Benvidas, benvidos, amigas e amigos

A paz é o camiño, e facemos camiño ó andar. A paz é un descubrimento, non unha conquista, dicía, Raimon Panikkar. A guerra e a violencia non son fatalidades biolóxicas. Aprendemos a ser violentos. Por iso temos que "desaprender" para ser pacíficos, que non submisos, nin súbditos, nin mansos. Federico Mayor Zaragoza di que a aprendizaxe da democracia é a pedagoxía da paz. E María Zambrano afirmaba que a paz é moito máis que unha toma de postura, é unha auténtica revolución, un modo de vivir, un modo de habitar o planeta, un modo de ser persoa.
A paz como cultura...

18 feb 2011

GRAZAS, UN MILLÓN DE GRAZAS

 
   A presentación do libro "La paz como cultura" na Librería Nós de A Coruña, onte, estivo realmente ben. Moi agradable, con Marisa Mariñas de introdutora, amosando as súas magníficas cualidades organizativas e humanas, na preparación e na presentación do acto. Alí estabamos Xoán Antón Pérez Lema e máis eu, nun sofá, para presentar un libro diante dun auditorio de amigas e amigos, algúns que facía moito que non vía, como Carlos Moreira, de Ferrol, antigo camarada de pasado sindical intenso nos tempos en que significaba risco e dureza. Ou Manolo Monge, hoxe presidente da Comisión pola Memoria Histórica de A Coruña, quen tanto esforzo e creatividade desprega na súa persistencia pola verdade e a xustiza para as vítimas da ditadura e do franquismo. E o presidente da Asociación Alexandre Bóveda, Roberto, unha institución na Coruña de compromiso galeguista e de reivindicación da súa figura e legado. E Suso Mosquera, ex- secretario xeral da UGT Galicia, hoxe presidente da Fundación Luís Tilve, coa súa dona, Virocha.
Estaban tamén a maioría dos membros do Grupo Territorial de A Coruña do Seminario Galego de Educación para a Paz (Guada, Begoña, coa súa irmá Elena, e súa nai, nada menos, Sonia, Vitorino...), e persoas que non coñecía, algunhas educadoras como Marlene de Colombia, estudantes, profes, Alfonso, do Colexio de Educadores Sociais... e Yolanda, Susana, Mónica, Patricia, Ana, Teresa, Roberto, Montse, Rosi...
E un montón de fotógrafos e fotógrafas, chispeando cos seus flaxes, que atendín con certa incredulidade e sorpresa.
Houbo palabras sinceras, agradecidas, de Marisa, de Xoán Antón, na presentación, lembranzas e recordos, currículum escrito nun papel, actualidade, veos e lei de convivencia, revoltas pacíficas no Magreb, o medo cambiou de bando... cando aprenderemos que resulta máis efectivo apoiar a democracia e a liberdade que ás dictaduras ou as invasións. Oito anos en Irak, con centos de miles de mortos e desaparecidos para que logo, en 18 días, a sociedade civil exipcia tumbe a un faraón..., e non aprendemos...
Un acto no que recoñecemos o traballo, recoñecémonos mutuamente, dámonos ánimos, confortámonos, que non é pouco. E difundimos un libro, un pensamento, unha mensaxe, unha experiencia de 26 anos xa, para que chegue a canto lugar interese.
Mereceu a pena. Tan só queda dar as grazas, un millón de grazas e máis.

No hay comentarios:

Publicar un comentario