab tamén é un símbolo de sometemento, unha costume machista, relixiosa e cultural, que obriga ás mulleres a tapar, neste caso o cabelo, porque incita ó "pecado". Son algúns homes musulmás os que, apoiándose nunha visión anacrónica da relixión, obrigan ás súas fillas e mulleres a taparse, mentres eles visten como queren, aquí e alá. Non o dubidamos.

   Con todo, coa legalidade vixente, o hiyab nin podemos nin debemos prohibilo nas aulas. Nun centro escolar, o dereito á educación e á escolaridade, está por riba doutras consideracións. Traballemos educativamente cos cativos e cativas, coas familias, coa sociedade, nos medios de comunicación, desde o respecto, desde o diálogo franco, desde a concordia, para facilitar a convivencia democrática  e a interculturalidade, para que esta rapaza, e outras, decidan libremente.

   O hiyab non impide a realización das actividades académicas, non vulnera os dereitos dos demais, e a identidade da cativa, no seu DNI español, figura co veo precisamente polo seu carácter relixioso, como unha excepción que o Mº do Interior admite.

   Confiemos en que o Consello Escolar tome a mellor das alternativas. Non ten por que, non está obrigado a facer efectiva unha sanción de expulsión temporal, moito menos definitiva. Si o fai, ademais de vulnerar dereitos, está mandando unha mensaxe, a Arteixo e a toda Galicia, unha mensaxe que podería xeneralizarse mentres non exista unha sentenza xudicial, de que para evitar ás nenas musulmás con hiyab nos colexios galegos, a mellor solución é aprobar regulamentos como o do Colexio Novo. Tamén poderían provocar que outras nenas, que hoxe non levan hiyab, mañán o fagan, en solidariedade ca cativa, co que teremos un conflito maior.

   Estamos, desde a miña humilde opinión, e con perdón, diante dun choque de intolerancias, a do pai, probablemente un integrista e un machista, e a das persoas do Consello Escolar que, na súa pretensión san de "liberar" á nena da dominación patriarcal, optan por negarlle o seu dereito á educación e á escolaridade, castigándoa cunha expulsión que pode facerse definitiva en breve.

   Mala pinta, mal asunto...

No hay comentarios:

Publicar un comentario