Benvidas, benvidos, amigas e amigos

A paz é o camiño, e facemos camiño ó andar. A paz é un descubrimento, non unha conquista, dicía, Raimon Panikkar. A guerra e a violencia non son fatalidades biolóxicas. Aprendemos a ser violentos. Por iso temos que "desaprender" para ser pacíficos, que non submisos, nin súbditos, nin mansos. Federico Mayor Zaragoza di que a aprendizaxe da democracia é a pedagoxía da paz. E María Zambrano afirmaba que a paz é moito máis que unha toma de postura, é unha auténtica revolución, un modo de vivir, un modo de habitar o planeta, un modo de ser persoa.
A paz como cultura...

10 feb 2011

Veos que desvear...


Si alguén, con boa ou mala intención, quixera seleccionar ó alumnado dun centro, é dicir, impedir que, por exemplo, alumnas musulmás accedan a un determinado colexio, a mellor fórmula, sen dúbida, sería, desde logo, a implantada, democraticamente, no Colexio Novo de Arteixo, un centro, de nova creación que, poñendo a venda diante da ferida, en previsión, por si acaso, promove un Regulamento, inédito nun Concello cunha comunidade musulmá significativa, que equipara calquera complemento que cubra a cabeza: panos, gorras, pasamontañas, veos..., con carácter xeral, e prohibe o seu uso dentro das clases. Impecable desde o punto de vista democrático. O Claustro e o Consello Escolar o aproban, con independencia ou non de que entre en contradición coa lei de liberdade relixiosa, cos dereitos humanos, cos dereitos dos nenos e das nenas, a Constitución e o Estatuto de Autonomía. O centro é soberano. O centro non é racista. O centro non discrimina. Aplica a norma a todos e todas por igual. E a Consellería aplaude, asume e acata, se inhibe daquela maneira porque se ofrece para cambiar á nena de colexio, iso si, si os pais o solicitan.
Mentres tanto, a nena acumula faltas leves, non participa nas actividades extra-escolares -por sanción- e pode ser expulsada temporalmente por falta grave vulnerando o seu dereito supremo á educación e á escolaridade.
Todo moi legal, moi educativo e moi democrático. Faltaría máis.
¿Que pasaría si unha mestra, como a nena, galega, de relixión musulmá, decidira impartir as súas clases con pano?
Desde unha perspectiva laicista, todos os símbolos relixiosos, e digo todos, deberían desaparecer da vida pública, empezando pola propia relixión nos colexios e institutos, e canalizarse a través das Mezquitas, Sinagogas, Igrexas... e financiadas por elas mesmas. Esta é a tradición republicana francesa, mais non é a española. No noso caso, a aconfesionalidade do Estado está fortemente mediatizada, escorada cara a Igrexa Católica con múltiples privilexios que non ven agora ó caso recordar en relación coas outras confesións ou coa libre decisión de non ter ningunha.
Desde o punto de vista da discriminación, das imposicións paternas ou familiares, sociais, culturais, etc. tamén teriamos moito que rascar e nunha boa Educación para a Igualdade, aquela que ensina a pensar (non o que pensar), a decidir libremente, como dicía D. Francisco Giner de los Ríos, a dirixir con sentido a propia vida, educando, a nena galega de 11 anos, musulmá con todo dereito, tería capacidade para cuestionar ou non o seu veo, vearse ou desvearse a vontade.
Fan ben os pais en buscar asesoramento legal, fan mellor en asegurar a escolarización da súa filla e garantir o seu dereito á educación no centro que escolleron, en reclamar unha revisión do Regulamento de Réxime Interior, en denunciar que non pode contradicir unha lei superior, e en protexer á nena, unha cativa que parece contar coa comprensión dos seus compañeiros e compañeiras, máis tolerantes, con máis sentido común, que a norma aprobada, pero que parece non ter a protección institucional que merece, como calquera ser humano, moito máis por menor. E a Consellería debera ser moito máis sensible.
Si esta é a fórmula para alonxar dos centros ás familias musulmás, o exemplo, lamentablemente, podería xeneralizarse, aínda que debemos ter confianza de que non todas as comunidades educativas son como a do Colexio Novo de Arteixo.
¿Poderá a Consellería deixar que estes asuntos dependan das características de cada Consello Escolar?. ¿O prohibicionismo, de facto, do veo, é a solución máis educativa, máis tolerante, máis integradora, máis intercultural?. Outro asunto sería, como comentamos noutros artigos, que impedira o normal desenvolvemento das clases ou a identificación e o coñecemento da alumna. Pero non parece o caso.

1 comentario:

  1. Gracias, Manuel, pola claridade e precisión das túas palabras encamiñadas a resolver e a educar.

    ResponderEliminar